-Gañou a asamblea por nove votos o pasado xoves. Que conclusións sacou dos resultados?

-É un proceso interno normal do BNG e de calquera organización, como un proceso habitual, no que neste caso houbo dúas candidaturas como xa ten ocorrido noutras ocasións na Coruña. É significativo que en vez de ser catro, como foron na Asamblea Nacional, só fosen dúas. A Coruña marca un pauta distinta ao que pasa a nivel nacional.

-Victoria axustada.

-Tamén é habitual nas asambleas da Coruña. Son procesos internos que non teñen maior trascendencia, pero que permiten facer máis participativa á militancia.

-Para vostede foi clave a unión de Listas Abertas e Máis BNG?

-Era unha candidatura onde había xente que foi en listas distintas de delegados a Asamblea Nacional. Pero esencialmente era unha candidatura de independentes, como é na maioría da militancia. A maior parte dos que formamos parte da candidatura era xente independente.

-Pode ser un síntoma da existencia de dúas correntes diferenciadas, de dúas maneiras distintas de ver o Bloque na Coruña?

-Xa houbo dúas candidaturas noutras ocasións, é un reflexo do que acontence a nivel nacional. O único que evidencia é que existe pluralidade, que o BNG ten a riqueza que ten e é o que nos fai distintos. Tamén é certo que se presentaba unha candidatura para liderar un determinado proxecto na cidade.

-Teme que desde fóra se poida interpretar como que non existe unión dentro de BNG?

-De ningunha manera. Para a elección da executiva só houbo unha candidatura elixida polo 100% da militancia. Existe unión na máxima dirección. Ademais, nos discursos e programas das dúas candidaturas había unha coincidencia moi alta.

-Pero é significativo que uns concelleiros apoiaran a súa lista, e outros apostaran pola UPG.

-As persoas que teñen cargos institucionais son representantes do BNG. Forman parte dunha candidatura en función do momento.

-O outro candidato, David Pena, reclamou unha renovación profunda no partido.

-A nosa candidatura é moi renovadora en canto aos perfís e ás persoas que se presentaban. É necesaria unha renovación, pero tampouco se trata de xubilar a ninguén. É unha candidatura nova pero os referentes sociais que existen no BNG deben manterse na medida do posible. Pero si significa unha apertura hacia novos referentes para a sociedade.

-A dous anos das eleccións municipais, cales son os obxetivos? O BNG quere renovar ao cabeza de lista e aos actuais representantes no Concello?

-Non estaba en debate neste proceso. Será unha cuestión que se estudiará posteriormente.

-A nivel persoal, cre que Henrique Tello conta, a día de hoxe, cos apoios suficientes para ser o líder nos comicios de 2011?

-Depende do que decida a organización e a Asamblea Local nese momento. Cando teña lugar ese debate pronunciaremonos como militantes. Agora está fóra de lugar.

-Cales son as prioridades a curto prazo?

-O BNG na Coruña necesita reforzarse, facer unha aposta forte pola renovación, por superar certas dinámicas que nos levan a falar máis de nós mesmos que da sociedade. O BNG ten que entrar con máis forza no debate social sobre os temas que lle preocupan á cidadanía da Coruña e do resto da comarca, como ocorre coa creación da área metropolitana. O BNG buscará esos debates coa sociedade e co resto das formacións políticas.

-Todas esas conclusións sacáronse tralos resultados obtidos polo BNG na cidade nas eleccións galegas e europeas deste ano? Desde a súa formación recoñeceron que os resultados non foron os que esperaban.

-Non sei se foron peores do que se esperaba. En calquera caso, tomamos boa nota dos últimos resultados electorais, do que a cidadanía quere transmitirnos.