A musicóloga Dorothé Schubarth di que ten "morriña da lareira", que leva apegadas ao seu corpo as marcas que lle deixaron os cinco anos que estivo a percorrer Galicia, facendo do que só era música, improvisación e vía de escape, o que, agora é a "biblia do folclore galego". Schubarth, que recibiu onte o PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira, levou con ela tamén o aplauso dos músicos que medraron interpretando todas aquelas pezas -unhas 5.000- que ela non deixou morrer e que, gravadora en man, rescatou da memoria dos vellos informantes, ao final dos anos setenta e principios dos oitenta.

O grupo Pel de Noz, que conta entre os seus compoñentes con Alonso Caxade, foi o encargado de lle poñer un toque de jazz ao que, en principio, era só unha melodía de traballo, un acompañamento dos traballadores, nas horas da seitura. Caxade recolleu onte o premio que o distingue como mellor artista do ano 2013. Un galardón que outorga este diario aos músicos de raíz e a aqueles que, partindo das melodías tradicionais, conseguen actualizar a música do país. Caxade, nos seus agradecementos pideu que "o pasado estea presente no futuro", para reivindicar que a tradición evolucione e que as muiñeiras e as músicas herdadas se mesturen con outras realidades, sen perderen a súa esencia, a pegada da terra.

O gran premiado nesta XIII edición dos PREMIOS OPINIÓN de Música Folk foi ao moañés Xosé Manuel Budiño, xa que recolleu dous galardóns. O primeiro, compartido co actor Carlos Blanco, o que designa Déixame adiviñar, coma o mellor tema orixinal do 2013. É unha peza feita para a compañeira de Budiño, Elena, e que, no disco está cantada por Antonio Zambujo. O gaiteiro do Morrazo foi premiado tamén por este seu último disco, Sotaque.

Ao escenario de teatro Rosalía de Castro subiron tamén onte Anxo Pintos e Serxo Ces, para poñeren música en vivo ás imaxes d un documental que recolle o día a día dos percebeiros. Ces cantou un tema composto "un día que estaba moi cabreado", porque lles prohibiran en Cedeira coller percebes nunha pedra que sempre tiveran como súa. "Os paos non me doen se é polo pan dos meus fillos", berrou na súa cantiga.

Os integrantes do cuarteto de corda Saiva Nova e o gaiteiro Pablo DeVigo foron os encargados de poñer ritmo tamén a esta cita anual que, como explicou Anxo Pintos, son os premios "oficiosos do folclore de Galicia".

Sonaron na gaita de Devigo as notas do Asturias de Albéniz e, nas cordas de Saiva Nova, a Alborada de Rosalía, arranxada por Pedro Lamas.