ANA RODRÍGUEZ | A CORUÑA
Os seus achegados recoméndanlle que se retire e que volva ao cole. Pero Henrique Tello déixase querer e xoga coas palabras para evitar confirmar se se volve presentar ou non, algo que prevé desvelar "nos próximos días". Pensa que un cargo non debe alongarse máis de dúas lexislaturas -a el aínda lle quedaría unha- e, a pouco máis dun ano das eleccións, aínda mantén un discurso de cor institucional e equilibrista sobre temas como o convenio das Rañas, as alturas do plan xeral ou o funcionamento de Nostián.
-Que se perde ao pasar ao outro lado da barreira?
-Tempo, tempo para un, de lecer, para a familia, para os amigos. Deixas de facer moitas cousas, pensando en que sempre chegará un momento para retomalas e decátaste de que é moi difícil.
-Por iso ten caducidade?
-Si, eu creo que cadaquén debe buscar a data. Estou moi a favor, e na miña organización teño defendido historicamente que os mandatos dun presidente, dun alcalde, deberían ser dous.
-E dun tenente de alcalde?
-E dun tenente de alcalde probablemente tamén.
-Pero así aínda, quedaríalle unha lexislatura. Vai haber unha segunda?
-Ben, esa será unha decisión que teño que tomar nos próximos días porque creo que hai unha cousa moi mala, actuar pensando en clave electoral. Hai decisións que son malas para un mesmo, pero hai que tomar debido a que son boas para o cidadán.
-Pero hai que falar xa en clave electoral se o proceso de elección do candidato do seu partido comezará en outono.
-Probablemente empece antes
-E iso de que decidirá nos próximos días, cantos días?
-Cando no BNG se abra ese escenario, que agora non está aberto, loxicamente será unha decisión que non se poderá aprazar.
-Entón xa ten claro se está máis preto do si ou do non?
-Non, neste momento está empatado. Teño que consultar con?
-Con quen?
-Conmigo mesmo, fundamentalmente. En primeiro lugar pasará por min. Levo dentro da organización 32 anos. É unha decisión que teño que pensar moito en función dos amigos, das persoas que te rodean, do persoal, do familiar, das cousas que me quedan por facer. É unha decisión que a min non me levou moito tempo ata este momento debido a que non a consideraba prioritaria.
-Quen do seu contorno lle di que se retire?
-Todos.
-Todos? E vailles escoitar?
-Neste momento, todos. Lamentablemente, non lles fixen caso ata o de agora.
-E na súa formación, non lle insinúan que vai sendo hora de cambiar de aires?
-Normalmente disto non falamos, dedicámonos a traballar todo o día. Nin nos órganos internos do BNG. Creme cando che digo que non se fala. Nin unha soa vez. Agora evidentemente empezarase a falar. Como en todas as familias haberá xente á que lle parecerá ben e xente á que lle parecerá mal.
-Sabe que estatisticamente o partido minoritario das coalicións sae prexudicado.
-Historicamente ten pasado. Quédanos tempo suficiente para que a nosa importancia e conveniencia se poida visualizar.
-O pacto coruñés fíxose a imaxe e semellanza do pacto de San Caetano, algún medo do fracaso do bipartito autonómico?
-Apréndese moito. Eu teño a opinión que unha das cousas que non se nos perdoou foron os desencontros públicos evidentes. Creo que, do que máis aprendín, é de que non se soubo vender, en primeiro lugar, a solidez do Goberno, e en segundo lugar, as súas acción. Temos que vender accións e solidez.
-Entón as discrepancias, mellor de portas para dentro?
-As discrepancias son menores. Cando son profundas, son evidentes, son de programas. Non pasamos o día discutindo.
-E falando?
-Moito.
-A soas co alcalde?
-Falo moito con moitos membros do Goberno, co alcalde falo moito, moitas veces. En función da urxencia falo por teléfono, comemos, tomamos un café, charlamos, facemos un aparte nun acto?
-Ás veces parece que se sente incomprendido.
-En xeral, non. Non é unha sensación que perciba diariamente. Si que teño feito actuacións que non foron comprendidas e inclusive non foron ben trasladadas. Ás veces por min, ás veces polos medios de comunicación, ás veces por persoas? incluso ás veces hai opinións que non son comunicadas. Ás veces pérdeme tamén a sinceridade e esa opinión é elevada a unha categoría moito máis alta da que eu esperaba.
-Sendo o primeiro tenente de alcalde, sorpréndelle?
-Hai que aprender como se funciona, pero non se pode elevar a anécdota a categoría, sempre, permanentemente. Eu digo unha cousa banal, unha tontería, para min?
-...para vostede...
-Pero o feito de incomprensión máis fondo cando un está traballando moi seriamente e cunha revolución substancial en todo o tema do emprego da cidade, cuns logros que están aí, iso supón unha certa frustración. Como a presentación por primeira vez na historia dun plan de turismo. A frustración vén porque non só non se entende senón que se lle dá a volta.
-Todo é culpa dos medios?
-Non, en absoluto.
-Porque ultimamente como que nos ten na boca bastante, como se fose cousa nosa?
-Eu? Vaia ás hemerotecas. Creo que non. Podo dicir que os medios interpretan correcta ou incorrectamente algo e creo que o podo demostrar. Eu non adoito desmentir. Creo que os medios buscades a noticia e marcades moito a actualidade. Nese sentido, tal vez sexa para min a maior sensación de vulnerabilidade.
-Maltratado?
-Non, esa é a discrepancia amistosa, non me sinto maltratado polos medios de comunicación, en absoluto, nin teño nada especial en contra deles.
-Bota en falta ser guerreiro como era antes?
-Paréceche pouco! Os plenos ás veces teñen moito de teatro, moitísimo de teatro. Pregúntelle ao PP. É onde tes os focos, o minuto de gloria, onde tes a necesidade de abrirte camiño, buscar un titular. Cando se está nun pleno buscamos un titular, fundamentalmente cando estamos na oposición. Pero é que cando estás no Goberno tes que gobernar e o titular en si mesmo é que estás facendo algo. Eu creo que estou sendo moi guerreiro, igual ou moito máis que antes.
-Aínda que non o bote en falta vostede, ninguén lle ten pedido máis caña como antes?
-Alzabamos moito a voz pero diciamos cousas moi sensatas. Eu digo, en nada, absolutamente en nada, hoxe penso de forma contraria. En nada que sexa fundamental ou substancial. Hoxe penso que algunha cousa a tería dito doutra forma, e ao mellor era máis eficaz. Antes as defendíaas coa voz máis elevada porque tiña que facerme oir. Hoxe case o meu silencio é tan noticiable como o meu discurso.
-E ninguén lle ten reprochado que cedese en cousas en pos da gobernabilidade?
-Ceder? é que a gobernabilidade foi froito dun pacto de dúas partes, onde unha representa o trinta e pico por cento e outra o sesenta e pico por cento. Más ou menos, non me acordo con exactitude. Á hora de gobernar as dúas organizacións temos que ceder para poñer en primeiro lugar o que son os intereses da cidade. O Goberno de coalición na Coruña funciona e funciona cun notable alto. Non cedo en nada que sexa fundamental ou substancial.
-Logo, en que tiveron que ceder os nacionalistas?
-Dentro do noso programa, en temas relacionados coa identidade, por exemplo. Para nós o tema da identidade, do idioma, da cultura, forma parte da cultura do BNG, porque consideramos que, ademais de algo legal, é bo e positivo para a cidade da Coruña. Conseguimos avances importantísimos. Temos que ceder en cuestións de financiamento, coas competencias municipais en xeral... Seguro que se lle preguntas ao Partido Socialista tamén dirá que cedeu en moitas cousas.
-En que cedeu o PSOE?
-Cedeu no que nós avanzamos. O PSOE tiña unhas prioridades que neste momento se ven estancadas ou ralentizadas en virtude da propia presencia do BNG. Hai cambios sustanciais moi importantes que é que o pulo que se lle deu nos últimos anos á rehabilitación, a políticas transversais como a igualdade? son políticas que o Partido Socialista anteriormente non tiña impulsado con todo o grao de efectividade, eficacia e eficiencia que están neste momento.
-Nesas cesións nacionalistas está a ordenanza do galego. O alcalde di que xa non se van dar máis pasos, asúmeo ?
-Polas súas declaracións parece que o grao de normalización acadado é suficiente. O grupo do BNG considera que o grao de evolución acadado é moi bo en canto a de onde partimos pero non é suficiente.
-Pero unha ordenanza supostamente importante para o BNG estivo metida nun caixón e quitóuselle o po de forma precipitada para que fose votada en contra polo socio de Goberno. Por que permitiu que acabase así?
-Hai unhas diferenzas de partida que provocan que haxa que ir avanzando lentamente, moito máis do que me gustaría, na composición e na elaboración desa ordenanza. Este era un proxecto que viamos que ía quedar no caixón. Non é precipitado presentalo o mesmo día do pleno. O que non queriamos era crear unha expectativa no PP que non se merece pola súa actitude. Estaba en situación de estancamento.
-Pediu celeridade para o cambio no nomenclátor. Ve disposición do alcalde para facelo?
-É pecata minuta. Creo que é unha acción que hai que facer de forma mecánica. E estou convencido de que se vai levar a efecto. É un tema menor, non en canto á súa importancia. Supón moi pouco.
-Entón ve disposición.
-Eu vexo disposición a que ese nomenclátor se vaia normalizar.
-Por que non se fixo?
-Eu ata pensaba que algunhas xa estaban cambiadas. Debeuse facer con celeridade nos primeiros momentos do Goberno e creo que non foi correctamente xestionado por quen o tiña que xestionar, que non sei quen é.
-Deliberadamente?
-Creo que pode haber problemas políticos, administrativos e pode haber deixadez.
-E se non o fan?
-Se non o fan, insistiremos.
-O plan xeral é o plan que terían vostedes feito?
-É o mellor plan dos últimos 25 anos da Coruña con moitísima diferencia. Non é o plan que eu faría ao cen por cen, pero impide a continuidade de abusos e excesos de antes.
-Votarían en contra do plan se non se modificasen, por exemplo, os planeamentos incorporados como é o caso das Rañas?
-Pensa que o plan está aprobado inicialmente, e houbo un periodo de alegacións e de exposición pública, no que detectamos que houbo moita demagoxia porque estamos detectando que, do número de alegacións, o 90% é a mesma fotocopiada. É triste.
-Cantas son?
-Non o sei. Imos facer un traballo de ver como moita xente presentou alegación sen estar afectada.
-Alegación por alegación, ata as 40.000 que parece que son?
-Unha por unha.
-E sobre votar en contra se o socio de Goberno non os escoita?
-Pois, esas alegacións teñen que resolverse, sempre dacordo coa legalidade. Do resultado diso, hai outro pleno onde se aprobará definitivamente. Eu espero que o plan se mellore e estou convencido de que algunas cousas se van mellorar.
-Falamos das Rañas?
-Concretamente nese convenio o que temos que valorar é se o Concello tería medios para facerse cun parque ou unha zona verde desa extensión, que nos costaría probablemente máis de 50 millóns de euros. Lamentablemente ás veces non temos medios para desenvolver actuacións que nos gustaría. É moi chamativo porque pertence a unhas persoas que son propietarios de moitas cousas aquí na Coruña. Esa operación non se realiza agora, vense xestando dende hai moitos anos. Pero pasou en todos os polígonos. Nin ti nin eu temos cartos para facernos con iso, pero hai xente que os ten. E non é que se lle recalifique para eles, é que se actúa sobre esa zona para incorporar á propiedade pública miles de metros cadrados.
-Vai negociar con Urbanismo para que se retire?
-Os convenios teñen unhas posibilidades sempre de revisarse cos propietarios. Do que se trata é que, probablemente coa aprobación e aplicación do propio plan, se poida facer algún tipo de modulación, respecto de ese convenio. Haberá que falar cos propietarios. O convenio é legal.
