Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 02
    Abril
    2012

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Queda só un día para a cita salseira do ano en Galicia: Los Van Van en directo

    LosVanVan - Singers 2012 A meirande orquestra de son cubano tocará na Sala Capitol de Santiago o martes día 3 de abril ás 21:30 horas

    Los Van Van, que arrasan estes días na súa xira europea, só darán 4 concertos en España: Madrid, Bilbao, Barcelona e Santiago

    As entradas están á venda na Casa das Crechas e as webs www.salacapitol.com e www.codetickets.com. O prezo da entrada anticipada é 18€ e na billetería custará 20€

    Dentro de apenas un par de días o tren da salsa cubana, Los Van Van, chegará cargado de enerxía a Santiago de Compostela. A meirande orquestra de salsa cubana dará un concerto único en Galicia o vindeiro martes día 3 de abril. A cita será na compostelá Sala Capitol ás 21:30 horas. Esta actividade forma parte da programación deseñada pola Casa das Crechas para celebrar o seu 25 aniversario, organizada coas produtoras Endirecto e Nordesía, patrocinada por Ron Ritual, Coca-cola e Heineken e que conta coa colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella.

    A miúdo cualificados como os Rolling Stone da música cubana pola súa capacidade para encher estadios, estes días Los Van Van están arrasando na súa xira europea, con aforo completo en cidades como Copenhague, Leipzig, Hannover, Viena, Praga ou Zürich. A próxima semana aterrarán en España, onde realizarán catro actuacións: Madrid, Barcelona, Bilbao e Santiago. Trátase, polo tanto, dunha oportunidade única e imprescindible en Galicia para salseiros e salseiras de todas as idades.

    Desta volta Los Van Van presentarán en directo o seu último disco, La Maquinaria, co que suman xa 17 álbums, todos eles de referencia obrigada para os incondicionais do son cubano. Subiranse ao escenario da Sala Capitol cunha formación de 16 músicos, encabezados polas voces de Yenisel Valdés, Mandy Cantero, Roberto Hernández e Abdel Rasalps e liderados polo batería Samuel Formell, fillo do fundador da orquestra, o baixista Juan Formell.

    As entradas poden mercarse na Casa das Crechas (18€) ou a través das páxinas web www.salacapitol.com e www.codetickets.com (18€ máis gastos de xestión). O custe da entrada na billetería será de 20€.

    A lenda cubana

    Los Van Van son sen dúbida un número un en Cuba e unha das orquestras de salsa máis importantes no mundo. Poñen de manifesto a súa popularidade comparacións como a que fixo outro dos grandes da música cubana, Silvio Rodríguez, quen afirmou: "se o Reino Unido ten a The Beatles, nós temos a Los Van Van". O seu éxito levou á orquestra a estar nominada aos Grammy en varias ocasións e mesmo gañaron un no ano 2000 polo disco Llegó Van Van.

    Los Van Van foron fundados en 1969 por Juan Formell, cuxa traxectoria anterior en varias agrupacións, desde a orquestra do Instituto Cubano de Radio e Televisión ata varios grupos de son e jazz ou a Orquesta Revé, encamiñaron a súa busca cara a un estilo de seu. Desde entón produciron algúns dos temas máis influentes da música latina de todos os tempos, introducindo novos ritmos e estilos que pegaron con forza nas salas de baile de medio mundo. A eles débense a expansión de grandes hits como "Sandunguera", "Que le den candela", "Deja la ira", "Esto te pone la cabeza mala" e "El negro está cocinando".

    O seu emprego do saxofón sintetizado e dos violíns eléctricos e o son bravo dos seus trombóns caracterizan o seu estilo, que mestura unha formación tradicional de percusión cos ritmos derivados do rock, o funk e o jazz dunha gran big band. Cun ritmo capaz de contaxiar aos bailadores máis escépticos, axiña conseguiron saltar aos escenarios internacionais , con fitos como o de ser a primeira orquestra de salsa en ofrecer un concerto na ópera de Sydney.

    Los Van Van caracterizáronse sempre por contar na súa formación coa crème de la crème dunha terra sementada de músicos como é Cuba. A súa lista de intérpretes incluíu aos mellores da salsa cubana, entre outros, a Pedrito Calvo, José Luis Cortés e César Pedroso. Por iso mantívose ata a actualidade entre as preferencias dun público de varias xeracións e tamén porque asistir a un concerto de salsa en directo adquire con Los Van Van unha nova dimensión.

    LOS VAN VAN

    Martes, 3 de abril, 21:30h Sala Capitol * Santiago

    Merca a túa entrada en: www.salacapitol.com / www.codetickets.com (18€+gastos de xestión) Casa das Crechas (18€) 20€ na billetería

    Organiza: CdC25, Endirecto, Nordesía Patrocina: Heineken, Ron Ritual, Coca Cola Colabora: A.C. Cidade Vella

    Máis información en:

    www.vanvandeformell.com, www.los-van-van.de, www.facebook.com/mundovanvan

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook