Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 20
    Febrero
    2010

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Panorama 2010, presentación da Xira do Xacobeo: a crónica

    20100219 Panorama Presentación Xira do Xacobeo 2010 - 16A presentación da nova temporada da orquestra Panorama, A Xira do Xacobeo, tivo lugar no Teatro Principal de Compostela /© fotografía roxegar

    A orquestra PANORAMA acaba de presentar a nova temporada 2010, a Xira do Xacobeo. Na capital galega e nun marco incomparable, o Teatro Principal, a formación musical reuniu na noite do venres a case 200 adeptos para presentar novas caras, nova montaxe e multitude de sorpresas.

    Nun escenario teatral decorado para a ocasión a modo de salón, con amplos sofás, mesiñas e lámpadas, facendo un ambiente familiar, foron aparecendo un a un os compoñentes de PANORAMA recibidos todos eles con grandes aplausos, os de sempre e tamén os novos, como se xa fosen da casa. Claro de Oubiña ou Xurxo, por exemplo, son un pouco máis da casa. Outro dos máis aplaudidos foi Alexandre Jurado, que protagonizou a entrada máis elegante.

    Despois dunha introdución recordando os comezos dunha humilde formación de 8 membros chamada PANORAMA, hai 22 anos, a primeira parte da gala centrouse en presentar os novos compoñentes da orquestra: os tres metais que se estrean nas filas panorámicas, e as voces femininas. Roberto (procedente da GALILEA), Germán (ex MILLENIUM) e Felipe (ex OLYMPUS) amosáronse encantados de entrar a formar parte do cadro de músicos da orquestra. Despois chegou o momento das cantantes: Lydia Salar (procedente de LA HUELLA ) e Maythe Leiva (procedente de LA DÉCADA PRODIGIOSA). As vocalistas mostráronse dispostas a levar a cabo un duro traballo de adaptación para ofrecerlles o mellor espectáculo aos seguidores, conscientes tamén do gran "tirón" que ten a orquestra en Galicia e algo asombradas do fenómeno fan que rodea á formación musical.

    Tamén houbo un momento para o recoñecemento da solidariedade que PANORAMA brinda aos enfermos de cancro cunha pequena entrevista á presidenta da AECC de Pontevedra, presentando os datos de recadación de 2009 e explicando en que se invisten os cartos doados por todos os seguidores da orquestra. Anunciouse tamén a III Gala contra o cancro: mesmo día, mesmo lugar, mesma hora (venres 30 de abril, Ordes, 23:00 horas).

    Outro dos aspectos importantes de PANORAMA é o seu club de fans, e para explicar un pouco cal é o cometido dunha presidenta nun club destas características subiu ao escenario Patricia Romero. Por certo, o club xa supera os 5000 inscritos.

    E o tempo de despedidas materializouse coa presenza de dous ex PANORAMA: Diana Cea e Enrique Novas, os dous integrantes que, ademais, deixan o mundo das orquestras. Custará afacerse a non velos a ningún dos dous no escenario, porque aos outros tres (Irene, Polito e Noelio) poderémolos seguir noutras formacións musicais. Apareceu en escena un Enrique que se amosaba contento polo novo rumbo que vai tomar a súa principal actividade profesional, que nada ten que ver coa música, e unha Diana que estaba eufórica e regalaba a súa sonrisa ao público, coma sempre. A ela poderémola ver na III Gala de Ordes cantando un tema coa orquestra. Algo é algo.

    E o resto de sorpresas seguirán sendo sorpresas porque non se desvelaron datos importantes da xira nin da Gala contra o cancro. Salvo detalles como que haberá un musical na metade do primeiro pase dado o gran éxito que tivo o musical de Disney de 2008 ou o anterior de 2007 (Mecano, Jesucristo Superstar ou Grease) ou que se editará novo CD e tamén nova canción propia despois do éxito de Cómo está el panorama.

    20100219 Panorama Presentación Xira do Xacobeo 2010 - 07

    Entrada de Alexandre Jurado no escenario do Teatro Principal / © fotografía roxegar

    Pero non houbo ningún adianto máis do tour 2010. Excepto a proxección dun making off dos vídeos que se gravaron en varios lugares, entre eles O Grove, e que serán emitidos nas festas, o resto segue a ser sorpresa. Pouco sabemos sobre a nova montaxe, que xogará coa realidade e o virtual intercalando imaxes gravadas; moi pouco sobre o repertorio (deducimos que os temas que se cantaron na gala estarán incluídos na xira), e nada dos artistas que acompañarán a orquestra na Gala de Ordes. Por máis que o intentou o presentador, rien de rien. Top secret, aínda que Lito prometeu ir informando a medida que se achegue a data e se cerren os acordos cos participantes.

    E non podía faltar a música: catro temas cantados por cada un dos vocalistas, acompañados na maioría dos casos polo piano de Carlos Oubiña e a guitarra de Lote, foron intercalándose na presentación en Compostela. I will always love you de Witney houston por Lydia Salar; grande interpretación, boa voz, movementos perfectos. O tema estrela de Jesucristo Superstar por Jorge Ferre; novo look, chorro de voz como nos ten acostumados e dedicación ao público. Tema de Donna Summer, Last dance, da man de Maythe Leiva; boa voz e boa modulación, posta en escena máis agresiva que a de Lydia aínda que o tema tamén o requiría e, para finalizar, míster Lito. E o de míster non é un alcume calquera porque o máis veterano cantou en inglés; concretamente un dos últimos éxitos de Robbie Williams, Angels. Moi metido na interpretación, o coco pensante de PANORAMA ofreceunos un tema diferente ao que nos ten afeitos.

    E a festa continuou na sala Capitol. Un recinto cheo ata os topes compartiu noite cos integrantes de PANORAMA que regalaron carteis, camisetas, autógrafos e fixeron fotos. Tamén a música, por parte das novas integrantes e de Diana Cea. Todo isto nunha noite xélida que puxo moitos alicientes para que o novo tour da orquestra PANORAMA, a Xira do Xacobeo, leve a partir do 12 de marzo a música e o espectáculo por máis de 200 localidades de Galicia, Castela-León, Asturias ou Portugal.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook