Na Imende (Baldaio, Carballo), terra de cantareiras e bailadoras de sona, Mar Pérez decidiu deixar a costura para os desfiles da deseñadora Kina Fernández en Cibeles e montar taller propio para confeccionar unicamente traxe tradicional galego, o que lle saía do corazón a esta mestra de baile e pandereta. Fixo a vestimenta de varias agrupacións folclóricas galegas (a última, a de Dexo en Oleiros) e a súa fama chega ata o estranxeiro. "Acabo de enviar un presuposto para Nova York: pantalóns, polainas, chalecos, parlamentas e mandiles. Tamén teño feito os traxes dunha asociación de Xenebra e doutra de Lausana. Déronme as medidas por teléfono e despois mandelleis todo por correo", conta esta muller a quen súa nai, que tiña unha academia, aprendeu a coser con doce anos.

Mar Pérez, ademais de costureira, é artesana, investigadora, antropóloga, académica. "Consulto libros e fotografías antigas para ver como eran os traxes galegos, os patróns, as pezas, as telas. Logo vou a anticuarios a buscar telas. Cada vez é máis difícil atopalas. Eu só fago pezas que respetan a tradición. Esta peza que teño aquí, por exem-plo, regalouma o gran gaiteiro Pepe Temprano. Veu dun anticuario e ten máis de cen anos. Estiven investigando porque non é exactamente un dengue, é máis pequeno, e ata que vin un semellante nunha foto antiga, así descubrín como se suxeitaba. Restaurei a peza e agora fago outras iguais, réplicas", sinala Mar, que cose todo a medida.

Confesa que moito chorou de moza porque súa nai quería que fose costureira tamén pero ela desexaba ser perruqueira. Conseguiuno, tivo peluquería en Caión e gústalle a profesión, pero a semente da costura xa lle ía "nas veas" e abromou hai trece anos cando montou o seu taller.

Aínda que fai traxe galego dende hai uns vinte anos, para ela e amigos, dedícase a iso profesionalmente dende hai seis. "O de facer traxe galego veu porque eu empecei a bailar en Xacarandaina, aos vinte anos, con Quique Peón de profesor e Mercedes na pandereta. Despois estiven noutros grupos, cheguei a bailar en catro ao mesmo tempo, Xaca, Eidos, Nadelas de Caión e Xilbarbeira. O meu primeiro traxe era alquilado pero despois fixen eu un, con 22 anos, vergonzoso, cun refaixo case sen voo. Despois xa fixen un bonito, aínda o teño. Empecei cuns amigos a bailar polas festas, por toda Galicia... Eu xa estaba en Kina Fernández, con ela aprendín moito, era un traballo moi bonito cunha xefa moi boa. Logo amigos ou xente que me vía bailar preguntábame quen me fixera o traxe e ao dicirlles que o fixera eu, pedíanme un. - así empecei", conta esta modista mentras remata as puntadas dunha lorza nunha camisa de home.

Ao lado ten un maniquí cunha fermosísima parlamenta de terciopelo ornada con canutillo, un laborioso traballo feito man a man coa súa nai. Porque Mar Pérez faino todo, corta, cose, borda, pon todo o ornamento e ata aprendeu a palillar para que o encaixe das camisas, nos colos e nas mangas, fose tamén artesán. "Un mantelo podo telo feito nunha semana. O canutillo pode estar posto en oito horas. Hai que poñer un a un, eses abalorios tan pequeniños, e cunha agulla finiña para que pase por dentro. O segredo é rematar cada dous ou tres. Tardas máis pero se che rompe non che cae toda a fila, so eses dous ou tres", di.

"Para min é importantísimo que se manteña a tradición. Mellorouse moitísimo nos últimos anos, cando empecei a bailar era un crimen, traxes que non eran para nada o tradicional. Máis que por tema económico, que tamén, para min ir vestida con roupa que sabes que respecta a tradición... Para min vestirme é un ritual. Almidono a enagua, plancho a camisa, o refaixo, todo estirado, os pendentes, a raia ao medio peinadísima... Lévame tempo vestirme polo respeto que lle teño ao traxe. Tanto, que nunca me sento coas enaguas postas nin me quito o traxe ata saír do sitio onde actuei. - sempre me sinto máis guapa vestida co traxe que vestida de calle".