Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 28
    Julio
    2011

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Superar momentos difíciles

    Orquestra TV Nordés 2011 - cartelA orquestra TV Nordés continúa co seu calendario de actuacións nun escenario alugado despois do accidente do pasado domingo en Caldas de Reis

    Cando cheguei, hai unhas horas, dunha pequena viaxe para desconectar do traballo, da rutina e do blog, por que non dicilo, hai días que tamén agobia, o que menos me esperaba ao conectar o ordenador era a batería de malas noticias que me ía atopar, todas coa orquestra como denominador común. A fin de semana pasada e tamén o luns non serán recordados polos compoñentes das orquestras POCEIRO, TV NORDÉS, LOS ESTELARES, OLYMPUS, GRAN PARADA e ALKAR como especialmente agradables. Moi ao contrario, son días para esquecer en maior ou menor medida segundo a gravidade da nova en cada caso.

    Un dos cantantes de POCEIRO, Luis Rey, acabou o pasado sábado no quirófano dun hospital leonés por mor dunha caída no escenario. O vocalista recupérase da operación pero polo momento non poderá seguir actuando.

    O caso das orquestras LOS ESTELARES e TV NORDÉS son os máis graves, xunto co de Luis Rey, porque estamos a falar de accidentes de tráfico onde se viron implicadas persoas. Falando de LOS ESTELARES hai que dicir que dous compoñentes, Rosa Fontao e Miguel Pena, resultaron feridos cando se dirixían en coche particular a un ensaio. No caso de TV NORDÉS, a noticia saltou a practicamente todos os diarios galegos. Envorcaba o escenario da orquestra e o resultado do accidente saldouse con 6 feridos; o chófer do tráiler e cinco persoas que viaxaban nun turismo.

    O resto de casos son, afortunadamente, menos graves porque neles só se deron danos materiais. Como en GRAN PARADA, da que temos que informar do roubo de bolsos e chaves do microbús da orquestra ao que habería que sumar unha avaría no escenario, para rematar tan agradable noite. ALKAR foi vítima dun grupo electróxeno en mal estado que queimou o sistema de iluminación e de son do grupo de Portonovo debido a unha subida de tensión, e estragou tamén algúns instrumentos.

    E por último, tamén susto no escenario de OLYMPUS. Un lateral derrubábase por un fallo no sistema hidráulico aínda que, por sorte, non hai que lamentar danos humanos pois a festa xa rematara.

    Pero a estes contratempos as orquestras sacan peito e forzas de onde sexa para poder continuar, especialmente no caso de ALKAR e TV NORDÉS, pois nos dous casos as formacións musicais teñen que prescindir dos seus escenarios. A Orquestra da Televisión segue adiante cos seus compromisos nun escenario alugado mentres o propio é sometido a reparacións a toda mecha para telo de novo preparado canto antes. ALKAR tamén ten que botar man dun palco prestado, pero con todo a festa debe seguir e seguirá aínda que sexa noutras instalacións, mentres os escenarios se volven preparar e os feridos, como caso do chófer de TV NORDÉS, seguen a recuperarse.

    Ánimo a todas estas orquestras e o noso humilde apoio.

    Podes gozar da orquestra TV NORDÉS nas seguintes festas: Venres 29 Chapela (Redondela - Pontevedra), sábado 30 Cerdedo (Pontevedra), luns 01 Quión (Touro - A Coruña).

    O grupo ALKAR continúa co seu calendario nas grandes festas da Illa de Arousa o sábado 30 acompañados pola orquestra ABANICO.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook