Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 30
    Marzo
    2012

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Festa da Chuvia en Ribeira, onde se non?

    Ribeira 2012 - Festa da Chuvia - cartelCartel da nova edición da Festa da Chuvia, en Ribeira durante esta fin de semana e ata o mércores 4 de abril

    Xa chega unha nova edición da Festa da Chuvia na capital do Barbanza, Ribeira. Malia o nome, a cita festiva non é só unha festa popular das tradicionais, para iso xa temos as do Verán, a de Santa Uxía ou a Dorna… A da Chuvia é un festival que ten a súa historia e que se foi afianzando no calendario ata se converter nunha das principais ofertas festivas da temporada en toda a comarca e que leva implícito, ademais, outro tipo de actividades lúdicas e culturais.

    O festival ribeirense conta xa conta con 10 anos de traxectoria ininterrompida. Desde a súa aparición en 2002, foise organizando ano a ano en distintas datas, ampliando o seu formato e duración, e brindando unha oferta musical variada. Será na 5ª edición cando se dá o salto a gran formato de festival e se establece de forma definitiva a súa celebración, o sábado anterior á Semana Santa, coincidindo así este evento ao redor da primeira lúa chea da primavera boreal, e pasando a ser un punto de referencia musical no Barbanza.

    A historia da festa está marcada dende os seus comezos pola protesta e a reivindicación de novos espazos nos que desenvolver as variadas expresións artísticas que engloba, a loita directa polas inxustizas cometidas cos músicos na rúa, a difusión da cultura baixo a consigna de liberdade de expresión, e o posicionamento férreo en pro da arte e das súas múltiples manifestacións. En resumo, unha loita continua na procura dunha identidade con obxectivos claros que caracterizan o festival e lle dan forma e cor a esta festa.

    Un total de dez edicións con contidos e obxectivos claros e definidos que ano a ano se foron incrementando, como a participación de varios músicos de ámbito local, autonómico e nacional; a animación de rúa, sempre presente; a gravación en audio e vídeo das bandas participantes, coa súa respectiva divulgación; a creación dun entorno artístico interdisciplinar onde lles dar cabida a todo tipo de talleres e actividades; e a implicación social, levando a cabo propostas de reciclaxe como o uso de vasos ecolóxicos, para a conservación do entorno da festa e a concienciación social con respecto do medio ou propostas de recuperación gastronómica, elaborando receitas tradicionais que se poden degustar na festa.

    Cun espírito emprendedor, os organizadores da festa elaboran ano a ano un programa variado e novo, onde se atopa calidade musical e espectáculo cargado de frescura e imaxinación, facendo ao público participe da festa con distintas propostas como por exemplo deseños gráficos para cartelería.

    Chega unha Chuvia en clave de Sol Maior, grande, abundante e chea de cor, ata o mércores 4 de abril.

    PARTICIPA!!!

    Neste enlace de certo.es podes saber máis sobre a festa e coñecer o programa

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook