Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 15
    Enero
    2016

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Fene

    As perversas 'baronías' socialistas

    Instalados no  seu status acomodaticio e compartindo  a estratexia da dereita, as 'baronías' do PSOE son o principal atranco para  conformar un  goberno de progreso  ao truncar coas súas artimañas toda dialéctica de confluencia.

    As perversas  'baronías' socialistas

    Correron ríos de tinta  sobre os resultados do 20D e especialmente no relativo  aos acordos de gobernabilidade que poderían deparar,  pero ao final contra as mais posibilistas elucubracións de aritmética electoral  apuntando a compartimentación política en bloques de afinidade, tal probabilidade parece diluírse definitivamente contra o sentir maioritario das urnas para impoñerse unha vez mais a continuidade do bipartidismo,  e esta vez, co sustentáculo estratéxico  do  C's, como soporte partidista do IBEX 35.

    Iso polo menos é o deducible a xulgar pola avinza en triunvirato  alcanzada por PP,   C's e PSOE á hora de conformar a Mesa do Congreso,  onde os socialistas  á marxe do cambio proclamado durante a contenda electoral, sen explorar outras opcións non dubidaron  en aceptar  o ofrecemento   de asumir a  presidencia  da Cámara Baixa, aínda que iso como foi o caso, supuxese  entregar  a maioría da  Mesa ao PP e Cidadáns,  ao garantirlles co devandito pacto a maioría do órgano de goberno do Congreso, extremo que supuxo deixar en mans das forzas conservadoras  o funcionamento da Cámara,  e por tanto, outorgarlles plena capacidade decisoria sobre as leis que se tramitan ou non.

    Esa alianza de intereses  non facilita en nada   a lexislatura de cambio esixida pola maioría electoral nas urnas, como tampouco   a   constitución   dun goberno de progreso capaz de repoñer os  dereitos e liberdades perdidas,  pois o despropósito cometido   por un deostado Pedro Sánchez e o seu equipo   pon en serio risco tal probabilidade aínda que  tras os comicios  o variopinto  mapa de representación  facía posible esta opción. Circunstancia que facilita  o  goberno do  PP en minoría e impide democratizar a vida  política, abrindo aporta á formulación de gobernabilidade que  propician os poderes económicos do país  e a dirección coordinada financeira e política europea  co patrocinio e protección do sector neoliberal do  PSOE, a pesar  que tal desenlace sexa en se mesmo  unha traizón ao seu propio programa electoral  e un atraco  á cidadanía. 

    Cando a conformación  plural da Cámara, posibilitaba  rescatar  a función lexislativa e directiva da política que o poder lexislativo debe ostentar  nunha democracia real e que  o absolutismo político do Partido Popular expropiara tras a súa vitoria no 2011, o seu, no canto dunha dinámica de xogo de tronos,   debese ser proceder en consecuencia e en atención á correlación de forzas conformar a composición  da Mesa acorde á diversidade do Congreso,  e para o efecto,  dar inicio ao  labor lexislativo   sobre a base  dos  puntos de coincidencia programática  das distintas  formacións  que por afinidade  fosen copartícipes do  establecemento dun  goberno alternativo e de progreso. Única fórmula de facer  factible a derrogación das leis máis opresivas do período do neoliberalismo autoritario do PP, e  iso debese ser así  porque contra outras versións e chalaneos de feira   o Congreso dos Deputados ten  de cumprir  a función inequívoca de depositario    da vontade popular que pretende o cambio político e social neste país.

    Pero se tal contrasenso non fose dabondo, o PSOE que tendo  vontade de cambio debese coidar no fundamental a súa estratexia de pactos de goberno, co seu proceder demostra non ter interese algún  na súa consecución, iso polo menos é o que se deduce a xulgar pola súa negativa ao fortalecemento da vida parlamentaria, onde sumándose á resistencia do PP  négase   a facilitar a constitución  como grupos parlamentarios das confluencias catalá, galega e valenciana de Podemos, que ademais da súa diferenciada participación política concorreron aos comicios  con desiguais distintivos electorais. Por iso é polo que en boa lóxica  tal singularidade habería de ter plasmación na composición da Cámara, porque o non facelo,  ademais de constituír un ninguneo  dos cargos electos é unha  fraude á vontade electoral  a cidadanía    que co seu voto outorgoulles credencial de representación.

    As perversas  'baronías' socialistas

    Ao fío dos últimos acontecementos todo parece indicar que lonxe da recomendable harmonía é a  disparidade quen  toma papel protagonista na relación PSOE -Podemos, afastando así a perspectiva  de conformar un goberno de progreso e de reversión  a orixe das políticas do PP, posibilidade freada  pola forte resistencia interna no seo da organización socialista onde o dominio  dunhas 'baronías' de marcada afinidade neoliberal tenta abortar toda tendencia ao cambio, e impedir e con iso     que o seu máximo dirixente poida  reforzar posición de liderado interno desde un hipotético papel como presidente de Goberno.  Non preocupándolles o máis mínimo na súa irresponsabilidade   a repercusión na  cidadanía do aciago efecto  das intrigas e maquinacións da súa particular refrega intestina que desde a inmaturidade política ameaza  con dar ao traste co sentir maioritario  dos electores. 

    Sendo así como  os máximos detractores do dereito a decidir, deciden en exclusiva  o futuro do país.

     

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook