-Dí que está 'intoxicado da política'.

-Sí, non quero falar de política, sei que de aí vai saír o titular e non quero, prefiro falar de literatura. Hai tres anos que non publico unha novela, desde Home sen nome, e este libro costoume moito. Desde moi novo tiven relación coa política militando na cladestinidade e esa relación foi o máis natural. Sempre me sentín moralmente obrigado a comprometerme pero logo fíxenme escritor, e non podo entender que por selo teña que deixar de facer as cousas que facía antes. Pero o certo é que, despois das tensións dos últimos anos, comprendín que tiven que pagar un prezo moi alto polo meu compromiso político. A min non me eran indiferentes Aznar nin Zapatero e iso tivo consecuencias: síntome sinalado. Eu non son de ningúen, pero todo o mundo desconfía de min.

-Desconfían de vostede?

-En Galicia falta cultura cívica e todo o mundo pensa en termos de facción. Eu son un individualista, comprométome pero sempre dun modo persoal. Co último libro criticaron máis ao autor que o libro.

-Refírese ao libro que escribiu sobre Zapatero?

-Sí, pero antes xa estaba sinalado, cando Zapatero recomendaba escritos meus e xa estaba tamén enfrontado a Fraga. Estou metido nun plano no mundo da política que está sendo perturbador para o escritor porque, aínda que poida separar os dous planos, interfire nos lectores.

-Segue a estar fascinado por Zapatero?

-Sigo pensando que é un político nato e cun compromiso ético e non me arrepinto de nada. O que pasa é que a xente espera que os políticos actúen moralmente -os de esquerdas, claro, porque aos de dereitas non lles importa-, esperan que gobernen dun modo moral, pero a política é a política e os políticos toman a decisión menos mala e isto non é bonito, por iso hai un descrédito da política e un distanciamento da sociedade. Pero a min o que me importa é este libro, a volta á literatura, tiña necesidade de escribilo. Seguirei tendo os meus compromisos pero quero estar na sociedade como autor literario.

-Pero segue a estar en tertulias radiofónicas onde non se fala precisamente de literatura.

-Efectivamente, e nesa situación seguirei nos próximos meses, a reorientación da vida non se fai dun día para outro. É a reflexión para os próximos tempos. Sempre tomo partido e se te implicas mánchaste e eu non sei non mancharme. En Madrid non me teñen simpatía, hai un españolismo tremendo que atravesa o poder político e os medios de comunicaicón. A loita idelóxica reflíctese no mundo editorial e o xuízo literario vai directamente á ideoloxía. Eu sempre dixen que era galeguista, e venme non como un rival senón como un inimigo ideolóxico e, no meu caso, aínda foi peor pola miña relación con Zapatero.

-E en Galicia que lle pasa?

-En Galicia teño un papel... Véxome demasiado metido no compromiso político. É necesario, pero pésame demasiado.

-Sete palabras é o título do seu novo libro, pero antes pensou en Arte de maxia, por que?

-É o mellor libro que escribín. Se Tic-Tac era unha visión moi descarnada da vida, este o desdice, é unha visión máis reconciliada, máis serena. É o relato dunha investigación e ten moito de maxia. É un conto máxico con misterio, por iso ía chamarse así. Nunca disfrutei tanto escribindo un libro e iso percíbese na lectura.

-É unha indagación persoal e familiar, non resultou doloroso?

-Curiosamente, non, e trata de cousas delicadas.

-É unha introspección na que o narrador se confunde co protagonista.

-É estraño pero non me custou. A dificultade estaba antes, unha vez que me puxen... aínda que refixen dúas veces o libro e me levou ano e medio. É un proxecto de hai sete anos e, se cadra, ten relación coa altura da vida, a saída da madurez. Fixen un traballo que penso que é moi ambicioso cun material moi humilde, moi simple, e o que saíu foi un relato de misterio que funciona literariamente, por iso creo que é o mellor libro que escribín.

-Mestura distintos xéneros?

-Si, ten unha parte de investigación, ten algo de narración de misterio e fantasmas, algo de libro de viaxes, algo de antropoloxía e moito de reflexión sobre a literatura e o que é ser escritor, sobre o poder da literatura para cambiar a vida, porque a min o libro serviume para axustar contas comigo mesmo.

-É unha busca da identidade?

-A pregunta orixinal foi 'quen son eu'. Nun momento dado da vida pareime a pensar que non sei de onde veño. A todos ocúltansenos aspectos da vida familiar e desaparecen personaxes e eu sentín que tiña un vacío. De quen descendo, quen son?, era a pregunta. Fun con curiosidade e humildade ás fontes a través da busca dun avó e atopei unha historia que é moi parecida á de calquer europeo: a emigración, a guerra, o exilio, a fame... Porque a pobreza é o grande estigma. A maior parte das familias, no fondo, vimos da pobreza.

-Atopou sorpresas?

-Si, e están no libro, onde o lector avanza ao mesmo tempo que o protagonista. Encontrei cousas que descoñecía e sobre todo atopeime coa miña propia historia. Ao final, fíxome máis dono da miña vida.

-Despois dun libro semellante, por onde vai camiñar a partir de agora?

-Non sei. Neste libro puxen a literatura a proba e experimentei que a literatura serve para cambiar a vida. A min serviume.