-É a excesiva densidade de poboación o maior problema da Agra do Orzán?

-O problema non é que sexa o barrio con maior densidade de Europa, senón que tamén é o peor aproveitado. Aquí sería factible unha rehabilitación produtiva que beneficiase ás persoas, ás empresas e ao Concello, xa que sería posible construír novas vivendas e solucionar o problema do aparcamento.

-No estudo A cidade dos barrios fálase da preocupación veciñal polo proxecto do parque da Agra.

-Efectivamente, porque para nós é infumable ao proxectar moitas vivendas nun lugar que é zona verde. Estase aplicando a política urbanística dos anos sesenta e ademais prodúcese unha ilegalidade ao apoderarse de 8.000 metros cadrados que son propiedade do Ministerio de Medio Ambiente.

-Cre que hai posibilidade de abrir novos espazos públicos no barrio malia súa densidade de edificios?

-Claro que hai posibilidade e o parque da Agra é un dos espazos nos que poderían facerse, como os patios interiores dos edificios, nalgúns dos cales hai árbores e incluso patacas.

-O estudo menciona o problema das comunicacións do barrio. Coincide nesa apreciación?

-Todas as comunicacións que ten o barrio son de paso, dunha zona cara a outra, xa que non hai ningunha específica dende a Agra ata o centro, como o bus 7, que vén do Ventorrillo e vai a Monte Alto. Por iso, para mellorar o problema do aparcamento e apoiar ao comercio, estamos reclamando ao Concello unha liña que conecte As Conchiñas co centro e que pase polo lugar por onde van facer o corredor verde. Eso evitaría a falta de aparcamento e a polémica sobre a construción dun parking subterráneo na zona. Esa liña, á que nós chamamos o bus verde, faría posible que a xente chegara a mercar nas tendas da rúa Barcelona o ao mercado das Conchiñas sen ter que vir co coche. Para conseguilo, esa liña tería que conectar o barrio co centro de distribución do resto dos buses que é a praza de Pontevedra.