O porco celta conta cada vez cunha maior aceptación na Costa da Morte. En toda a comarca existen 25 explotacións e en Corcubión atópase a única carnicería da provincia que vende este tipo de carne fresca diariamente. O seu xerente, José Luis Antelo, que tamén preside a Asociación de Amigos do Porco Celta da Costa da Morte, recoñece que, a pesares da crise, este producto conta cunha grande demanda, que ven aumentando nos últimos tempos.

Coincidindo con este auxe do porco celta, a entidade organiza para esta tarde unhas xornadas técnicas sobre a producción e a rentabilidade na Casa de Cultura de Corcubión. Nas charlas participarán técnicos da Consellería de Medio Rural e persoal da Asociación de Porco Celta e do entorno do porcino ibérico. Precisamente, o grande reto dos organizadores destas xornadas é converter o porco celta en delicatesen para situalo ao mesmo nivel que o ibérico.

Na Costa da Morte existe unha variedade autóctona que se caracteriza por ter unhas manchas negras de maior tamaño que noutras zonas, que se denomina Carballina. Para conseguir unha calidade máxima, ademais da xenética dos animais é necesario que se atopen nun espacio amplo ao aire libre para que poidan camiñar moito, segundo recoñecen os promotores da iniciciativa. José Luis Antelo conta con dúas grandes explotacións ao aire libre onde cría os animais que logo vende no seu establecemento.

A Asociación de Amigos do Porco Celta da Costa da Morte pretende aumentar o número de explotacións na comarca para poder abrir así novos mercados, xa que recoñece que se trata dun negocio con futuro e insiste na necesidade de seguir potenciando esta raza autóctona. Con este tipo de actividade tamén se fomenta a vida no rural para evitar o despoboamento do campo.

E para os que desexen probar o sabor e a calidade do porco celta, despois das xornadas técnicas que se celebran esta tarde -comezarán ás 20.30 horas- haberá unha degustación gratuita deste tipo de carne. Os asistentes poderán comprobar se xa se pode considerar un delicatesen ou, pola contra, aínda lle falta para considerarse dentro desta categoría.