Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 14
    Septiembre
    2012

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    A moi nobre Europa

     

    Se o Executivo tomase conciencia ou consideración da situación,   lonxe de situarse nas antípodas dos lexítimos intereses  do país,  tería apostado   por alternativas de crecemento xenuíno.

    Quen fose premio Nobel de economía  en 1974, o prestixioso catedrático sueco Gunnar Myrdal, mantiña por opinión,   que detrás de cada problema económico existía  un problema político,  e  pasado un cuarto de século  do  seu falecemento,  aquela apreciación    toma forza de actualidade  en razón ao dominio expansivo da  política neoliberal, ao modelo  económico que despois de ocasionar a actual  crise como consecuencia de antepor  as  rendas do capital sobre as rendas do traballo, agora, tras a súa errada funcionalidade, contra toda disciplina, o goberno do Estado  insiste en rehabilitar  coa posta en práctica  da  súa teoría  exclusivista a favor da austeridade.

     

    Formulación absurda, por canto, resulta de todo punto  inadecuado  impor como meta a recuperación do modelo que nos levou á crise e mantennos nela. A solución ten de ser outra, e pasa irremediablemente  por un  cambio no pensamento económico de aplicación, pola posta en práctica dunha solución  alternativa  que subtraia toda hexemonía á imperante doutrina do  capital financeiro,  pois contrariamente ás teses neoliberais  a  única maneira de eliminar o déficit é a base do crecemento económico cuxo estímulo é tan importante como controlar a inflación.

     

    Nun país coma o  noso, onde  o interese  por satisfacer a débeda  domina o panorama político mentres se relega ao ostracismo  aspectos de relevancia social  inquietante  como resulta ser o desemprego, merece  total reproche  que a pesar da gravidade do seu arrepiante índice, a clase política, siga enarborando a bandeira   do  neoliberalismo,  sen que por parte do Executivo, nin desde   o foro parlamentario, tómese iniciativa algunha  sobre tan  serio problema, no sentido de instar    a estruturación a nivel europeo dun pacto social,  económico - laboral,  que  poña  urxente corrección ao insustentable dunha situación  que de non porlle  remedio,  mais certo que probable, provocará a desaparición da UE e do  propio euro.

     

    Se a  culminación desta iniciativa   de carácter estratéxico para os intereses de España, tropeza  coa  resistencia da UE,  nese momento,  o noso país  ha ter decidido  o abandono do euro para cambiar o seu rumbo e afrontar solucións en solitario. Suposto contrario, de prorrogar  a continuidade da situación actual, é mais que evidente  que o futuro do país tomaría o improcedente  camiño da recesión permanente, da crise interminable, onde o estancamento  económico  viría  flanqueado por     un incremento do desemprego aínda  máis desorbitado.

     

    Pero un asunto  é o procedente e cousa distinta  a realidade política, resultando que no caso presente  os feitos inducen  a interpretar  que a situación manterá a actual   tendencia, tendo en conta que    ao Goberno de Rajoy  non lle resulta significativo e para nada preocupante que nos atopemos á cabeza  na UE en canto a nivel de desemprego.

    Se o Executivo tomase conciencia ou consideración da situación,   lonxe de situarse nas antípodas dos lexítimos intereses  do país,  tería apostado   por alternativas de crecemento xenuíno, deixando de pór envolturas á realidade mentres  prodiga mensaxes subliminares ao só obxecto  de maquillar  as súas  nefastas políticas de recortes,  que contra toda afirmación,   nada teñen que ver  coa publicitada recuperación da economía española, que  si, coa garantía de pago á banca europea,  e especialmente á alemá.

     

    Para que os cidadáns  tomen  razón da realidade   é obrigado  explicarlles a verdade, dicirlles,   que  tras esa coartada en aplicar as  políticas de recortes  como xustificación para recuperar a confianza dos mercados, ocúltase outra realidade totalmente  distinta,  unha extorsión con etiqueta  de tolerancia  do goberno español, onde as autoridades políticas europeas conxuntamente coa cúpula do BCE,  sitúanse a favor dos bancos da zona  euro afectados  polos préstamos fallidos  que especulativamente investiran  na  burbulla inmobiliaria española,  derivando  agora responsabilidades á banca receptora, e a fin de garantir  o seu recobro,  esixindo asemade  o papel  do Estado como avalista que responda ante unha hipotética insolvencia .

     

    Por iso sendo  degradantes os  resultados  das súas políticas,  moito mais alarmante é a manifesta sumisión  dun  Presidente, que cos seus  feitos  demostra ser un  referente testemuñal sen determinación executiva,   un personaxe  que renega  do mandato outorgado pola cidadanía,  para alternativamente converterse nun asistente ao ditado  dos intereses foráneos. Especialmente do goberno conservador  alemán,  autor material  das políticas de austeridade  do noso país, ao só obxecto  de asegurar que se lle pague a débeda  e intereses á banca xermánica.


    Mal  que nos pese, esta que non outra,  é a tan insigne  e   nobre Europa.


     

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook