Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 02
    Septiembre
    2011

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    San Xurxo de Vea: festa con novidades

    A Estrada 2011 - 1ª Noite Folk San Xurxo de Vea - cartel

    A 1ª Noite Folk dá comezo ás festas de San Xurxo de Vea, A Estrada

    No concello da Estrada están de festas, máis concretamente en San Xurxo de Vea. E este ano hai unha novidade importante na parroquia: á parte dos días tradicionais de festexos na honra da Virxe das Dores, a organización ofrece a 1ª Noite Folk a cargo de grupos coñecidos da zona: REGATO DE MATAMULLERES, O SON DA FERVENZA, O ARCO DE MERZA, OS KE HAI, para proseguir con outras dúas xornadas festeiras coa actuación da orquestra ESTRELLAMAR e o grupo V.TRES. O último día terá sesión vermú á saída dos actos relixiosos e será amenizada por un grupo de gaitas.

    A Estrada 2011 - Festa das Dores en San Xurxo de Vea - cartel 2Desde Festa a Festa contactamos cun membro da Comisión de Festas o cal nos concedeu unha entrevista para saber un pouco máis sobre as festas de San Xurxo de Vea. En terras estradenses, festas variadas ata o domingo.

    ENTREVISTA A JOSÉ ANTONIO DURO DE LA FUENTE Membro da Comisión de Festas de San Xurxo de Vea (A Estrada)

    - Cantas persoas compoñedes a comisión?

    - Somos 7 os compoñentes da comisión, pero os días de máis traballo sempre hai alguén máis botando unha man, sobre todo o resto dos familiares dos 7 magníficos que andamos diante.

    - Formar parte da comisión ten que ver coa túa afección polas orquestras?

    - Non, aínda que podería ser. A comisión na parroquia de San Xurxo de Vea organízase por lugares e vaise rotando cada 7 anos, e este ano tocounos a nós. É un xeito de organizar as festas que como calquera outro ten cousas boas e malas. A parte boa é que son os veciños da porta cos que estás todos os días e tes moi boa relación, a parte menos boa é poñerse de acordo como en todas. En canto á miña afección polas orquestas, axuda sobre todo á hora de cerrar as contratacións pois coñezo bastante ben o que nos están a ofertar.

    - Cal é o traballo máis duro para unha comisión?

    - Creo que deberías reformular a pregunta: Que traballo dunha comisión non é duro? [Risas]. Todo dá traballo pero quizais o máis duro sexa o porta a porta, cando vas xunto dos veciños ou dos empresarios pedirlles os donativos, por que ás veces recibes malas contestacións ou malas caras, pero vaia, ao final paga a pena.

    - E cales son os problemas máis importantes aos que lles hai que facer fronte?

    - Cando estás nunha comisión nunca se acaban os problemas, aínda que penses que tes todo moi ben organizado sempre quedan flocos, ou xorden imprevistos: que a orquestra non chega a tempo para facer a sesión vermú, que o xerador de corrente se avaría ou queda sen gasóleo, que os camións non dan entrado ou saído do campo, pero o principal problema é sempre o mesmo: o financiamento.

    - Tedes axudas por parte das distintas administracións?

    - Pois non cho podo dicir aínda. Temos unha subvención solicitada pero non sabemos nada. É difícil ter axudas se non tes a comisión perfectamente organizada, con estatutos, rexistros nas administracións, etc. Se non se trata dunha parroquia grande e con moitísima tradición festeira é moi dificil ter todo iso ao día. Teriamos que contratar un xestor, xa non nos quedan máis horas [Risas].

    Estrellamar 2011 - orquesta - cartelA orquestra Estrellamar é o prato forte das verbenas en San Xurxo de Vea, A Estrada

    - A crise estase a notar nas festas. As orquestras baixan os cachés ou non?

    - Pois a verdade é que penso que aínda non o están a notar. Organizar unha festa faise con moito tempo, nós contratamos as orquestras, tanto para as festas de abril como para as de setembro, no mes de outubro pasado polo que a crise era distinta. Hai orquestras que foron previsoras e reduciron o caché ou non o aumentaron e penso que foron as que mellor traballaron, outras, pola contra, non cederon nas súas pretensións económicas e agora atópanse sen datas ou tirando os prezos para poderen traballar. De todos os xeitos ás comisións as orquestras sempre nos parecen caras e elas supoño que consideran que tiñan que cobrar máis.

    - En tempos de crise hai que innovar para poder sacar os cartos de onde sexa. Vós facedes algo para conseguir máis fondos?

    - Si, organizamos algunha actividade máis: un magosto, un campionato de truco, unha churrascada, venda de camisetas, e a semana pasada montamos un bar nunha romaría na parroquia do lado. Á parte de montar o bar nas nosas festas e o aparcadoiro. Vamos, o de toda a vida.

    - Que novidades presenta este ano a vosa festa?

    - Pois a principal novidade é que aumentamos un día e o facemos cun progama distinto a todo o que se vira antes nas nosas festas: un festival folk. Organizámolo con grupos da Estrada e dos arredores esperando que isto nos axude a atraer máis xente, e por outro lado difundir o bo traballo destes grupos dos que todos ou a maioría dos compoñentes son amigos. Esperamos que guste e que a xente o pase ben e participe da festa para facela o máis interactiva e amena posible.

    - O festival vai ter continuidade ao longo de tempo ou é algo puntual?

    - Como che dicía ao comezo da entrevista, a comisión de festas cambia todos os anos, polo que non sabemos se os compoñentes da comisión que entra o próximo domingo ás 00:00 horas están interesados en darlle continuidade. A nós gustaríanos que se seguise facendo polo que non descartamos a posibilidade de organizar outra comisión para organizar o festival. Pero iso só o saberemos co tempo.

    - E xa a última pregunta. Como ves o futuro da verbena galega?

    - O futuro da verbena en Galicia está como o de calquera outro sector; a cousa está dificil para todos, e quizais había demasiadas orquestras, grupos, charangas,... e incluso festas. Cando a cousa ía ben era para todos, todos colaborabamos máis coas festas, ás empresas non lles importaba colaborar coas comisión e todos queriamos a PANORAMA e a PARÍS DE NOIA nos nosos carteis, todas as orquestras facían datas. A cousa cambiou, haberá orquestras que reduzan traballadores, ou incluso que desaparezan, pero as festas en Galicia están moi arraigadas e penso que non corren perigo, e cando a cousa comece a remontar as festas tamén o farán.

    O noso agradecemento a José Antonio Duro de la Fuente por concedernos a entrevista e empregar o seu escaso tempo, a moi poucos días das festas, en facer posible este encontro para Festa a Festa.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook