No editorial do pasado domingo: Medicina, una aspiración irrenunciable para A Coruña, trasladáronse diversas manifestacións que considero equivocadas e que desexaría aclarar.

Estrañamente, dise que lancei un órdago ao negarme a paralizar a convocatoria de prazas de Profesor Asociado de Ciencias da Saúde (PACS) nos hospitais da Coruña e Vigo. O órdago, en todo caso, será de quen intenta paralizar a dita convocatoria a través de recursos e requirimentos.

Ao contrario do que se di, teño o máximo interese en avanzar pola senda da descentralización. Por iso este ano o número de estudantes que van a formarse a Vigo e á Coruña incrementouse sensiblemente en relación ao curso pasado. Pero unha cousa é descentralizar a formación que se vai recibir no ámbito hospitalario e outra que esta docencia pase a ser responsabilidade doutras universidades que non teñen entre a súa oferta docente os estudos de Medicina.

O acordo a nivel de Sistema Universitario Galego (SUG) ao que se refire o editorial, en forma de protocolo, foi impulsado pola USC (Universidade de Santiago de Compostela) pero aínda non desenvolto, desafortunadamente. En todo caso, nel nin sequera se insinúa a posibilidade de acordar no ámbito do SUG a convocatoria das prazas de profesorado específicas de cada universidade.

Cualifican como "lexítima aspiración da universidade coruñesa a contar cunha Facultade de Medicina" e, sobre iso, non teño nada que dicir. Todas as aspiracións son, en principio, lexítimas, pero non o son necesariamente os medios para logralas. Non o é, ao meu xuízo, poñer trabas no uso dun recurso público, os hospitais do Sergas, para a formación dos futuros médicos, neste momento unha responsabilidade exclusiva da USC. Dicir que se está a impedir que "os estudantes do complexo hospitalario coruñés sexan formados por docentes da Universidade da Coruña" non ten sentido. Primeiro, non son estudantes do complexo hospitalario, nin do da Coruña nin de ningún outro. Sono da Facultade de Medicina da USC. Segundo, non sei de que docentes da Universidade da Coruña fala, xa que esta Universidade non ten titulación de Medicina, e en caso de que tivese prazas de profesorado creadas para dita formación, habería que preguntarse como é posible que unha universidade que non oferta un título concreto puidese convocar prazas de profesores para impartilo. Sería, cando menos, un uso de recursos públicos absolutamente criticable.

Tamén se di que a USC decidiu iniciar unilateralmente a contratación de docentes para os hospitais da Coruña e Vigo, nun claro desafío ás outras dúas universidades. Se se analiza con algo de detalle a lei e a práctica ordinaria nas convocatorias de profesorado por parte das universidades, poderase ver que non está escrito en ningures que se deba negociar a convocatoria de prazas con outras universidades. De feito nunca se fai.

En canto ás críticas do editorial á endogamia e ao apoio a que os mellores profesionais dos distintos hospitais colaboren na formación dos futuros médicos, estou absolutamente de acordo. Pero o que non entendo é que con isto se pretenda tamén criticar a actitude da USC, cando boa parte do problema parece vir do compromiso da USC por contar cos mellores profesionais dos hospitais do Sergas. Compromiso que está a quedar claro a medida que se están resolvendo as prazas de PACS convocadas nos distintos hospitais galegos.

Para rematar, non quixera deixar de comentar algo, sen dúbida, de menor valor e consideración. Cualifícanme de "altanero" no seu editorial e non é ser altivo defender a autonomía universitaria; e non é ser arrogante asumir como inescusable a mellor formación posible dos estudantes; e, ao meu entender, tampouco é ser soberbio respectar a quen voluntariamente concorre ás prazas que convocamos. Humilde pero firmemente creo defender os intereses da Universidade de Santiago. Creo defender tamén un sistema universitario galego ben ordenado e racional, pois considero que esta é a maneira de facérmonos mellores servidores da sociedade a quen, en definitiva, nos debemos.