Di que o Coruña será o dicionario máis completo de todos cantos existen non só en lingua española senón en calquera outra, que será un referente, a non ser que saia outro antes máis completo que o que se está a xestar nos despachos da facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. O profesor José Álvaro Porto Dapena coordina a creación dun dicionario que levará o nome da cidade no que se xestou e ao que pensa adicarlle todo o tempo que lle quede cando sexa xa xubilado.

-Que é o dicionario Coruña?

-O dicionario Coruña é un dicionario da lingua española actual. Púxenlle Coruña porque se está facendo na Universidade da Coruña e tamén para lle dar un pouco de proxeción á nosa Universidade, que non vaian pensar por aí adiante que en Galicia só miramos para o noso embigo e que só estudamos e falamos o galego. É un dicionario monolingüe sobre o español actual que vai dende 1975 até os nosos días. Está baseado en textos reais collidos da literatura e do xornalismo.

-Pero non é un dicionario para consultar definicións?

-Claro que si, pero ten exemplos e baséase en textos porque está feito a partir deles. Non é un dicionario feito polo método copio copias copiare, collendo de aquí e de alá como se fan agora os dicionarios comerciais os que, desgraciadamente, utilizamos case sempre. Cada cousa no Coruña vén avalada por un texto. O dicionario é para consulta, tratamos de utilizar unha linguaxe sinxela, que poida entender todo o mundo e trata de ser o máis completo posible. Non só se presentan as acepcións, senón tamén variantes de acepcións, sentidos máis finos e de detalle das palabras e é un dicionario reversible.

-Reversible?

-Si, como as prendas, porque tanto vale para descifrar textos, que é para o que valen normalmente os dicionarios, e tamén ao contrario, como obra ideolóxica, porque, se tes unha idea, podes plasmala cunha palabra. Hai unha parte que é a de dicionario normal, alfabético, pero as súas palabras non están desconectadas unhas das outras, senón que están conectadas polo que se chama a parte paradigmática, onde aparece esa palabra con todos os seus antónimos e sinónimos.

-Non lle quixo poñer nin A nin La, simplemente Coruña.

-Estou convencido de que, en realidade, o topónimo non é nin A nin La, senón Coruña, e digo máis, deberíase dicir Cruña e non Coruña. Penso que o artigo de La Coruña é unha paparruchada inventada modernamente aínda que o artigo aparece xa no século XV nun texto latino, nun apelido que é Lacoruña, pero en castelán; polo tanto, o artigo en galego é unha tradución do castelán, non ao revés, como pensan moitos. En galego nunca se dixo A Coruña até que se dixo La Coruña en castelán. Para non crear problemas penso que Coruña debera ser Coruña sen A nin La.

-Entón o dicionario é revolucionario até no nome.

-Ten unha novidade, que é que se estuda o léxico estructuralmente; non como se facía até o de agora, que se estudaba palabra por palabra e o dicionario facíase por orde alfabética, comezaba polo A e remataba no Z. Nós traballamos por campos semánticos; entón collemos, por exemplo, os verbos que teñen que ver coa alimentación: comer, beber, emborracharse... e estudámolos, independentemente de que despois aparezan por orde alfabética para evitar os círculos viciosos que hai nos dicionarios, porque, ás veces fanse definicións que non levan a nada.

-Por exemplo?

-Alabar: eloxiar. Eloxiar: alabar. Unha das vantaxes de traballar deste xeito é a de evitar os círculos viciosos e a de dar o mesmo trato aos sinónimos. Son cousas técnicas.

-Para cando estará acabado?

-Xa quixera eu poder dar unha data, pero é moi difícil. Non é un dicionario comercial. Queremos facelo porque será utilísimo indubidablemente e o Coruña será o mellor, se non sae outro antes, da lingua española e, probablemente, tamén doutras linguas; porque non hai outro que estude as palabras tal e como nós o facemos. Cada entrada ten os seus contextos. Non damos directamente a definición, senón que primeiro falamos do contexto no que se emprega cada unha das verbas.

-Cantas persoas traballan nesta obra?

-Moitos non somos; os que estamos traballando oficialmente somos seis.

-E cantas páxinas e palabras terá cando o rematen?

-Calculo que uns oito ou dez tomos. Os dicionarios da Academia ou o María Moliner, por exemplo, non teñen exemplos e por iso son máis pequenos do que o será o que facemos nós.

-Queda moito por escribir aínda?

-Moito, moito. Agora estamos a traballar só cos verbos, que é a parte máis difícil, e podemos levar 1.500 ou 2.000 verbos estudados.

-Cando naceu este proxecto?

-Foise cocendo aos poucos. En serio levamos uns catro ou cinco anos, pero non traballamos continuamente porque somos todos profesores e temos que dar clase, facer moitos papeis, máis do que parece, e facemos un pouco de bombeiros, imos queimando lumes alí onde se presentan, e iso quítanos moito tempo para este traballo. Espero que, cando me xubile, que será pronto, poida dedicarme exclusivamente ao dicionario.

-Na Coruña fálase un idioma diferente, que non é castelán nin galego e que incorpora palabras inventadas, aparecerán no dicionario que están a confecionar?

-Estudamos o español estándar, e, aínda que é variable, é a maneira de falar das persoas cultas. Se aquí atopamos a alguén que diga, por exemplo, silvera, introducirémola no dicionario aínda cando é unha acomodación de silveira, que é galego. Tamén estamos metendo outros termos do español de América. Todo o que pertenza á linguaxe culta, metémolo dentro.

-E palabras inventadas ou expresións como 'a todo filispín' terán entrada no Coruña ?

-Esa xa a sabe todo o mundo, pero por exemplo podemos poñer bocho, que, en Ferrol, significa gordo porque cando fixeron a primeira traída de augas de Ferrol a empresa encargada de instalala era de Bilbao e un dos empregados era moi gordo e os compañeiros chamábanlle gocho e, de aí, saíu o de lle chamar bochos aos gordos. O que pasa é que non sempre se sabe a historia das cousas e, menos aínda das palabras, que son moi puñeteras.