Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 02
    Agosto
    2010

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Bisbal abre na Coruña unhas festas en rebaixas

    a-coruna-maria-pita-2010-cartel

    Sobre 50.000 persoas presenciaron na praia coruñesa de Riazor o concerto dominical de DAVID BISBAL para abrir as festas María Pita 2010. A cifra está moi ben, máis tendo en conta que é, moi de lonxe, a actuación estelar e única para esta edición das festas marcada polo recorte drástico do orzamento.

    É que realmente o programa sofre un recorte espectacular no apartado que consideramos principal en calquera festa que se precie: a música. Algúns concertos de estilos minoritarios, unha programación que conta de novo coa nosa ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA, as grandes citas que se reducen a tres (BISBAL e CRISTINA PATO con ROSA CEDRÓN, dentro dunhas horas, e SUSANA SEIVANE E AMIGOS o día 13 na praza de María Pita), a supresión da verbena das estrelas que congregaba a tres orquestras é substituída por concertos tributo a Dire Straits, Michael Jackson e Elvis Presley coa actuación de BROTHERS IN BAND, ARDEBULLO BIN BAN e FACE TO FACE, e distintas verbenas polos barrios con orquestras como a TRÉBOL (o día 13 na Praza de Pablo Iglesias), a MANHATTAN (o día 18, no parque do Centro Cívico dos Mallos), ARMONÍA SHOW (o 19 en Eirís), TV NORDÉS (na praza da Tolerancia, Cidade Escolar), grupo CHASTON (na "pista verde" da Sagrada Familia o 26 de agosto) ou MATALOBOS ORQUESTRA e EL COMBO DOMINICANO cerrando as festas na romaría de Santa Margarida).

    Mención á parte merece o NOROESTE POP ROCK que a piques estivo de non se facer se non fose pola presión exercida por distintas asociacións da cidade e unha forte campaña a favor da súa organización como o festival que sempre foi. Os días 4 e 5, en Riazor, levarase a cabo un NOROESTE que semella volver ás súas raíces: LOS PLANETAS, CORNELIUS 1960, LOQUILLO ou CARLOS CHILDE GROUPE actuarán cos gañadores A e B resultado dunha votación popular por Internet.

    E nada máis, en canto a música se refire. O programa dista bastante do de anos anteriores e visto o resultado sumámonos a aqueles que consideran que mellor sería facer unha semana grande chea de espectáculos, música e todo tipo de actividades festivas no canto de alongar un programa durante un mes. Non sería mellor facer un tipo de festas como, por exemplo as pontevedresas da Peregrina, con concertos e verbenas a diario durante 10 ou 12 días?

    De todos os xeitos xa están aquí as Festas María Pita 2010 e pódese consultar o programa completo na web do concello coruñés. Boa festa!

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook