Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 14
    Abril
    2012

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    En caída libre

     La clase política al margen del  código de barras de sus  respectivas  siglas,  la única función que desempeñan, es dar maquillaje de legitimidad  a una democracia falseada.

     

     

    Como modelo predecesor e soporte da organización do noso esquema de produción e consumo; a economía de libre mercado, sustentada nas oscilacións da oferta e a demanda e a intervención puntual do Estado no papel de garante da liberdade de competencia, co paso do tempo, por anómala sucesión derivou nun novo formato organizativo, caracterizado, polo predominio dun réxime empresarial de solidez simulada, que asistido pola enxeñaría financeira, marcou o protagonismo dos mercados tomando por único obxectivo as operacións de alto risco como acceso a cuantiosos e rápidos beneficios, sen existencia doutro valor engadido que o meramente especulativo.

    Obviamente con semellante deriva por expoñente; máis que sorpresiva, a extensa e intensa crise que se aveciñaba non resultaba ser un clamor senón un estrondo, que tan só a simulada torpeza dos seus proxenitores por interesada, ou a pasividade dos políticos por escoltada, parece que conxuntamente non quixeron detectar coa anticipación debida as súas demoledoras consecuencias.

    Así foi, como a economía de libre mercado sucumbiu ante a agresión inmisericorde da elite financeira e a colaboración necesaria do armazón político, deixando vía libre, á autocracia dos mercados como sistema de substitución, cuxas secuelas ademais dos prexuízos netamente economicistas, desencadeou un receso do desenvolvemento sustentable precedente, que trouxo implícito a escisión das políticas de evolución social e a evasión da repartición equitativa da riqueza.

    Por tanto na historia desta crise económica, están identificados con absoluta precisión os verdadeiros artífices da desfeita, que para nada se corresponden co empresario sumido na ruína, nin o enfermo recortado de atencións, nin moito menos co alumno ao que tentan esquilmarlle a docencia.

    Esas son as vítimas propiciatorias, os suxeitos inocentes, que padecen a causa do efecto, aspecto indicativo de que esta crise non só é económica senón total e extensiva , maiormente, cando os autores efectivos da quebra colectiva, despois de sumirnos na noite dos tempos, agora, coma se tal cousa fóra, proseguen a súa rutina de despropósitos erixíndose en redentores, das súas propias incompetencias. Isto é inconcibible, resultando cando menos inaudito sexan os propios demos quen se oferten a liberarnos do inferno.

    Por máis representación de soberanía que tente proxectar, a clase política á marxe do código de barras das súas respectivas siglas , a única función que desempeñan na actualidade, é a de dar maquillaxe de lexitimidade a unha democracia falseada, pois facendo abandono das atribucións da súa condición de depositarios da soberanía popular que lles confiren as urnas. Incriblemente, outorgaron plenas competencias aos mercados, para que sexan estes, quen regulen en exclusiva e dirixan unilateralmente o proceso económico ao seu antollo, mentres eles manteñen como única reserva o papel executor ao ditado das apetencias sen límite dos protagonistas económicos. Pero este déficit democrático ten un historial de vinte anos de entrega, coincidente temporalidade coa que Hans Tietmeyer, Presidente do Bundesbank dese a alternativa á ditadura dos mercados, con aquel sublevado pronunciamento, "Vostedes, señores políticos, teñen que afacerse a obedecer aos ditados dos mercados", proclama, que se transformou na lema da máxima institución europea.

    Pero se o panorama pinta escuro desde unha óptica xeral, visto desde o patio de butacas do Estado, a escena agrávase, ao comprobar que o referente en materia resulta ser un hibrido, definición apropiada para distinguir a dobre condición de Luís de Guindos, pois o hoxe político, Ministro de Economía y Competitividad era a cabeza visible de Lehman Brothers para España, na época en que, esta entidade entrou en quebra polas hipotecas subprime que conduciron á fractura da economía mundial, co agravante de administrar posteriormente a liquidación da propia Lehman na bancarrota a través de Pricewaterhouse Coopers, curriculum que para nada lle achegan as condicións de neutralidade e independencia que debesen presidir a súa función como executivo de Estado.

    Non hai dúbida que o actual modelo económico, é o desencadenamento do clima de inestabilidade e elevada exposición de risco que estamos a padecer. Se a clase política quere evitar ser menos responsable do desastre económico que os propios mercados, non ten outro remedio que reconducir a situación, que obrigatoriamente, pasa por reconquistar a xerarquía, democratizar a economía e as súas estruturas institucionais. Suposto contrario, seguiremos cabalgando á grupa dunha prima de risco desbocada, ou deslizándonos por un permanente tobogán bolsista, etc., etc.; e de ser así, aos políticos de todo signo, acabóuselles o pretexto de seguir derivando a súa culpabilidade aos mercados.


     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook