Na casa de Francisco Pancho (1941) e de Noli Vega hai lembranzas colgadas das paredes, retratos que lles fixeron amigos, páxinas de xornal, libros e máis cadros, fotos que recollen a historia recente de Galicia, do nacionalismo, da lingua e a política, a vida conxelada detrás dun marco. Francisco Pillado vén de ser nomeado Republicano de Honra pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Asegura que, cando lle dixeron que o escolleran a el este ano, chorou "de emoción", porque era un recoñecemento a toda unha vida de loita e de compromiso, un recoñecemento a un home que aínda chama "camaradas" os que comparten o seu ideario.

Para ser Republicano de Honra cómpre ter unha Republicana de Honra ao carón? E Pancho Pillado di que si, que "evidentemente", porque as súas lembranzas son compartidas e, decote, ela remata as del e el pregúntalle a ela se se acorda daquel día no que colleron o autobús para iren a Monte Alto. Coas mans enriba da mesa, ou cruzando os dedos de cando en vez, Pillado lembra que foron a súa nai e a súa avoa as que lle abriron os ollos á realidade a un neno ao que lle tocou vivir a súa mocidade nos tempos da posguerra e da ditadura.

"Eu medrei escoitando falar da República, da liberdade de expresión e iso marcoume e as encargadas de transmitirme esa realidade foron a miña nai e a miña avoa. Meu pai e meu avó eran máis proteccionistas, pero miña nai vivira na avenida de Navarra, fronte ao Campo da Rata e contábame que todas as noites escoitaba pasar os coches e, despois, as balas", relata. E cita un dos seus aforismos " Eva e Pandora foron as nais da liberdade", Eva e Pandora foron as nais da liberdadeporque para el foron as mulleres as racharon cos tabús e as que se negaron a que os seus fillos vivisen orfos dun pasado mellor.

Noli e Pancho, sentados na mesiña do salón, coinciden en que, para que haxa Terceira República, teñen primeiro que encherse as rúas. "Eu espero que si", di convencido Pancho Pillado á pregunta de se chegará algún día e o seu razonamento é moi simple e lóxico: "As persoas que xa somos avós temos a obriga de lle deixar un mundo máis digno aos nosos netos e é por iso polo que temos que loitar, porque nós xa vivimos o máis importante da vida" e chama "inxusto" a este mundo no que lle toca vivir e pon o dedo na chaga do mercado laboral e da privatización dos servizos públicos. "Cando eu comecei a traballar había contratos de por vida, agora xa non. O capitalismo daquela era moito máis aberto porque tiña unha alternativa, que era o comunismo; hoxe, como desgraciadamente o comunismo foi superado, fan o que lles dá a gana", di Pillado, que ten moi claro que, na Europa do século XXI, é "imposible" fuxir da roda do capitalismo, desa roda que leva os traballadores a "non ir a unha folga e a seren sumisos por medo a que non lles renoven".

Entón, quen loitará pola "xustiza social" nas rúas con tanto medo no corpo? Pillado sinala aos funcionarios porque "teñen máis liberdade" e a "obriga" de facelo, pero fala tamén de valentes que baixan ás rúas e dos que, sen se poder manifestar, utilizan o sistema para acadar o obxectivo común de mellorar o mundo. Mais, quen pode pensar que loitar pola recuperación dos dereitos é un obxectivo bo para todos cando nas urnas "seguen gañando os mesmos, os de sempre"? Pillado di que está "defraudado" ante un país que apoia a partidos que privatizan os servizos públicos e que fan "recortes necesarios" sen preguntarlle a ninguén se os precisan ou non, pero confía, segue confiando en que a solidariedade acabará impoñéndose. "Eu creo que hai que saír á rúa porque quedando na casa, por moito que penses en cambiar as cousas, non fas nada. A xente agora está máis soa ca antes. Pensa, pero non fai. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica leva moitos anos traballando, por exemplo, e é un traballo que vai pouco a pouco, pero que significa algo", explica Noli.

"Eu dígoo sempre, pero neste país para coñecermos o noso pasado máis recente tivemos que crear unha lei de memoria histórica, que é un disparate, se non é por iso, non se fala do que foron os anos da ditadura", argumenta Pillado que, de novo, "fumaba en pipa, como Sartre", porque lembra que, "na ditadura non se podían expresar con palabras, pero si con ideas e xestos", lendo libros ou deixando barba como Fidel Castro.

Noli e Pancho reviven agora a súa mocidade arrodeados "de xente próxima", de persoas afíns "coma irmáns", define Noli, porque a loita facíana desde os afectos, confiando o xusto, sabendo o imprescindible dos demais. E agora lembran entre risas aqueles días nos que ían ao teatro, porque o teatro era de "xente de esquerdas", e entraba a policía berrando: "Manos arriba o disparamos al aire e eles respondían: " al aire, no", al aire, noporque eses "tiros ao aire", nas folgas, remataban sempre no corpo dalgún compañeiro. E dinno coa boca grande e co sorriso debuxado nos beizos, porque o ditador morreu, pero pasaron medo, moito medo e non só por eles, polos que quedaban na casa e polo que lles puidesen facer.

"Un día, ao chegar á casa, tiña unha nota manuscrita no buzón que poñía: 'Detiveron a Manolo, ten coidado, que lle preguntaron por ti' e alí asustámonos moito e marchamos para a casa do meu pai", rememora Pillado, porque, aínda que eles tiñan 25 anos, el seguía protexéndoos de todo o que podía. Manolo non dixo nada. Negou que Pillado tivese vinculación co Partido Comunista e non pasou nada -para entón era certo, xa que era simpatizante, pero non militante-. "Un non ou un si, podía cambiar a nosa vida", sentenza este fillo único ao que o seu pai, como lembra Noli, trataba sempre coma "un neno". Ese fillo que agora é avó e que pensa en deixar "un mundo mellor" aos que queden cando el xa só exista nos seus libros.