Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 03
    Diciembre
    2011

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    INDULTO ESPERPÉNTICO

     Para eximir a alguén do cumprimento da pena  imposta por sentenza  xudicial, por tratarse dunha excepción de norma, tal decisión é obvio que teña que ser escrupulosamente calibrada e obrigatoriamente  xustificada,  non resultando de recibo, transformar o indulto nun deterxente  para limpar os lamparóns da indumentaria salpicada polas charqueiras da inmundicia, que o propio afectado, foi causando   no seu turbio  itinerario.

    Sería cómico  imaxinar que a   coincidencia cromática  do fondo  vermello  e o branco do anagrama, fóra a razón argumental que inclina tendencia  de afinidade institucional  nas relacións entre o PSOE de Zapatero e o Banco de Santander de Botín, tampouco sería serio pensar,  que dita tendencia obedecese   á condonación da débeda morta e  ao  refinanciamento da  débeda viva  do  partido socialista por parte da financeira de don Emilio.

    Refugadas pois  as hipóteses peregrinas e os supostos  de dependencia, paradoxalmente,  mais que claridade se acentúa o misterio á hora de localizar  os fundamentos que seduciron a vontade do Consello de Ministros celebrado o venres día 25 de novembro, que  a petición do Ministerio de Xustiza  concedeu por sorpresa un indulto ao Conselleiro Delegado da entidade  financeira cántabra Alfredo Sáenz, decisión  que para maior  despropósito, o Tribunal Supremo tiña pronunciado o seu desacordo, non estimando fundado que devandita concesión  viñese amparado en razóns de equidade ou xustiza.

     É difícil entender a aplicación de tal indulto a quen xudicialmente foi condenado  pola comisión dun delito de falsidade no tráfico mercantil con prexuízos derivados a inocentes, cando o marco legal de aplicación de tal medida  está reservado para casos excepcionais,  que encaixen en supostos onde  a desproporción  entre a pena e o delito ou outras disparidades sexa un  todo contundente.

    No caso do Sr. Sáenz, a proba dos feitos, máis que unha medida de graza o que esixiría, sería o  cumprimento estrito da sentenza co implícito da  súa inhabilitación, por canto  burocráticamente o indulto pode  absolver  da pena, pero eticamente,   non devolve a honorabilidade perdida, e esa carencia, por máis parcialidade que demostre   o  Executivo de Zapatero, debese impoñer  que o indultado fose apartado ipso facto do desempeño do seu cargo  como primeiro executivo  do Banco de Santander, pois tolerar o contrario, á parte dunha insensatez,  é converter en papel mollado as esixencias legais contidas no Réxime Xurídico das Entidades de Crédito, quen por consecuencia mercantil e prestixio da actividade, prohibe  de xeito concluínte   a administración de entidades financeiras a individuos  que teñan antecedentes penais por delitos dolosos, como resulta ser a situación do número dous do BS.

    Pero esta chapuza que raia no inaudito, aínda por riba ten toda a tinguidura de estar infectada de nulidade, por canto estase despistando intencionadamente  a coincidencia  existente entre a titularidade  da Presidencia  do Goberno e a Secretaría  Xeral do PSOE,  obviando igualmente a  existencia dun negocio bancario de refinanciamento da organización política,   concertado, coa  entidade  da que o indultado resulta ser un alto executivo  revestido de amplas atribucións e competencias.

    O dilema está servido, pois os vínculos e as dependencias poñen  de manifesto que Zapatero estaría incurso en situación de incompatibilidade, e por conseguinte, pola súa condición dual de presidente  do goberno e máximo mandatario socialista, sumado á existencia  vinculante da operación financeira, viría  obrigado a absterse  de intervir  no acto de outorgamento  do indulto, pois suposto contrario, a lexitimidade de tan rocambolesco acordo, deixaría a condición de dubidoso    para tomar   a categoría de cuestionable. 

    Coma se o resultado  electoral non fose  resposta dabondo, a despedida do goberno socialista non podía resultar máis patética, pois a través desta  escapatoria veñen  revalidar a licenciatura  do disparate, cando de incógnito, sen xustificación nin argumentación posible, sen tan sequera gardar as formas, incorrendo en nulidade,  deciden  escandalizar a propios e estraños, e nun exercicio  promocional  de alarma social, determinan saír en auxilio dos intereses dun banqueiro e da súa contorna, que teñen no seu haber o demérito de ser parte da  cadea financeira que pola súa avaricia e mala praxe, é parte directamente responsable  do desastre económico no  que está sumido o país.

    Resulta incrible que tal feito aconteza, pero lamentablemente éche o que temos.

    http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/

     

     

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook