O teatro Rosalía de Castro convertiuse onte, desde as sete e media da tarde, nun escenario made in Hollywood, con música de orquestra da festa nas rúas, alfombra vermella nas escaleiras -que usaron máis os que saían da biblioteca da Deputación que os actores e actrices do teatro galego- e ata limusinas que recollían os nominados aos premios María Casares na esquina da rúa Fama, valla a redundancia, ata o teatro.

"Que pasa que hai tanta xente, quen vén?" e "Mira, é o padre Casares" foron algunhas das frases máis repetidas entre os que, aínda sen saber moi ben por que aínda que atraídos pola música e o rebumbio do luxo saíron á rúa coa roupa de traballar para ver o que pasaba.

E o que pasou foi que os actores e actrices de Galicia se reunían para entregar os premios María Casares, os que recoñecen o labor dos seus compañeiros de escenario. O resultado: o Centro Dramático Galego aglutinou nove dos trece premios que se repartían. Noite de reis. Ou o que queirades, dirixida por Quico Cadaval, foi a triunfadora da noite, con cinco galardóns -Mellor vestiario, Mellor escenografía, Mellor actor secundario, Mellor direción e Mellor espectáculo- e A Piragua (tamén do Centro Dramático Galego, aínda que esta dirixida e escrita por Cándido Pazó) fíxose con catro premios dos sete aos que estaba nominada -Mellor iluminación, Música orixinal, Mellor texto orixinal e Mellor actriz protagonista-.

"É certo que o teatro institucional está feito con máis medios e que o que está ben feito ten máis posibilidades de recoñecemento e de chegar ao público en mellores condicións; pero que eu escriba mellor ou peor e que Quico Cadaval dirixa mellor ou peor non ten nada que ver con que o teatro sexa ou non institucional", afirmou á saída do teatro Rosalía Cándido Pazó.

Música en directo fóra, e música en directo dentro co piano de Suso Alonso e o violonchelo de Carlos Ariel que acompasaron a entrega de estatuíñas, acompañaron o baile de Druída Danza e arrouparon as voces das rockeiras, cabareteiras e cupletistas da noite. Porque se

unha bela Blanca Cendán se atreveu co cabaré alemán, non luciron menos Matilde Blanco e Feli Manzano. As actrices ousaron dar a benvida a ritmo de Miguel Ríos e convertéronse en violeteiras-greleiras nunha divertida adaptación agropop da sonada canción que cantaba Sara Montiel en El último cuplé.

Correspondeulle ler o discurso do Día do Teatro a Suso de Toro, quen ofreceu parabéns ao teatro galego polos seus trinta anos de vida, idade "á que se mira para atrás", cando se comeza a "pisar con máis atención" e cando "un calendario se instala dentro". O escritor compostelano pediulle aos presentes "aínda que se fagan maduros, que non deixen nunca de brincar coma rapaces". "E non deixen tampouco de anoxar aos malvados e de usar as máscaras para desenmascarar os impostores", concluíu.

Recolleron a luva da reivindicación moitos dos que subiron a presentar ou recoller os premios: o teatro, as mulleres ou Palestina centraron as súas defensas. "O ano pasado entrabamos no teatro reclamando un convenio xusto

dunha vez e este ano, entramos en limusina", berrou Mónica Camaño ao recoller o seu premio como mellor actriz secundaria por Emigrados. Tamén houbo un momento de recordo para, segundo expresou a actriz Rosa Álvarez, "facer unha homenaxe aos compañeiros e amigos que físicamente non están desde 2007", tales como o actor Xan Bravo, o pintor Xaime Quessada, o sindicalista Manuel Amor Deus e Carlos Asorey, propietario do mítico club de jazz compostelán Dado Dadá. Un recordo houbo tamén para o finado John Balan, que reivindicaba sempre un saúdo para os que habitan o galiñeiro e houbo tamén un agarimoso aplauso e unha lembranza a xeito de Premio de Honra para Rubén García, creador da Mostra de teatro de Ribadavia, quen tivo que agradecer o premio coa voz da súa filla, aqueixado dunha "fodida enfermidade".

A quenda de galardóns -achegados ao escenario por un paiasiño con xeitos de papón, Josué García, que insistía en usar como regadeira ou testo a xerra-maría casares que se dá cada ano aos premiados- abriuna a compañía Bacana, co premio á Mellor maquillaxe polo espectáculo Hendaya, mon amour. Subiu recollelo Xulio Abonjo, que se aledou do premio para unha compañía "que non conta con subvencións nin participa na Feira do teatro", coiteladiña que a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, recibiu con bo humor e unha gargallada desde o palco presidencial, onde a acompañaban o alcalde da Coruña, Javier Losada, e a edil de Cultura, María Xosé Bravo. Desde alí viron como o outro teatro tamén se facía un oco na gala e como La Canalla, de Teatro do Morcego compartía o galardón de Mellor vestiario con Gilda Bonpresa, do CDG; como Avelino González -que paseou pola alfombra vermella cunha bolsa da compra- recollía un María Casares pola adaptación dun texto de Woody Allen, e como a canguesa Mónica Camaño e Ernesto Chao -Mellor actor protagonista por As últimas lúas- rompían a tendencia da caída de premios sobre o Centro Dramático Galego. "Este ano, a verdade que non cría que ía gañar, porque vin o traballo de Rosa Álvarez e de Susana Dans e paréceme "impresionante", afirmou Camaño. A historia dunha muller maltratada; a vida de dous irmáns náufragos nunha illa, os derradeiros días dun home na residencia na que está internado e a eterna loita dos emigrantes por non perder as raíces da súa terra foron algúns dos argumentos que fixeron grande o día do teatro galego, o día no que cumpría trinta anos e no que se reivindicou como maduro e con futuro.