Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 19
    Mayo
    2010

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Nin botellón nin carallada, en Camelle hai festa rachada!

    camarinas-camelle-espirito-santo-2010-cartel1

    Esta fin de semana hai festa en Camelle; son as patronais. Pero neste pequeno lugar mariñeiro teñen outras moitas celebracións e chama a atención que nunha vila do seu tamaño haxa máis festas ca noutros lugares moito máis grandes. Ademais, non son unhas festas de nivel baixo a xulgar polas orquestras que normalmente actúan alí. Para coñecermos un pouco máis como son as festas de Camelle e como se amañan para poder ofrecer un bo cartel ano tras ano, imos falar hoxe coa presidenta da Comisión de Camelle, Perla Vázquez, a poucos días de que dean comezo unhas das festas máis importantes na vila de Man...

    camarinas-camelle-carme-2009-fotoImaxe tomada nas festas do Carme de Camelle en 2009

    ENTREVISTA A PERLA VÁZQUEZ SÁNCHEZ, PRESIDENTA DA COMISIÓN DE FESTAS DE CAMELLE

    -Cal é o principal problema co que se atopa hoxe en día unha comisión de festas?

    -O problema máis grave co que nos encontramos é sempre o económico. É moi dificil nunha vila pequena como Camelle poder organizar estas festas.

    -Como facedes para xuntar os cartos para as festas?

    -Pedindo polas casas dos veciños de festa en festa, case que xa non saímos das súas portas, porque aínda ben non acabamos cunhas festas e xa empezamos con outras e traballando todo ano.

    -En Camelle tedes varias festas anuais. Estas son as primeiras pero hai máis...

    -Si, as primeiras xa as temos á porta, son esta fin de semana, 21, 22 e 23 de maio. Son as nosas festas patronais na honra do Espírito Santo; pero despois temos outras moi sonadas, os días 30, 31 de xullo e 1 de agosto; son as do Carme, as festas que máis se viven en Camelle ao ser un lugar mariñeiro. Os días 4 e 5 de setembro aínda temos outras, as do Sacramento, e o 25 do mesmo mes as de San Miguel. Como vedes aquí a comisión non nos aburrimos para nada, hai moito que facer.

    -É raro ver a unha muller como presidenta dunha comisión de festas. Isto parece que cambiou ultimamente porque na Coruña tamén hai unha comisión formada exclusivamente por mulleres... cal é o teu traballo dentro da Comisión de Festas?

    -Eu coido que agora xa hai máis mulleres das que se pensa nas comisións, nesta somos todas mulleres. Eu encárgome de todo o papeleo, os permisos, as subvencións. Tamén me encargo dos chiringuitos e das atraccións, e de case toda a organización sempre contando coa opinión das miñas compañeiras. E despois, os días da festa, fago de todo: pedir, vender, traballar na taberna...

    -E como compaxinas todo isto co teu traballo e coa túa familia?

    -Para min o do traballo é un pouco complicado, teño panadería e pastelería, pero trato de non deixar nada para última hora, porque eses días teño moitísimo traballo. Aínda así son a encargada de ir colocando as actraccións e as orquestras nos seus sitios e mirar que todo vaia ben, algo que fago entre tarta e tarta.

    Coa familia lévoo ben; os meus fillos xa son grandes e están estudando fóra.

    -E colaboran ben os veciños ou nótase a crise para organizar as festas en Camelle? Porque traer a Panorama son palabras maiores á hora de pagar...

    -Aquí o pobo estase a portar moi ben pero a crise si que se está a notar, e o problema é que as orquestras boas aínda están a subir os prezos, cada ano son máis caras.

    -Que outras actividades organizades á parte das festas?

    -Facemos actividades culturais diversas, Entroido, a festa da palilleira, o magosto e as festas no Nadal...

    -E hai colaboración por parte do Concello de Camariñas?

    -Aínda vai axudando, non podemos queixarnos.

    -Por Camelle xa pasaron algunhas das consideradas orquestras grandes e este ano tócalle á Panorama...

    -Si, fai xa catro anos que está contratada. Non é fácil traela ao ser as nosas festas sempre en fin de semana.

    Orquesta Panorama 2010 cartel

    -E tamén actuará o grupo Ciclón. Estes veñen bastante a Camelle, por que cres que gusta tanto esta formación na vosa vila?

    -Penso que é porque son moi abertos coa xente e eu quedo asombrada, porque a maioría do pobo nos di que non poden faltar xa nas nosas festas. Na xuventude penso que isto é normal porque o segundo pase é moi cañeiro, pero o curioso é que a xente maior tamén a pide. Temos unha relación moi boa co grupo porque confiamos neles dende a súa fundación, moita xente coñeceunos aquí e dúas veces ao ano traémolos sempre. E á parte disto a xente de Camelle ségueos por moitos sitios e apóiaos.

    -De todas as orquestras que pasaron por Camelle todos estes anos, cales destacarías?

    -É imposible nomealas todas, pasaron moitas. As que máis gustaron foron Olympus, París de Noia, Ciclón, Jerusalén, Televisión, Alarma, Nueva Generación, Manila, La Bámbola, o grupo Jocker e moitas máis; a verdade é que case todas as que estiveron aquí quedaron ben.

    -Estes últimos anos parece que houbo un rexurdir das festas, como ves ti, desde dentro dunha comisión, o futuro das nosas festas populares?

    -Complicado, penso que cada vez hai menos xente que se queira meter nunha comisión. E iso que agora a xuventude está vindo cada vez máis ás festas.

    -Que lles dirías aos visitantes de Festa a Festa que lean esta entrevista?

    -Que os invito a todos a que veñan disfrutar con nós destas festas; seguro que o ides pasar moi ben; somos unha xente moi aberta e facemos que aquí ninguén se sinta forasteiro. O noso eslogan:

    NIN BOTELLÓN NIN CARALLADA, VINDE A CAMELLE QUE HAI FESTA RACHADA!!!!!!

    Quero agradecerlle a Perla publicamente que nos concedese a entrevista e nos dedicase o seu tempo na semana das festas, cando todo é pouco, ultimando os detalles para as celebracións e atendendo o seu negocio, que estes días ha de estar a rebosar de clientes. Moitas grazas polo teu tempo e que as festas vos saian como merecedes: impresionantes!

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook