Blog 
Galdo-Fonte
RSS - Blog de Xosemanuel Galdo- Fonte

El autor

Blog Galdo-Fonte - Xosemanuel Galdo- Fonte

Xosemanuel Galdo- Fonte

puntadas, pespuntes e ganduxes

Sobre este blog de Sociedad

Roibén do Abrente


Archivo

  • 02
    Marzo
    2013

    Comenta

    Comparte

    Twitea

    Paus de cego

     A política económica deste  país non pode seguir sosténdose  na persistencia  dunha mestura inadecuada  dos seus sectores produtivos.


    Por máis que  voces acreditadas advertisen coa anticipación debida do inconveniente que representaba basear as   medidas de reactivación económica nun formato   de austeridade enérxica sen acompañamento  de políticas de crecemento, o  goberno do PP,  tomou partida pola  lixeireza desatendendo  a    opinión  de fontes expertas, e como se tal cousa fora, a través dunha fraude poselectoral decidiu facer xustamente o contrario  do que comprometera cos seus votantes, apostando por embarcarse na  temeridade sen sopesar as  consecuencias inducidas.


    Para maior concreción, hase dicir  que os membros  do grupo político conservador  unha vez consolidados como Executivo, prescindiron do mandato das urnas optando  por someterse  unilateralmente  ao   ditado da  troika, para acatar como correctas as medidas e reformas económicas impostas  polos membros dese  club, (Comisión Europea, Banco Central Europeo y Fondo Monetario Internacional); cuxa contrapartida á súa adscrición, ao parecer, faría  obrar o milagre de sanear  as nosas contas e impulsar  o ritmo do crecemento.

    Imperdoable erro, pois  o correr do tempo puxo de manifesto  que aquela anexión,   mais que achegar as presumibles  vantaxes fixo que caésemos  nunha espiral de recesión; extremo que non  só causou  a suspensión na nosa  recuperación económica senón que para maior contrariedade veu delatar  que estabamos a avanzar marcha atrás.


    Nesta  dirección, é fácil percibir  o fracaso das políticas fundadas  nese  formato de austeridade en solitario,  como tamén  deducir  que coa   súa aplicación dificultouse a estabilidade e o crecemento económico; limitación que desencadeou unha inactividade extensiva, cuxos síntomas  característicos  foron a  destrución encadeada  do tecido produtivo  e por expansión o incremento desproporcionado do desemprego até alcanzar  límites  inusitados.


    Factores  que  ademais do dano repercutido  aos directos afectados, desde o  estrito plano  económico,  a evolución do  seu impacto, impediu manter a estabilidade necesaria para garantir a xeración de ingresos públicos cos que afrontar a redución do déficit ou a diminución do groso da débeda pública.

    Representando esta complexidade  unha reafirmación engadida   para sentenciar que as  políticas de austeridade  que veñen aplicando coa xustificación de mellorar  as  finanzas públicas,   polo seu notorio carácter improductivo, exercen  a función oposta aos prognósticos que patrocina o Executivo, pois como queda visto, sen  a impulsión de alternativas de crecemento a débeda  é impagable e o seu incremento  toma formato exponencial, aspectos  que  de non remediarse  obstaculizarán  aínda mais  o acceso á reactivación.


    Pois ben, agora consumado o fracaso, cando o grao de deterioración  faise insoportable, cando  as  peores perspectivas desbordan o pesimismo das  previsións  estatísticas e a conflitividade  aprópiase das rúas. Nesa situación extrema, con mais empeño  se cadra, debemos  seguir esixindo que quen coas súas actuacións leváronnos  á crise, sexan  os obrigados  a sacarnos  dela; pero obviamente,  mantendo a premisa  que   para tal finalidade,   é condición "sine qua non",  renunciar  á continuidade do actuado,  para centrar as accións nun cambio de mentalidade,  no bo sentido de habilitar as bases apropiadas  para o establecemento dunha economía social e sustentable, previo diagnóstico da actual  estrutura  produtiva.


     

    A política económica deste  país non pode seguir sosténdose  na persistencia  dunha mestura inadecuada  dos seus sectores produtivos, como tampouco, podemos dar continuidade a un modelo de futuro sustentado en recorrentes dinámicas coa improvisación como  factor dominante,  ou sorteando os obstáculos funcionais dando    paus de cego. A situación esixe solucións apropiadas  e nesa traxectoria temos  de dirixir o noso obxectivo  que pasa ineludiblemente  pola creación dun Plan operativo de desenvolvemento económico, estruturado na economía produtiva, a potenciación industrial  e a innovación tecnolóxica. Debendo conter por eficacia,  unha programación de temporalidade  do desenvolvemento do planificado,  como  así mesmo,  a dotación orzamentaria  adecuada para levar a     bo termo o seu contido estratéxico.


    Esta ten de ser a folla de ruta apropiada, cuxa eficacia  debera contar  co  consenso vinculante  dos axentes sociais e o necesario referendo político  do Parlamento. Esta alternativa é unha   ferramenta esencial  para iniciar o camiño ao futuro de forma  ordenada, con paso firme e decidido; a  vía oposta é darlle continuidade ao entreguismo  deixando a economía do Estado, a expensas da decisión unilateral  dos  mercados financeiros. Nesa tesitura cada quen ten  de tomar posición, sabendo que  en política, os riscos son unha opción e as consecuencias a resposta  debida.


     

     

    Denunciar
    Compartir en Twitter
    Compartir en Facebook