-Pero o cambio non é indispensable para vostede?
-Eu creo que o que hai que ver é o proxecto final. Cal é e o que se pode e quere facer.
-É para vostede a urbanización da Agra de San Amaro unha actuación agresiva?
-Agardaba que me fixeses esa pregunta. A Agra de San Amaro é froito do mesmo que antes, de todos os terreos liberados da Torre para o parque. A edificabilidade concentrouse nun espazo. Eu no seu día fun sumamente crítico e sígoo sendo. Iso é legal? Si. Pero considero que hoxe, que a Torre foi declarada patrimonio, non sería conveniente que se realice porque non é o lugar máis idóneo. Podería ter permiso ata da Unesco. Inclusive por estética, hai que negociar ese convenio. Só se podería facer se existen informes favorables. O Concello o que nunca vai facer sería ter un trastorno mental, poñer en perigo o título.
-Que fará o seu grupo? Moitos dos membros criticaron duramente a actuación.
-Estámolo facendo. En canto que remate o período de estudo de alegacións. É un tema que está sobre a mesa para que, nun futuro, cando se remate este proceso, poder negociar tanto cos propietarios como entre nós.
-Antes da aprobación definitiva do plan?
-Evidentemente. O que a min me preocupa, o problema que podemos ter é que o PP non use o plan como arma arroxadiza contra o Goberno municipal da Coruña. Porque Xunta terá que aprobalo.
-E se é un plan tan fantástico, tan meditado? Por qué recuaron no tema das alturas?
-Co tema de ordenacións creouse unha campaña política, con dous frentes: o PP e os xestores. Isto xera unha alarma social. É falso que a un veciño se lle vaia tirar un edificio, que non poida facer unha reforma, é falso que se lle vaia depreciar a propiedade por acción única e exclusiva do plan xeral. Teremos que ver agora, despois das alegacións, como vai quedar definitivamente o plan. O edificio de Juan Flórez está fóra de ordenación, sempre houbo edificios fóra de ordenación. Deixemos estudar as alegacións aos que redactaron o plan xeral e ao arquitecto, para ver como solventan o problema. Non se recúa polo momento, porque non está plasmado.
-Pero recúase no momento en que ningún edificio vai quedar fóra de ordenación pola altura...
-Non, trátase de calidade de vida fronte á especulación urbanística. Cando estea estudado, os técnicos dictarán unhas actuacións que serán as que se fagan para que o plan sexa un plan que lle guste a todo o mundo.
-E iso non é recuar?
-Por parte de membros do Goberno municipal díxose que ningún edificio vai quedar fóra de ordenación. Digo, edificios fóra de ordenación hóuboos sempre e vai habelos. Ao final, para dar resposta a unhas alegacións, darase unha redacción nova, ou máis ou menos acorde. Eu non son técnico para dar unha solución. Sigo pensando que a idea inicial de Busquets, coa que o Goberno estaba de acordo, era unha idea sumamente positiva. E creo que el dará unha solución que satisfaga as súas necesidades.
-Outra das súas teimas cando era oposición era Nostián, que segue sen recepcionar. Cando foi a última vez que falou cun socio de Goberno polo tema?
-Este asunto non avanza no tema da recepción porque é unha actuación que tiña que estar recepcionada porque no anterior mandato houbera problemas coa propia empresa porque houbo que mudar a tecnoloxía. Son unhas obras sumamente complexas, se non hai validez? Hai que dar un período de tempo moi longo dada a complexidade.
-Non se lle esgota a paciencia? Pasaron...
-Dez anos.
-E despois desa década, insisto, non se lle esgota a paciencia?
-O importante é que funcione, que recolla. Creo que se debe acelerar, pero hai uns períodos de tempo, que é o contraste da nova tecnoloxía que se mudou. Ao cambiarse esa tecnoloxía está nun período de contraste. Está funcionando relativamente ben, está pasando, digamos, como un período de garantía. Non funcionou nunca ao cen por cen, pero debe facelo.