Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 05
    Enero
    2013

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Mariano, halo de explicar..!

     

    O emprego  ten de ser a  prioridade absoluta sobre calquera  outra formulación de reactivación económica.


    Xa estamos metidos de cheo no  2013, ano do desconcerto. Esa debe ser  a etiqueta determinante deste novo período, se facemos caso do balance de peche de exercicio do presidente  Rajoy, quen nunha intervención infestada de incoherencias,  como prognóstico,  precisou entre outras lindezas,  que a  nova anualidade sería  o  comezo da creación de emprego, mentres  a continuación, ás preguntas  dos xornalistas  negaba resposta  á probabilidade  de que o paro  alcanzase o seis millóns de afectados.

    Mariano, parece que o evidente non é o seu forte !. Polo visto, o seu son as falacias de ligazón, é dicir, utilizar premisas faltas  de conexión lóxica con respecto ás  conclusións; pois resulta un todo antagónico a confluencia entre crecemento positivo do emprego  e o incremento negativo do paro.

    Unha de dúas, ou sobe o emprego ou faino o paro, tendo en conta que a concorrencia de ambos os factores máis que improbable é imposible. 


    Debera  ter presente que  cando  unha algarabía deste xénero tomaba protagonismo escénico, era cando Platón adoitaba dicir que; ...os razoamentos, como os homes, a miúdo son hipócritas.

     

    Quen desde estas liñas rexeita ese engano  colectivo que vén de proxectarse desde o Executivo, faino, para evidenciar que tras ese enfoque   de confusión da realidade, téntase facer tragar  á poboación coa falsidade de recortes e  austeridade atribuíndolles calidade milagrosa,  capaz de restablecer  os anteriores niveis de ocupación  e emprego. Rexeitable manobra utilizada para alimentar  falsas esperanzas nos destinatarios, cando saben de antemán  que o  conxunto de reformas lexislativas que se puxeron en práctica vía de urxencia, tiveron por única finalidade  anular a estrutura material do benestar, como asemade,  acoutar as liberdades colectivas e individuais  co  obxectivo  de someter  toda  rebeldía e poder impor así un clima predisposto á resignación.

     

    Polo visto, Rajoy e os seus  adxuntos pensan  sacarnos da crise sen variar  de modelo económico; formulación equívoca, tan insólita como quen decide afrontar unha fuxida cara adiante tentando escapar a toda celeridade da  súa propia sombra.

     

    É obvio que a actual situación  dista moito de ser un referente mais na reiteración das crises cíclicas. Esta vez  encallamos  nos escollos  da economía neoliberal, e así, nun  tempo record, pola súa propia influencia  e consecuencia  dunha deficiente xestión  política,  vémonos abocados  a un  "cambio de ciclo" , cuxas características difiren no substancial  do modelo precedente. Avatar, que recomenda  refugar os empachos  de esplendor  de épocas pasadas para  asumir unha nova realidade  cuxa complexidade desvanece toda posibilidade dunha  solución convencional.

     

    O actual  crack, representa  un punto de inflexión cuxa notoriedade se fai patente ao verificar a configuración  do  mercado laboral  en contraste co desequilibrio existente entre as  actividades dos distintos sectores produtivos.

    Mostra que por si soa, adultera  toda solvencia  ás acesas proclamas  que prodiga o Executivo  coa finalidade de alimentar expectativas sobre  a creación de emprego, e cuxas previsións, se contradín  en contraste coa  evolución  da  estatística  intersectorial.

     

    Así, cabe referir  que  no transcurso do  período comprendido  entre o 2007 e o  2012, o sector primario mostrou un decrecemento que pasou do 4,31%  ao 4,20%, idéntica tendencia reflectiu  a actividade industrial  que reduciu o seu índice ao pasar  do 15,88% ao 13,99%, mesmo rumbo que o tomado polo sector da construción que como consecuencia do desastre inmobiliario  disparou o seu diferencial caendo do 13,24% até  o 6,84%. Comportamento distintos  dáse  no  sector servizos, un caso que se agrava por hipertrofia , ao  pasar do  66,54% da poboación ocupada a 74,94%.

     

    Nesta  conxuntura  a  preferencia está marcada,  tendo de ser o  emprego  a  prioridade absoluta sobre calquera  outra formulación de reactivación económica; por iso,  vistas as referencias estatísticas que anteceden;  como condición previa, é evidente por necesario  o reaxuste urxente da estrutura produtiva. Un reordenamento sectorial,  que terá de   producirse  compaxinando tal decisión  co fomento da eficiencia produtiva  e o investimento en  novas tecnoloxías, por ser factores craves nun proceso de modernización  ineludible para acadar a  reactivación do emprego  conxuntamente  co impulso  do modelo de crecemento  que a nova situación  demanda.

     

    Por iso, halo de explicar Mariano, pois a verdade que de súpeto  faise  difícil entender  esa versión oculta de como crear emprego utilizando  como  método a inercia  da  xeración espontánea.


     

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook