Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 17
    Septiembre
    2011

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    DECLIVE INQUIETANTE

     "España está en condicións para chegar ao pleno emprego".   O presidente Zapatero /  (7 de marzo de 2008)      

       A cousa é para inquietarse, vendo como as forzas políticas, no canto de esforzar iniciativas,  envorcando perseveranza na planificación de remedios  ou na determinación  de alternativas,  agardan pacientes  que obre  o milagre, coma se o fenómeno do paro tivese magnitude divina e a súa  solución estivese encomendada ex profeso á poderosa omnipotencia  da deidade  suprema dos mercados. 

     

    Agora  xa entrados  na antesala electoral, antes de caer no desenfreo da   renda solta, da  insensatez e o despropósito, os concorrentes aos comicios, debesen unha vez por todas  tomar contacto coa precisión,  e con iso,  pór freo a ese cúmulo de fantasías  programáticas cuxa rutina se converteu nun  hábito enfermizo; debendo ter presente que as declaracións de intención  sen ser solución de nada,  resultan eticamente incorrectas, maiormente,  cando se utilizan como  argucias estériles destinadas a conquistar vontades  a través da       vía electoral.

     

    Cando o contido destas segundas intencións, ocasiona frustración  no destinatario pola súa carga de sensibilidade e o prexuízo moral   do obxectivo incumprido, entón, o que inicialmente  era unha estafa en toda regra, incrementa a súa escala  para tomar dimensión de infamia,  e esa é, a denominación que merecen  quen   utilizan  a promesa de creación de emprego  en vantaxe dos seus rendementos políticos, máximo cando non se ten rango nin atribución conferida en materia, por canto,  o político é a antítese do empresario e un partido político a cara oposta dunha  empresa.

     

    Con todo, é indiscutible que  o paro  é o problema que maior inquietude  xera na poboación  e, tal expectación acentúase  en razón  á súa propia xénese, que á parte de disparar a alarma social polo arrepiante do  seu ratio  cuantitativo, ademais, conmociona as conciencias axitando o  desánimo e a inseguridade en quen padece a súa  lesiva  influencia.

     

    Esta alarma, arraiga con notoriedade  como consecuencia  dunha celeridade desbordante no espazo dunha temporalidade relativamente curta, pois, non debemos esquecer que nun período de catro anos  a efectos de emprego este país tocou os dous extremos, pasando, dunha taxa do 7,9% ou 1,7 millóns de parados do ano 2007, ao 21% de desemprego e a unha marca de 4,9 millóns no 2011, excesivo efecto que é a  causa  desa mostra de preocupación colectiva.

     

    Pero se os resultados demoscópicos cultivados polo  Centro de Investigacións Sociolóxicas,   sitúan ao paro  como o principal problema de preocupación, as axencias analíticas de cualificación  de riscos e demais inspectores internacionais, son coincidentes nos seus resultados  ao destacar,  que o problema fundamental da economía española non vén determinado  preferentemente  polo montante da súa débeda, senón, pola existencia dun elevado nivel de desemprego, circunstancia, que induce un receso no consumo e a demanda , extremo, que produce a retardación  no motor de crecemento do PIB. Por tanto, o paro á parte dun  problema de forte impacto social, resulta  ser un inconveniente  económico de primeira orde que  de xeito evidente opera de lastre de retención da crise, alargando a súa duración.

     

    Equivócanse quen  alegan que a motivación do fracaso das políticas de emprego radica no  insuficiente alcance das reformas do mercado laboral ,como tamén se enganan quen sosteñen que o problema se resolverá  polo impulso psicolóxico  que xerará a variación política no executivo do estado; pois tales crenzas  máis que enfoques resoltos son relaxacións recorrentes e  desaxeitadas.

     

    Reflexiónase  en abstracto  prorrogando  un discurso  antigo e obsoleto, e iso, estaciona e demora no tempo a   posta en práctica  de medidas  efectivas, que en primeiro termo, pasan  por erradicar esa obsesión estendida de basear a creación de emprego na  recuperación  do anterior modelo  económico, pois tal formulación é a antítese do procedente.

     

    En resumo, dicir,   que a alternativa  ten de  virar sobre o eixo de rotación da  estrutura produtiva e formativa, cuxa inercia, xere un novo modelo sectorial dinámico e diversificado, cunha   progresión de desenvolvemento e consolidación  que manteña as constantes  de ascenso vinculadas aos resultados  das sinerxías resultantes. Pero a consecución desta  meta tan só é posible se erradicamos  maximalismos e resolvemos en confluencia, pois estamos ante o maior  problema do país, cuxa solución, mais que protagonistas   estelares esixe un compromiso firme e  responsabilidade colectiva.

    http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/

                    

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook