Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 17
    Febrero
    2010

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Festas do Barbanza con distinción

    ribeira-dorna-2009-imaxe-sudadeiraA Dorna de Ribeira e o Nazareno da Pobra do Caramiñal queren conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Ilustración deseñada por Andrés Pérez Regueira para a Dorna 2009

    Dúas das celebracións populares con máis raigame do Barbanza queren pegar o salto e converterse en Festas de Interese Turístico Nacional. Estamos a falar da Dorna de Ribeira e do Nazareno do concello veciño da Pobra do Caramiñal. Estas festas que xa están declaradas de Interese Turístico Galego poderían pasar a maior rango igual que no seu día aconteceu coa Guadalupe de Rianxo.

    Un dos requisitos que se esixen desde a Administración é que a cita popular que pretende tal distinción ten que ter acadado o título de Festa de Interese Turístico galego desde polo menos cinco anos antes da petición. Este prazo xa transcorreu no caso da Dorna de Ribeira e polo tanto é tempo de poñerse mans á obra.

    Desde a Ilustre Cofradía da Dorna de Ribeira estase a traballar para poder acadar a distinción nacional. A Festa da Dorna é sen dúbida a celebración de máis sona na capital do Barbanza e unha das principais de toda comarca. A festa, con máis de 60 anos de historia, celébrase o día 24 de xullo e días precedentes, concretamente desde a fin de semana anterior, e este ano, ademais, será festivo no Concello.

    No caso do Nazareno, famoso pola súa procesión das mortallas cada terceiro domingo de setembro, hai que se remontar ao século XV para atopar as súas orixes. Para acadar a nova distinción os traballos na Pobra están máis avanzados. Segundo o rexedor pobrense Isaac Maceiras, xa está a traballar sobre a procura da documentación precisa o historiador Antonio González Millán. O Nazareno foi declarada de Interese Turístico Galego hai 6 anos, un antes que a Dorna de Ribeira.

    O feito de ser declarada unha festa de Interese Turístico Nacional afecta directamente á publicación e difusión da celebración en medios de comunicación e aumenta o número de visitantes, incluso de fóra de Galicia. Un exemplo claro pódese ver na propia zona: as festas da Guadalupe de Rianxo son unhas das máis sonadas en toda Galicia e con gran número de visitantes.

    En Ribeira e mais na Pobra as celebracións citadas son as máis importantes en cadanseu concello aínda que hai outras tamén salientables como as Festas do Verán de Ribeira, a comezos de agosto, e as patronais de Santa Uxía, en setembro, coa actuación este ano da orquestra PANORAMA, ou o Carme dos Pincheiros na Pobra en pleno mes de agosto. Aínda que as que funcionan como "embaixadoras" do municipio pobrense son as do Nazareno, en palabras do propio alcalde.

    Se estas festas xa de por si son importantes e coñecidas, a obtención da distinción de Festa de Interese Turístico Nacional incrementaría de seguro a súa fama e prestixio.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook