Os ecosistemas forestais son chamados "Santuarios da Biodiversidade", regulan o ciclo da auga, minimizan o efecto invernadoiro, son esenciais para a vida na Terra...

Quen prende lume a un monte, ben sexa intencionadamente, por unha neglixencia ou por accidente, está atentando contra a vida e o futuro da humanidade. Sabemos onde comeza un incendio, menos doado é saber cales poden ser as súas consecuencias e os seus efectos, tanto para o patrimonio natural como para os seres humanos. O principio básico de toda política forestal consiste en evitar que se produza un lume para non ter que apagalo.

En Galicia o 99% dos lumes forestais son producidos por causas antrópicas, polo tanto son previsibles e evitables. Galicia conta co 7,7% da superficie forestal do Estado español, dende fai máis de medio século no seu territorio concéntranse case a metade dos incendios estatais. Algo estaremos facendo mal?

A Xunta de Galicia é a responsable, é a que ten as competencias da política forestal e de loita contra os lumes. Despois de tantos anos de fracasos na protección dos montes e ecosistemas naturais nunha "viaxe a ningunha parte" o Goberno galego segue teimosamente apostando todo a unha carta "extinción, extinción, extinción...". Así, soamente as condicións meteorolóxicas marcan a liña que separa o éxito do fracaso, mentres que aos profesionais e a ampla maioría da sociedade só nos queda mirar para o ceo e pedir "que chova!!!".

Ano 2016, dos orzamentos públicos galegos máis de 170 millóns de euros para apagar incendios forestais. En plena época de "máximo risco de incendios" a maioría das brigadas están aínda sen contratar, os traballos de prevención sen executar, os servizos forestais sen plano de prevención de riscos, medios materiais e técnicos mínimos e obsoletos... Diñeiro gastado ao chou que non serve para a fin ao que teoricamente está destinado. Quen se está beneficiando deste malgasto?

Os nosos montes son executados polos incendiarios, ninguén o pon en dúbida, mais tamén ten unha boa parte de culpa un Goberno incapaz, incompetente e mergullado nunha anomia institucional "deixar pasar, deixar facer" que pon en perigo os ecosistemas naturais, que pon en perigo aos traballadores e traballadoras do operativo de prevención e extinción, un Goberno que está dando cabo dun sector estratéxico para o conxunto do país pola súa cegueira premeditada.

Outra política forestal é posible. "A loucura é seguir facendo o mesmo esperando resultados diferentes".

LA OPINIÓN publica opiniones de sus lectores, así como réplicas y sugerencias de interés general que sean respetuosas hacia las personas e instituciones. Las cartas pueden ser enviadas a LA OPINIÓN por vía postal (C/ Franja 40-42 15001 A Coruña), por fax (981 217 402) o por correo electrónico/cartasaldirector@laopinioncoruna.com). Deben tener como máximo 20 líneas e incluir nombre, apellidos, DNI, domicilio y teléfono de contaco. LA OPINIÓN se reserva el derecho a extractarlas.

Cláusula Legal: LA OPINIÓN A Coruña S. L. (C/ Franja, 40-42, 15001, A Coruña), le informa que sus datos de carácter personal facilitados en este formulario de cartas al director, serán incorporados a nuestros ficheros y tratados automatizadamente. De acuerdo a la L.O.P.D. 15/1999 (Ley Orgánica de Protección de Datos), vd. podrá ejercer su derecho de acceso, rectificación, cancelación y oposición conforme a dicha ley. El titular de los datos se compromete a comunicar por escrito a la compañía cualquier modificación que se produzca en los datos aportados.