O meu fillo acolleuse ata este ano ás axudas por conciliación familiar. Hai moitos traballadores que se acolleron a esta axuda co fin de facerse cargo dos seus fillos. Este ano, o señor Montoro, e con toda a alevosía, pégalles un pau nas súas declaracións da renda, cando digo con alevosía refírome a que ata este ano non recibiu ningunha notificación, falo do meu fillo, non sei se noutros casos lles pasou o mesmo, na que o informasen que ao recibir esa axuda tiña que declarar como se tivese dous pagadores. Mándalles unhas cartas requeríndolles, nada máis e nada menos, que o pago, con carácter retroactivo dende o ano 2010, da contía correspondente por ter, como expuxen, dous pagadores neses anos. Que alguen mo explique porque esto non ten explicación ningunha. Din que cando os importes desas axudas suben de 1.500 euros considéranse por isa modalidade. De que estamos a falar? Son ou non son axudas para o coidado dun fillo? Como se pode enganar de semellante xeito aos traballadores que se acolleron no seu intre a esas axudas? Hai persoas que teñen que pagar como se soe dicir a tocatexa case que 4.000 euros dunha tacada e caladiños porque non teñen dereito máis que a pagar e con intereses. En que país vivimos?, e caladiños porque non lles queda outra que o dereito ao patalexo. Na Consellería de Familia e Benestar, que é o órgano onde se tramitan estas axudas, din que non teñen nada que facer... pagar.Vaia maneira de enganar para encher as arcas que eles mesmos se encargan de valeirar en comilonas, viaxes e demais despropositos que todos lles estamos a pagar. O feito desta carta é denunciar o que están a facer os desgobernantes que temos... Ala... sigan votándoos que eles xa se encargan de facer o que lles peta e, como digo, con alevosía.