As Perseidas iluminan a cidade

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza unha observación da chuvia de estrelas no parque de Eirís este mércores e a Casa das Ciencias adícalle as sesións do planetario

10.08.2015 | 00:28
Noite estrelada coa presencia da chuvia de estrelas, as Perseidas, na illa de La Palma, nas Canarias.

A chuvia de estrelas de agosto, as Perseidas, volve iluminar as noites da cidade. Ata o próximo venres, calquera poderá botar os ollos ao ceo e observar este fenómeno típico da época estival. Non se precisa ningún material técnico, tan só un lugar escuro cun ceo despexado. A Casa das Ciencias da Coruña adicará todas as sesións do planetario a este fenómeno, á vez que recomenda a mellor forma de disfrutalo. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza unha xornada de observación este mércores no parque de Eirís, para a que conseguiu o apagado da iluminación da zona

O ceo nocturno da cidade cúbrese de estrelas fugaces durante os seguintes días. Este fenómeno, coñecido como as Perseidas, coincide co paso da Terra polo ronsel deixado polo cometa Swift-Tuttle, que nos visitou por última vez en 1992. O planetario da Casa das Ciencias da Coruña incluirá recomendacións para observar este fenómeno nas súas sesións desta semana. E a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza unha observación no parque de Eirís o mércores á noite, de 23.30 a 03.00 da madrugada, na zona próxima aos restos arqueolóxicos do castelo.

Os amantes dos ceos nocturnos marcan agosto como a cita obrigada coas estrelas fugaces, un dos fenómenos máis agradecidos pola súa facilidade para ser observado. As Perseidas son visibles desde o pasado sábado ata o próximo venres, sendo a mellor noite a do mércores. A Casa das Ciencias adica todas as sesións do planetario a este evento ata o venres. As sesións en directo, ás 18.00 horas, están adicadas en exclusiva ás Perseidas, con sesións especiais ás 13.00 horas de hoxe ao mércores. Nestas xornadas especiais, o museo coruñés explicará a mellor forma de disfrutar as estrelas fugaces.

O responsable da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Martín Pawley, explica que para ver a chuvia de estrelas non se precisa de "ningún material técnico". O uso de telescopio ou de prismáticos dificulta a visión deste fenómeno. A organización prepara unha xornada de observación no parque de Eirís na noite do mércores ao xoves coa esperanza de ter bo tempo. O Concello apagará as luces da zona para facilitar a observación da chuvia de estrelas. Para quen queira seguila desde outro punto, o mellor consello que se pode dar é atopar un lugar "escuro e elevado" cun ceo despexado. Todo isto dentro das limitacións que o entorno urbano deixa aos afeccionados á astronomía dada a contaminación lumínica nas cidades.

A orientación é importante. Non se pode estar nun lugar con visibilidade limitada polos edificios. As Perseidas acontecen sobre todo na zona da constelación Perseo, ao norleste, polo que o mellor é que esa zona quede descuberta. O parque de Eirís foi o punto escollido pola asociación de astronomía, pero outros lugares da cidade da Coruña, como o do Acuario, son igual de idóneos. As temperaturas baixan pola madrugada, polo que é importante levar algo de abrigo e poñerse nunha posición cómoda para disfrutar da chuvia de estrelas en compañía ou en solitario.

Non é a primeira vez que esta asociación astronómica organiza a observación de fenómenos astronómicos. O pasado marzo reuniu a moita xente no parque de Santa Margarita para observar o eclipse parcial de sol. A seguinte cita será cun eclipse de lúa en septembro, aínda que Pawley aclara que as condicións serán "menos esixentes". A lúa pode verse desde calquera punto da cidade ou o campo sen importar a iluminación.

As observacións que se poden facer desde a cidade están moi marcadas pola latitude e as condicións metereolóxicas. A contaminación lumínica segue a ser o maior reto para os amantes da astronomía. Na cidade poden verse a simple vista unhas 100 ou 200 estrelas, unha cantidade moi pequena comparado cos ceos cubertos de 3.000 ou 4.000 estrelas nas zonas do interior de Galicia.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine