Sabe que nunca chegará a descifrar todo o pasado, pero o historiador Dionisio Pereira vén de participar nun proxecto co seu grupo de investigación, Nomes e voces, para lle poñer cara a 600 dos represaliados na Coruña e na súa área metropolitana dende a guerra até a Transición.

-Hai apelidos que se repiten continuamente na lista.

-Son familias que quedaron completamente desfeitas, que foron esparexidas polo mundo adiante. Hai dez anos que recibín unha carta dos familiares dos tres irmáns Pinilla Calvete, viña de Ceuta ou de Melilla. Están repartidos por diferentes continentes froito da destrución familiar.

-600 nomes e 600 historias tráxicas.

-Por mágoa non coñecemos a historia de todo o mundo; hai vidas anónimas e outras moito máis coñecidas. O que queremos é fixar as vítimas na memoria colectiva dos coruñeses e iso implica que, nas memorias individuais ou familiares, se lles teña en conta porque, moitas veces, nas propias familias se eliminou a súa lembranza ou as mencións en alto. Coñezo casos de familias nas que non se nomea a determinadas persoas por medo ou por evolución ideolóxica. Todos teñen a súa historia e todos merecen o respecto e a dignidade. Todas elas son tráxicas, pero hai algunhas, como a de Juana Capdevielle, que medrou con nós, contada polo baixo, tremendamente tráxica. Era a muller do gobernador civil Pérez Carballo e, unha vez que fusilan o seu home, pasa un tempiño agochada en casas de familias solidarias, algunhas delas moi coñecidas, coma a dos López Abente, pero que foi apresada, aldraxada e asasinada despois de ser torturada e violada. Outra cun compoñente heroico é a de Manuel Montes que, logo de estar dous anos na clandestinidade na súa casa da Falperra foi localizado e asasinado xunto co seu fillo Carlos. Eles puideron saír nas fugas de barcos que organizaban e decidiron non facelo, arriscáronse para seguiren a salvar vidas e, aínda hoxe, non sabemos onde están os seus corpos. Son 600 traxedias individuais e colectivas.

-De cantas destas 600 persoas se sabe onde están os seus corpos?

-Hai persoas moi localizadas porque pertencían a familias cunha certa capacidade económica e, se os familiares coñecían onde estaban os seus restos, poñían lápidas, como a que ten o alcalde Julio Suárez Ferrín no cemiterio católico. Os de familias humildes posiblemente fosen pasando ás foxas comúns dos cemiterios. Hai outros que sempre estiveron separados, como o guerrilleiro Gómez Gayoso, aínda que non foi até hai pouco que lle colocaron unha placa. Hai outros dos que non se sabe nada e poden estar, ben nas foxas comúns que se fixeron a propósito nos cemiterios, ou ben nas que están fóra, como as de Aranga, nas que pode haber até 80 persoas, case todas descoñecidas. Bastantes dos nomes que demos na listaxe poden estar soterrados nas cinco foxas de Aranga.

-Hai medo aínda a falar?

-Entre nós e con todo o respecto, sempre dicimos que mataban moi ben, que sabían ben a quen executaban, como asustaban esas mortes e os lugares nos que o facían sempre eran moi visibles para ter a maior repercusión posible. Na Coruña todo o mundo se coñecía naquel tempo, aínda que o trato non era tan familiar coma nas zonas rurais. No interior, ese efecto amplificouse e foise transmitindo de pais a fillos porque mataban a persoas coñecidas e apreciadas, referentes cidadás e facíano cunha gran crueldade. No rural, tal e como foi a Transición, nin sequera se deslexitimou o poder municipal franquista e predominou a dereita sen discusión. Moita xente cando gañou o bipartito decidiu falar por primeira vez. Agora volvemos ao de antes.

-A que teñen medo?

-A que se volvan repetir eses feitos.

-Que puntos negros había na Coruña?

-Os meus primeiros 30 anos vivinos aquí e podo dicir o que nos contaban, a onde non iamos ou cara a onde nos movía o morbo: contábasenos que no cuartel da Garda Civil, que estaba ao comezo de Juan Flórez, pasaban cousas horribles, tamén na canteira da Torre de Hércules, onde apareceron moitos paseados; no Campo da Rata, na cadea e en punta Herminia... E fóra da Coruña a Costa do Sal e o Monte Salgueiro; moitos dos corpos que apareceron por alí son os que están nas foxas de Aranga. Ao pasar por alí sempre había silencios significativos e contábanse historias de persoas moi coñecidas que aínda viven.

-É unha lista de mínimos, cantas persoas máis pensan que poden engadir?

-Moitas máis non pode haber, aínda que é imprevisible. A nivel documental é difícil que apareza algo, quizais algunha das persoas dubidosas, poida ser incluída de maneira veraz se as familias nos dan a información que nos falta porque preferimos non poñelos a ter que sacalos despois. Onde si que poden aparecer é nos rexistros doutras cidades; naturais destes dez concellos que teñan falecido en León, por exemplo. Dicimos que son de mínimos porque nunca chegaremos a saber con exactitude o que pasou. Hai mortos dos que non se deixou rastro e temos que vivir con esa realidade.

-Son 600 mortes violentas, que porcentaxe de paseados hai?

-Esta é a terceira zona de Galicia na que houbo máis represión, despois de Ferrol e Vigo e, na base de datos xeral, sáenos que o 65% das mortes eran extraxudiciais, o que quere dicir que a xente aquí matouse á brava, nin sequera tiveron acceso a un consello de guerra.