Blog 
Festa a Festa
RSS - Blog de Roxelio Xabier García Romero

Sobre este blog de A Coruña

Blog de festas e orquestras.


Archivo

  • 18
    Mayo
    2010

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Éxito nas convocatorias festeiras

    París de Noia - 2010 - 00041 - Aguiño (Ribeira)A orquestra París de Noia actuou o pasado domingo na V Festa da Xuventude de Val (Agolada) xunto coa Panorama /© fotografía roxegar 2010

    A pasada fin de semana tiveron lugar algunhas festas que xa gozan de moita sona entre os festeiros e en todas elas o resultado foi positivo. Coa axuda do bo tempo podemos falar de éxito nas pasadas convocatorias festeiras. Algunhas das máis importantes foron estas: V Festa da Xuventude de Val (Agolada), XX Festa da Tortilla Xigante (Carcacía - Padrón), I Festa da Xiba (Sada), Ascensión en Santiago de Compostela ou a VIII Festa do pan de Carral.

    En Val, Agolada, unha pequena aldea de pouco máis de trinta casas e sesenta veciños, dos cales a metade están na Comisión de Festas, van polo quinto ano de celebración da súa Festa da Xuventude. Repetiron dúas das máis grandes: PARÍS DE NOIA e PANORAMA. En 2008 contabilizáronse 4.000 asistentes e en 2009 máis de 5.000. Este ano a cifra supera as 7.000 persoas e máis de 1.200 coches.

    En Carcacía a tortilla xigante volveu facerse realidade. Estrea de tixola e pregón de luxo a cargo de Marcial Mouzo. A música púxoa o grupo LA OCA. Debido ao esforzo tan grande que hai que facer para un evento destas características e que Carcacía é un sitio pequeno, esta festa gastronómica non se celebrou todos os anos desde o seu nacemento; pero en 2010 decidiuse seguir con esta festa e mesmo estrear tixola. Para cociñar os 1.500 quilos de patacas e 8.000 ovos precisouse o lume de oito bombonas de butano e para darlle a volta á tortilla, un guindastre de grandes dimensións.

    En Sada naceu o pasado domingo unha nova festa. Por se eran poucas as que xa hai -as máis importantes son as patronais a mediados de agosto onde se inclúe a famosa sardiñada o día 18- a partir de agora haberá que sumar unha máis no calendario. E a xulgar polo resultado e en palabras do propio alcalde, esta cita gastronómica pretende continuar cada ano a partir de agora. Máis de 500 quilos de xiba dan para moita festa...

    En Compostela a Ascensión colgou o cartel de cheo, tanto nos concertos do Campus Vida como nas verbenas da Alameda. Os encargados de cerrar os bailes foron os compoñentes do grupo ALCOTÁN. O luns, Día das Letras e día de reivindicación, as atraccións fixeron descontos. Os carruseis aínda funcionarán durante toda esta semana, incluída a noria xigante que coroa Santa Susana e desde onde se poden divisar unhas impresionantes vistas de Santiago e arredores.

    E en Carral a Festa do Pan chegou á súa VIII edición e aumentou un día de festa, pasando a tres. LA BÁMBOLA foi a orquestra encargada do baile do domingo. Aproveitouse a festa por parte dalgúns colectivos para reivindicar obras, no caso dos pais que pedían que comezasen as obras do novo instituto ou a subestación eléctrica, ou para mostrar o desacordo con outras: non ao AVE por Carral. Con todo, hai que falar novamente de éxito rotundo da festa carralesa.

    A nova fin de semana vén marcada polas festas de Santa Rita en diversas localidades galegas das que daremos conta así como as do Espírito Santo noutros tantos lugares.

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook