Aínda non hai dez anos que a Xunta fixou de forma definitiva o nome do lugar de Curtis. Foi mediante unha orde da Consellería de Presidencia do 31 de maio de 2000. A instancias da propia Corporación municipal, a Comisión de Toponimia revisou o nome e acordou modificalo. Antes diso, e durante tres meses, entre o 11 de abril e o 5 de xuño de 2000, o nome oficial do lugar de Curtis, que non o Concello, foi A Estación.

O estudoso local Andrés Mariño Sanmartín analiza no seu libro Bodeus, Curtis-Estación, Curtis? o proceso histórico que deu lugar ao actual municipio. Antes da construción da liña ferroviaria entre A Coruña e Madrid, Curtis era o que hoxe é o barrio de Bodeus, onde uns poucos habitantes se adicaban á agricultura e a gandeiría. Existían outros Curtis preto, San Vicente de Curtis e Santaia de Curtis, que hoxe son parroquias das localidades de Sobrado e Vilasantar.

Na segunda metade do século XIX, a construción do camiño de ferro permitiu diversificar a economía da zona, onde se ergueu unha estación de obrigada parada para os trens, xa que un manantial situado preto permitiu construir un depósito de auga co que se abastecía ás máquinas de vapor.

"Establecida la estación de ferrocarril en Os Bodeus, lugar entonces insignificante, diósele el nombre de Curtis, porque en la comarca había las parroquias de Santa Eulalia y San Vicente de Curtis", recolle un artigo de primeiros do século XX asinado polo galeguista Carré Aldao. Curtis xa estaba no mapa e o único cartel que o identificaba estaba á beira da vía do tren: Curtis-Estación.

Os raís dividen en dúas metades o municipio e dous núcleos de población comezan a destacar: Curtis-Estación e Teixeiro, o primeiro deles na parroquia de Santa María de Lourdes e o segundo, en Santaia, na parte norte do concello, e tamén con estación de ferrocarril. Bodeus, tamén coñecido coma Aldea Vella, queda na parroquia de Santa María de Fisteus, a máis estensa. A cuarta e última parroquia é a de Santa María de Foxado, que carece dun núcleo de población principal e é a menos poboada.

A toponimia refírese aos lugares que reciben o nome dunha vía de comunicación coma odónimos. É algo moi habitual e entre algúns exemplos atópanse A Estrada, Catro Camiños ou A Pontenova. O caso da palabra Estación coma nome dun lugar é moi común en municipios que medraron ou naceron escoitando os asubíos das locomotoras, coma é o caso dos concellos Estación de Linares Baeza (Xaén) ou Estación de la Encina (Alicante), dos 27 lugares en disitintas parroquias galegas chamados así ou dos 88 rexistrados dese xeito na Comunidade Autónoma de Aragón. Curtis non escapou a este fenómeno e, aínda que a denominación que triunfou na práctica foi a actual, o 17 de agosto de 1957 a Corporación municipal estableceu por acordo que o nome da localidade fose Curtis-Estación, segundo recolle o libro Camino Norte a su paso por el municipio de Curtis, do historiador Fernando Cabanas López.

Así se mantén ata a chegada do século XXI. No ano 2000, a Xunta emprende a revisión dos nomes de concellos e dos lugares galegos para adaptalos á Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, que establece no seu artigo 10 que os topónimos terán como única forma oficial a galega. Na listaxe cos nomes corrixidos que aparece no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 11 de abril dese ano, Curtis-Estación perde sorprendentemente o primeiro nome para ficar co de Estación.

Tres meses despois, e a instancias do Concello, a Comisión de Toponimia revisa de novo o traballo feito e publica no DOG unha nova orde que modifica de xeito parcial a anterior e que fixa coma nome oficial da localidade non Curtis-Estación nin Estación, senón simplemente Curtis. Non se recollen na resolución os motivos polos que chegou a figurar tan só coma Estación e non se aclara se foi un erro, aínda que todo apunta a que foi así.