Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 12
    Noviembre
    2011

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    CASO, HABER HAINO

     Nun plano social cada individuo é un referente singular, e esa circunstancia fai que na nómina da súa escala de valores, máis que a  uniformidade prevaleza a individualidade, por iso, en cuestións morais as condutas aceptables ou  de rexeitamento, o son, en razón ao desigual concepto entre o bo e o malo  que sustente  cada un, por tal argumento haberá de entenderse que  os valores poden ser obxectivos ou subxectivos, e así, se entenderá que certos individuos promovan  como lexítimas e usuais   accións que teñen  como única finalidade o benestar propio, e por riba  teñan o descaro de defender  os seus excesos coma se eticamente formasen parte dos seus dereitos.

     Desde o estalido do caso Campión, escándalo de corrupción cuxo alcance se circunscribía en exclusiva ao ámbito galego e a partidos e políticos da comunidade, resulta, que    da man do Ministro de Fomento, o lucense Sr.Blanco tamén salpicado no enredo, se ampla o marco xeográfico do conflito  cunha ramificación por terras catalás, por canto a intervención do ministro  en favor dos intereses  do empresario Sr. Orozco, relativa á autorización dunha licenza urbanística nos arredores do aeroporto  do Prat, meteu na danza do conflito  ao alcalde de Sant Boi de Llobregat, o socialista Jaume Bosch como tamén  ao secretario de Estado de Transportes, Isaías Táboas, polo  seu papel de mediador entre as partes.

    Esta nova dimensión do conflito e a súa incidencia,  parece sentar como un xerro de auga fría  entre os membros da executiva do PSC, quen diverxentes coa posición de silencio que sobre o particular mantén a executiva nacional do PSOE, ante a gravidade dos feitos, abren a caixa dos tronos, esixindo do ministro como principal protagonista, transparencia, con explicación convincente  da súa intervención  no  actuado.

    É evidente que os socialistas cataláns non están dispostos  a prexudicar os seus resultados electorais polo lastre que  vén xerar esta nova andanza do Sr. Blanco, quen para maior tensión,  non dispón de moitas simpatías por aquelas latitudes  como consecuencia do seu papel como  artífice en forzar  a renuncia  da catalá Carme Chacón como candidata á presidencia do goberno.

    Ao final vén resultar, que  este líder  socialista tomou tal grao de dominio no seo do PSOE que derivou  nun  empacho de xerarquía que foi  incapaz de dixerir, de aí, o seu  endeusamento enfermizo, a súa excesiva prepotencia.  Chegado o momento  de ser  nomeado Ministro de Fomento non soubo  diferenciar,  confundindo as malas praxes do  partido cos seus novos  labores como executivo do  Goberno, extremo  recoñecido, cando no seu descargo ante a acusación de tráfico de influencias vía intercesión para o outorgamiento de licenza  a favor da mercantil lucense, chega afirmar,  que a súa "obrigación" é interesarse polos proxectos que xeran emprego.

    Esa declaración é unha  temeridade saturada  de sutileza, por canto no seu xuramento de toma de posesión como ministro obrigábase  ao cumprimento duns labores precisos e  específicos, e devandito de paso, alleos  totalmente ao acto regulado de outorgamento dunha licenza de obras e instalacións, materia reservada en exclusiva ás corporacións locais aínda cando existan competencias concorrentes como resulta ser o caso.

    Por tanto,  ampararse na condición do cargo para incidir no procedemento  da licenza,  ademais dunha invasión de competencias,  en román paladino, tal práctica  denomínase tráfico de influencias, co agravante de que coa actuación consúmase  unha preferencia de trato a favor  dun empresario específico, alguén con quen  resulta probado que  mantén unha fluída relación persoal, e por tal motivo, a súa excedida vontade resulta cando menos  mais que rexeitable. Non se ha de interpretar  tal afirmación como    unha afronta, pois non é esa a intención do autor que se limita a reproducir    o contraste dunha realidade  pouco agraciada onde  casualmente o popular   ministro exerce de rocambolesco  protagonista.

    Non é de recibo suplir o procedemento regulado como canle formal da tramitación de actuacións administrativas como é o caso  da referida licenza, especialmente  cando a vía utilizada como alternativa resulta ser un  método pouco ortodoxo, por canto, a  alteración forzada do seu despacho ou a súa  apremada celeridade  resolutiva, ademais de subtraer   ao expediente  formalidades disciplinarias, pon ao descuberto que o autor desta práctica  non repara en pór en función  o método caciquil, onde as vantaxes a un achegado prodigan un barullo  de desigualdades de trato e agravios  comparativos.

    Por tanto, aínda que o titular ministerial insiste até a saciedade en afirmar  que non hai caso, a contundencia dos indicios apunta a confirmar  que haber  haino, pero á marxe da intencionalidade ou pareceres, ao final, a solución concluínte   está  en mans da  xudicatura, que será quen decida o que en dereito proceda  á marxe de estratexias de negación e influencias mediáticas. Entón que non antes, tomaremos cumprido coñecemento, se verdadeiramente  non había caso, ou pola contra se o actual punto morto deriva en imputación.

    Como sexa,  nos anais do ministerio, o paso do actual titular, quedará referido como daquel que   ostentando o cargo, realmente,  nunca chegou ao nivel de ter chegado a ministro.

    http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook