GEMMA MALVIDO | A CORUÑA
–Deixa Chámalle Xis, o grupo co que gañou o primeiro certame do concurso A Coruña Son, e comeza un novo proxecto, Sés, da man da produtora Airapro. Como foi o proceso de formación?
–Eu non deixei Chámalle Xis, eu xa tivera unha oferta dunha produtora en xaneiro e non abandonei o grupo por dicirlle que si a esa produtora. Deixeino cando eles decidiron non tocar máis. Presentóusenos a oportunidade de ir un pouco máis en serio e algunha xente do grupo non quixo seguir e foi entón cando eu me decidín, pero nin sequera por aquela primeira produtora, senón por Airapro.
–Para que non coñeza nada de Sés, como é?
–A única palabra que serve para describilo é ecléctico, aínda que predomina o blues e o rock americano hai tamén ritmos latinos e algo máis pachangueros, até un tema que roza a ranchera. A única directriz que eu sigo para compoñer é a dos meus gustos, que son moi amplos. Como me gusta de todo, compoño de todo. Eu escribo como xeito de expresarme e, ao mellor, un día fago un tema vacilón porque teño o día vacilón e outro unha canción protestona porque teño o día protestón. Non teño vontade de facer un estilo determinado. Simplemente son eu; podería dicir outra cousa, pero non teño máis intención que a de me expresar como son.
–É un proxecto máis grande do que o era Chámalle Xis.
–O que che ofrece un formato tan grande e con músicos profesionais é a posibilidade de cultivar calquera xénero. Cando eles [Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán, os actores que dan vida ás cantadeiras de Ardebullo e os fundadores de Airapro] puxeron a confianza en min e me dixeron que estaban dispostos a facer o que eu quixese, pedín esta formación porque me permitía moitísimas cousas, o sonido big band, blues...
–É, cando menos inusual que, nestes tempos nos que os produtores aforran todo o que poden, vostede leve dez músicos.
–Nós xa imos sempre a contracorrente. A produtora fai unha aposta por un proxecto que lle parece que é vendíbel e que está demandado, porque é certo que existe unha demanda social de música feita en galego que nós imos encher. Hai un oquiño no mercado para esta música que nós facemos e a produtora sóuboo ver e confiou na miña capacidade, a ver se podemos satisfacer as expectativas.
–Xa fixo o concerto de presentación en Compostela, pero chegará tamén a música de Sés á súa cidade?
–Espero que si, o que pasa é que non hai datas pechadas.
–Onde podería tocar Sés na Coruña?
–En sitios, cando menos, medianiños porque somos once persoas enriba do escenario e, por su posto, indo a cousas que virán co tempo, se é que veñen, nun teatro, pero Sés está tamén moi pensado para festivais porque é divertido e hai temas para escoitar de festa.
–Nótaselle que, entre eses gustos, está Sabina porque inclúe, coma el, un poema no concerto.
–A min gústame Sabina, pero tamén me gusta moito o que lle gusta a Sabina. Gústanme os sonetos, Quevedo, a poesía do século XVII... O de recitar é moi de Sabina, pero tamén doutros artistas que eu escoito, como Joan Baez ou Violeta Parra. Si que se ve a miña consumición de cantautores.
–Agradécelle ao seu produtor, David Paz, que a tivese comprendido e ensinado, atopouse moitas veces coa incomprensión no mundo da música?
–Cando queres facer a túa música e chegas a un grupo de tanta xente, ás veces é un pouco difícil expresar exactamente o que queres facer ou hai veces nas que te bloqueas; pero é normal porque o proxecto é moi grande e atopas unha pedra no camiño. Agradézolle que, ás veces, cando me poñía nas miñas trece para que un tema sonase dun xeito concreto, me comprendese e me ensinase tanto a todos os niveis: a expresarme, a traballar en conxunto con músicos, porque eu viña de traballar con amigos.
–E cambia moito a cousa.
–Os de Sés son tamén amigos, pero non é o mesmo un grupo de colegas no que, moitos deles non fala en termos musicais a nivel teórico que estar con músicos profesionais.
–É a estrela da produtora, un papel que non adoita levar unha muller que lidera un grupo tan grande nestes tempos.
–No mundo no que vivimos hai machismo e iso trascende a todos os ámbitos, tamén á música. Que se lle arme un proxecto tan grande a unha muller, que se lle poña case un cheque en branco diante para que poida pedir tres coristas, sección de ventos, percusións... é un luxo. Non é o normal. Na música galega hai mulleres que, para min, son referentes: Mercedes Peón e Ugía Pedreira porque considero que son mulleres libres, con dotes de liderado porque ser a vocalista dun conxunto non significa ser a líder.
–Renega de ter gañado o festival A Coruña Son, como fan os antigos concursantes de Operación Triunfo?
–A mín encántame falar del, porque eu non quería ir ao curso; pensaba que o facían para alimentar o ego da estrela, que era Santiago Auserón. Cheguei alí e atopeime cun home cunha valía humana e un nivel cultural, que musicalmente vai moito máis alá do que ensina e, sobre todo, cun home que te ensina a que a fama non fai parvos, que só axuda a descubrilos. Un home que foi unha figura nunha época na que a música era importantísima no contexto social do país. El sobrevalorábanos no canto de infravalorarnos e, unha cousa que me encantou, foi o seu respecto pola lingua.