Nas eleccións do 20-D, o PSOE concorreu cun programa de esquerdas, no que propuña a derrogación das leis regresivas contra os dereitos da cidadanía aprobadas polo PP na pasada lexislatura. Desta maneira, a dirección socialista pretendía recuperar o espazo perdido pola súa esquerda perante a irrupción de Podemos no panorama político español. O que evidenciaba a coincidencia en moitos dos seus puntos co programa da formación morada.

O máis natural sería que ambas as dúas forzas, a pesar das diferenzas que as separan, buscasen achegar posturas de cara a unha acción de goberno. Lonxe diso, Pedro Sánchez elixiu pactar cunha opción netamente de dereitas coma Ciudadanos, asumindo o 80 % do seu programa e conformándose cunha simple maquillaxe das leis que dicía querer derrogar durante a campaña electoral.

Unha vez fracasada a primeira tentativa de investidura, Sánchez teima en seguir da man de Ciudadanos, nunha estratexia suicida que perxudica tanto a PSOE como a Podemos e nos achega cara unhas novas eleccións. Por unha parte, defende un programa que podería ser asumido polo PP se lle deixasen encabezar o novo Goberno. Pola outra, quere culpar a Podemos de que o PP siga no poder, pretendendo que aquel apoie a continuidade das políticas deste.

Foi Podemos quen presentou unha proposta de pacto ao PSOE, o que facilitou que el Rei lle encomendara a Pedro Sánchez a formación do Goberno, rompendo o bloqueo imposto polo PP. Certo que a estratexia negociadora de Pablo Iglesias non llo puxo moi doado a Sánchez para defender esta opción ante os barones do seu partido, pero tampouco os socialistas buscaron un acordo con Podemos.

Ambos partidos deberían achegar posturas sobre os puntos en común xunto coas outras forzas que apoiarían a investidura, aparcando as diferenzas insalvables para máis adiante, especialmente no que atinxe a Cataluña. O máis importante é fomentar políticas que mitiguen o sufrimento da poboación polos recortes destes anos, pero non debemos esquecer a anulación das medidas de carácter ideolóxico coas que o Goberno recortou os dereitos e libertades dos cidadáns aproveitando a súa aplastante maioría.