A obra de Lugrís como nunca antes estivo. Xunta. Lonxe de humidades. Como se o tempo deixase de correr. Así amosará Abanca a primeira exposición sobre o Urbano Lugrís muralista, con máis dun cento de obras, algunhas delas que nunca foran exhibidas antes, que pertencen a coleccións particulares e outras que nunca chegaron a se faceren realidade, como o proxecto que o artista debuxou para a igrexa de San Pedro, no barrio de Visma, e outras que voltan ao seu lugar de orixe, como as pezas que se mostrarán procedentes dunha barbería, recreando a súa disposición orixinal.

A inauguración desta exhibición, Lugrís, paredes soñadas, coincidirá co remate dos labores de restauración de emate dos labores de restauración de Vista de A Coruña 1669 -o mural que estaba no antigo Vecchio e que agora está na oficina central de Abanca, na rúa Olmos-. Será o 31 de marzo.

A mostra está comisariada polo estudoso da obra de Lugrís Rubén Ventureira e poderase visitar até o 2 de setembro, na sede de Afundación, no Cantón Grande.

Con esta obra, afóndase por primeira vez na obra do Urbano Lugrís muralista, o que encheu de cores e paisaxes, de estrelas e barcos institucións públicas e privadas. Entre as obras que se poderán ver están tamén o óleo Stella Maris, que Lugrís fixo para a Confraría de Pontedeume, e os vidros decorativos dunha celosía deseñados para unha vivenda da Coruña, así como o gran mural que pintou no Sanatorio Álvarez, de Compostela.

Volverá, a partir do 31 de marzo, Vista de A Coruña 1669 ao centro neurálxico do Lugrís muralista, á rúa Olmos, moi preto do lugar para o que foi concebido, a sede do Banco Hispano-Suízo; preto tamén da obra que o arquitecto e presidente de O Mural, a asociación que promoveu a declaración do mural como Ben de Interese Cultural, Marcos Samaniego, calificou neste diario como a " Capela Sixtina de Lugrís",Capela Sixtina que é o mural que hai nun restaurante da mesma rúa, na que a pintura vai máis alá das paredes e chega ao teito abovedado. Está tamén moi preto a obra da rúa Álvaro Cebreiro, unha peza case descoñecida, xa que está nun primeiro andar e coa que a choiva non tivo piedade.

Abanca destaca que nesta mostra haberá 106 pezas e que "grazas á colaboración con outras organizacións conseguiuse tamén reunir obras cunha orixe común que se atopan na actualidade en diferentes localizacións". É unha homenaxe ao Lugrís muralista, ao home que enchía de cor as paredes, que as deixaba, cos seus pinceles, tal e como el os soñara.