Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 22
    Julio
    2011

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Loroño, o esforzo dunha parroquia pequena por facer unhas festas grandes

    Zas 2011- Festas de Loroño - cartel

    A pequena parroquia de Loroño (Zas) celebra outro ano as súas festas patronais. É só un pequeno exemplo de tantos lugares espallados pola xeografía galega que loitan todo o ano e traballan arreo para ter as mellores festas posibles.

    En Loroño as festas son moi grandes, máis aínda se temos en conta a poboación avellentada das aldeas que forman a parroquia. O mesmo que a xente e a puxanza económica da man da agricultura e gandaría, as festas de Loroño ían pouco a pouco esmorecendo ata hai aproximadamente dez anos. Un grupo de mozos e mozas fixéronse cargo da comisión e as festas foron recuperando o seu esplendor paseniñamente pero sen pausa. Orquestras como GALILEA, MARBELLA, PHILADELPHIA, LA OCA ou JERUSALÉN foron pasando por Loroño estes últimos anos ata 2008.

    E chegou 2008 e cumpriuse o soño dun grupo de mozos e mozas que levaban tempo traballando para poder facelo realidade: Loroño puido contar para as súas festas coa orquestra PANORAMA acompañada por VERSALLES. No pequeno campo da festa onde malamente os tráilers da PANORAMA podían manobrar montouse un festón que precisamente estes días foi moi recordado. Era insólito poder contar cunha orquestra destas características á que aínda custa traballo contratar para as festas do Concello… pero é que as de Loroño se están a converter en referencia na zona grazas ao esforzo dos seus veciños pero sobre todo da mocidade que se fixo cargo das festas.

    E chegou 2009 cun cartel moi digno: unha boa orquestra, a PONTEVEDRA e o considerado grupo revelación 2009, CICLÓN, que fixeron unha noite de festa como se merecen os veciños. Os coches aparcados nos herbais próximos ao lugar da celebración, diante do adro da igrexa, podíanse contar por centos. As festas de Loroño seguían a afianzarse na súa nova etapa.

    Pois no empeño de seguir ofrecendo carteis espectaculares nun lugar pequeno, en 2010 chegou á parroquia zaense outra das grandes: OLYMPUS de Negreira acompañada do grupo TRIUNFO de Pontevedra. A noite do 24 en Loroño volveu a brillar con luz propia e a comisión de festas volveu ver recompensado o seu esforzo por facer un cartel de altura nun ano no que a baixada de presuposto, e polo tanto de días de festa ou calidade das orquestras, empezou a ser xa habitual en todos os concellos galegos. A festa só se viu empañada por algúns actos vandálicos como sacar as alpacas de palla das leiras ou encher de pedras os depósitos dos tráilers da OLYMPUS, actos, todo hai que dicilo, atribuíbles a xente de fóra da parroquia.

    E chega este ano, con menos cartos pero coas mesmas ganas de facer boa festa. Repite o grupo TRIUNFO de Pontevedra, acompañado por TEKILA de Asturias e as sesións de varios DJs. Dentro dos grupos de orquestra poden ser considerados como formacións un pouco máis encamiñadas á xente nova que os tradicionais grupos musicais, pero non deixan de lado os típicos estilos verbeneiros. A noite do 24 volverá ser especial en Loroño.

    E o 25 aínda haberá festa da man doutro grupo musical, pero esta vez a festa está máis enfocada á xente da parroquia.

    Noraboa, amigos de Loroño, e grazas por ofrecernos tan boa festa!!!

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook