"Será un discurso moi coruñés. Arrinca coa luz do Faro falando de Antígona e é un percorrido pola literatura galega, a memoria histórica e a memoria persoal e rematará coa ecoloxía, que vén dos cancioneiros, da relación entre a creación e a terra, entre a palabra e a natureza. O Faro vén ser a definición que facía Miguel Torga do universal: o local sen paredes. Para min o Faro é o mesmo porque, para escribir, un ten que tentar de poñerse no centro do universo", explica Manuel Rivas diante dunha "pinta" de cervexa na mesa dun bar: "O relato empeza coa primeira escrita en galego: os círculos concéntricos e o labirinto, porque os petroglifos son como grafitis, son como unha pintada de onte".

Ao discurso respostaralle Xosé Luis Axeitos, un dos académicos que propuxo a Rivas, xunto coa poeta Luz Pozo -"a miña profesora de literatura no instituto de Elviña", recorda o escritor-, e Xosé Neira Vilas, "que fixo o mellor libro de novo xornalismo, Galegos no Golfo de México".

-Aproveitará a ocasión para facer un alegato a prol da lingua?

-Todo o discurso está atravesado polo valor das palabras. É máis que a lingua. A lingua nomea as cousas e se falamos do ser humano e de natureza falamos da sorte das palabras, da linguaxe, de como a lingua pode ser dominada e perder o sentido. Máis que alegato hai unha reflexión sobre a tradición e a modernidade, coa idea de Walter Benjamin de que todos temos que loitar para que a tradición non caia no conformismo. Hai que rescatar a tradición do conformismo, non negala. A tradición non é un lastre, da alas para voar e aire para respirar pero témola oculta e hai que facela renacer.

-Vai ser un inconformista?

-Como en todas partes. Academia asóciase a academicismo, a acomodación, a conformismo, e parece que tes que ser unha persoa con sentidiño. A min iso do sentidiño non me gustou nunca moito. A Academia para min é un espazo como outro calquera, ten sentido estar si é para facer preguntas e loitar de xeito fértil, e iso non se pode facer desde o conformismo, hai que non aceptar as verdades establecidas.

-Cales son as verdades establecidas no caso da Academia?

-Terei que situarme pero a RAG non é unha academia convencional, hai un grupo humano que fixo cousas importantes en Galicia e é unha oportunidade para escoitar e aprender. Á Academia cómprelle todo no eido da lingua e da cultura galega. A tarefa prioritaria hoxe, e razón de ser da Academia, é a defensa, promoción e cultivo da lingua galega.

-Chega vostede, que non será o máis novo pero trae novos aires, e chegará, tamén, previsiblemente, Ferrín á presidencia, ábrese unha etapa diferente na RAG?

-Houbo unha longa etapa de supervivencia e hibernación pero forzada polas circunstancias, non hai que ser inxustos. A Academia foi moi maltratada e mesmo estivo a piques de deixar de existir. Despois da Guerra estivo no límite de desaparecer e foi expoliada a documentación da República; as xuntanzas tiñan que ser na presenza dun delegado gubernativo, que era un policía, durante moitos anos... Hai que loitar contra a tentación de ser o embigo do mundo. 'Agora chega a hora da verdade'. A hora da verdade é interminable. Hai que ser responsables coas expectativas, non se vai inaugurar nada, non se vai pasar da noite ao día. Hai moito que follar co futuro, como di Patti Smith. O que máis me molesta do momento actual de tempestade é que estamos nunha situación moi absurda: unha casa que reúne as condicións para ser a súa maneira un modelo, convértese nunha especie de escenario de películas gore. Ese paradoxo non acabo de entendelo, debemos cultivar o mellor que temos, dar un xiro copernicano e que Galicia deixe de ser unha páxina de sucesos e estea nas de cultura e nas de economía. Non hai futuro económico sen recursos culturais e capacidade de producir ideas e creación. Non sei por que unha fábrica de camisas ten que ser máis importante que unha fábrica de libros, e aquí non se lle dan o mesmo tratamento. Para algúns, a cultura galega é un problema. O problema é que resulta un problema aos que mandan, cando somos un lugar ideal para establecer pontes de universalidade coa cultura hispana e coa cultura portuguesa.

-Vostede e Ferrín tiveron sempre as súas diferenzas, admíteo?

-Temos unha boa relación baseada na sinceridade, como debe ser. Nunca estiven no partido de Ferrín, non fun ferriniano nin especialista en Ferrín pero sempre vin a Ferrín onde tiña que estar na literatura. Unha das primeiras entrevistas que fixen como periodista, aos 16 anos, foi a Ferrín, cando era considerado un heterodoxo e un maldito. Son relacións de respecto mutuo que pasan tamén pola discrepancia no aspecto doctrinario. É un gran escritor e unha persoa que non vendeu a súa alma. Ese tipo de persoas da a unha institución como a Academia calidade e prestixio.

-Veo no papel institucional?

-Ferrín é unha persoa que sabe estar moi ben e sen máscaras. Farao moi ben se sae presidente.

-Foi escollido en xullo e ingresa na RAG aos cinco meses, como apurou tanto para ler o discurso?

-Podía esperar máis pero quería que estivese aínda Xosé Ramón Barreiro ao frente da Academia. Conmoveune o xesto que tivo en Celanova diante do presidente Feijóo. É un fito na historia recente de Galicia e merece moita consideración. Podería ter calado e non pasaba nada. Ese pronunciamento quedará na memoria en anos.

-Os escritores galegos en castelán non son considerados parte da cultura galega, empezando por Pardo Bazán cuxa casa ocupa a RAG, ten que seguir sendo así?

-Moita xente que escribiu en galego non ten a consideración que merece. Valle-Inclán escribiu a mellor novela do siglo XX, Ruedo Ibérico, e non está no canon de literatura universal de Harold Bloom porque di que non o entiende. Niego la mayor: Valle-Inclán, Torrente Ballester, Pardo Bazán, Rafael Dieste, Cela, Valente, ou actuais como Susana Forte, Luisa Castro, Blanca Andreu ou Ramón Reboiras son parte do patrimonio da nosa cultura. É absurdo proxectalo en termos de competitividade cando se pode tratar como un campo de fertilidade. Ferrín é a persoa que con maior profundidade escribiu de Torrente e foi clave na reivindicación de Cunqueiro, iso dá idea da súa calidade.

-Porá o seu estilo na escenografía do acto académico?

-O importante é que se vexa o mar no Paraninfo, e vaise ver, como vas competir co mar?