Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 27
    Junio
    2010

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Orquestra Treboeiro: a música tradicional galega feita desde a quinta provincia

    orquestra-treboeiro-entrada-webCaptura da entrada da web da orquestra galega Treboeiro

    TREBOEIRO, nome contundente para unha orquestra galega da que hoxe imos falar. Mais non a busquemos no catálogo de ningunha axencia das importantes e coñecidas neste gremio, porque non a habemos atopar. Tampouco vai por libre, como moitas outras orquestras en Galicia que funcionan de xeito independente. Simplemente non a atoparemos porque a TREBOEIRO non está aquí, hai que cruzar o charco para atopala.

    A orquestra galega TREBOEIRO localízase na Arxentina, e só desde alí se pode entender a razón de ser da banda. Esta é unha das formacións musicais máis importantes para manter a música tradicional e o legado cultural galego en terras arxentinas. O seu repertorio confórmano pezas realizadas por e para os emigrantes austrais. Música galega que afonda especialmente naquela que foi composta polos que tiveron que emigrar.

    Para poder levar a cabo este traballo téñense en conta estudos de antropoloxía dirixidos por Pablo Cirio, un dos fundadores da orquestra xunto con Raúl Expósito. Así, os instrumentistas da formación musical tratan de salientar as peculiaridades da emigración na cultura musical galega; un punto de vista que non se ten moito en conta a esta beira do charco. Deste xeito, a música de TREBOEIRO lonxe de esquecer a súa orixe, inclúe nela a súa forma de entender e vivir a nosa cultura, con trazos característicos dos galegos da emigración.

    orquestra-treboeiro-fotoOrquestra Treboeiro

    Neste ano Xacobeo 2010 teremos oportunidade de ver de novo por Galicia a TREBOEIRO. Despois da xira do pasado ano por terras galegas, a formación musical volverá no vindeiro mes de xullo para ofrecernos o seu repertorio máis característico. Os seis compoñentes de TREBOEIRO traerán na maleta o seu bo facer e a visión persoal da música galega desde o punto de vista dos irmáns da quinta provincia.

    Pero tamén traerán novo disco. Despois da primeira produción musical en CD da orquestra, Retornados do futuro, sae un novo traballo discográfico baixo o título Galiza Tropical. Ritmos como o valse, o pasodobre, a bossa nova ou un tema que funde o rock co valse. Música tradicional 100% e con instrumentos xenuínos sen ningún tipo de apoio.

    OS MÚSICOS

    Seis son os compoñentes da orquestra TREBOEIRO. Catro homes e dúas mulleres cuns currículos de xente experimentada. Músicos, docentes, investigadores... toda a súa formación profesional está relacionada coa música. Desde Raúl, dos máis veteranos, ata Fernanda, dos máis novos, todos os integrantes da TREBOEIRO teñen ás súas costas preparación e experiencia dabondo como para defender un proxecto destas características.

    A continuación ofrecemos un resumo da vida profesional dos compoñentes desta orquestra galega en terras arxentinas:

    RAÚL EXPÓSITO

    orquestra-treboeiro-2009-foto-raul-expositoO cofundador e director musical da orquestra galega Treboeiro, Raúl Expósito Gándara

    É o fundador e director musical dos TREBOEIRO xunto con Pablo Cirio. Fillo e neto de músicos, os seus fillos tamén continúan co legado familiar. Xa desde os sete anos Raúl empeza a ter contacto cos instrumentos musicais. A frauta e mais a gaita son dous deles, a pandeireta e mais o acordeón virán despois. Con amplos coñecementos de solfexo e mesmo de arte dramática, Raúl funda e dirixe o coro Arrieiros, de Mos e outras agrupacións e asociacións músico-culturais xa na Arxentina.

    Despois de ser integrante en diversos coros galegos, ao outro lado do mar traballou en multitude de formacións musicais como a Richmond Jazz, Italo Danés y los Rítmicos, Los Estudiantes, Orquesta Iberia ou o conxunto de acordeóns Hermanos Moreira. Tamén forma parte da banda de gaitas Emigrantes Gallegos.

    O pasado ano, segundo Raúl me comentaba por comunicación escrita, a xira de TREBOEIRO por Galicia foi emocionante para el. Había 20 anos que non pisaba terra galega e traía ansia de ver, escoitar, asimilar. Todo o tempo foi pouco para dar collido tanta información. Este ano poderá repetir experiencia.

    FERNANDA AZNAR

    E do máis veterano á máis nova. Fernanda naceu en 1983 e é profesora superior de música. Especializada en saxofón e frauta traveseira, xa pasou por outras dúas orquestras antes de aterrar na TREBOEIRO. A orquestra de ventos do conservatorio Juan José Castro e mais a orquestra Andrés Rolón foron as súas primeiras experiencias de cara ao público nunha banda musical.

    NÉSTOR DANIEL TORRES

    E, como non, unha orquestra sen batería sería outro tipo de banda. O baterista da TREBOEIRO ten experiencia noutro tipo de conxuntos, o que o fan un músico ben completo e coñecedor doutros estilos musicais e formas de interpretación. Pasou por bandas de rock (Ni los perros ou Atilium) coas que tocou en xiras por outros países como Uruguai, Brasil ou Paraguai, ou incluso heavy metal (Norberto Napolitano); e tamén por orquestras como MP4 ou Alejandro Medina (orquestra latinoamericana). Tamén tocou música pop coa orquestra Pájaro Zaguri. Como integrante da orquestra Iberia tomou contacto coa música galega e doutras comunidades autónomas españolas.

    CAROLINA BETTOLI

    E a voz. Fundamental nunha orquestra tradicional. Carolina é a voz principal de TREBOEIRO e tamén percusionista. A cantante e música formou parte doutros conxuntos vocais e corais arxentinos como La Maroma, Ars Subtilis ou Cámara XXI. O grupo Ars Antiqua, La Morra (de música renacentista) ou outras formacións de jazz e bossa nova completan o amplo currículo desta artista.

    JULIO HERNÁNDEZ

    O todoterreo da orquestra. Toca a frauta traveseira, o clarinete, o saxo alto e o saxo barítono. Foi director do conservatorio de música El Talar e participou en proxectos musicais como a Mega Big Band, a Swami Big Band, o cuarteto de saxos Cuatro Vientos ou a orquestra Klezmer.

    LEO VENTOLA

    O Mestre Ventola ten un currículo moi completo, dálle a varios paus. É músico, compositor, arreglista e docente. Como compositor ten varios traballos para bandas de música e para a TREBOEIRO. Como músico traballou en distintas formacións musicais como a Big Band Jazz e as orquestras Caribean e Iberia. Como docente foi director dun conservatorio e profesor de Linguaxe e teoría musical.

    orquestra-treboeiro-2009-foto-luarA orquestra Treboeiro tamén pasou a pasada temporada polo programa Luar

    En breve veremos a TREBOEIRO por terras galegas. Están a piques de chegar para ofrecernos o novo repertorio e amosarnos un pouco máis desa música tradicional galega vista e interpretada con trazos dos nosos irmáns, aqueles que tiveron que embarcar para buscar un futuro mellor. Aquí os esperamos.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook