A Xunta aprobou a semana pasada o plano de transporte metropolitano da Coruña, que na práctica non varía o tipo de servizo ofrecido e só mellora as tarifas que pagan os usuarios. Noutras verbas, a Xunta de Galicia vén de adiar indefinidamente a creación dun servizo de transporte metropolitano que, sen transbordos innecesarios, facilite aos residentes nas cercanías da Coruña acceder directamente ao centro da cidade. É dicir, renuncia a integrar os servizos de transporte de cercanías e transporte urbano.

As empresas implicadas, tres de cercanías máis o concesionario urbano, son conscientes da dificultade de incrementar o número de viaxeiros mentres non ofrezan un mellor servizo. A progresión continua do parque móbil privado conxestiona a cotío, e colapsa con frecuencia, as estradas de acceso, tanto dentro como fóra do termo municipal e así seguirá acontecendo mentres o transporte público actual sexa tan pouco áxil por mor dos transbordos. Un servizo integrado incrementaría o número de usuarios das cercanías pero tamén do transporte urbano, sempre que as cercanías fixeran unha rota circular na cidade, precisamente nos puntos que atraen máis persoas e que teñen dificultades de aparcamento: Hospitais Materno, CHUAC, Abente y Lago, centros comerciais de Alfonso Molina, Catro Camiños e A Grela, e o centro urbano onde están o comercio e os servizos financeiros, administrativos e empresariais. Unha única rota desas características non complicaría o tráfico e, con frecuencias axeitadas, invitaría a renunciar ao transporte privado. O acordo económico entre os catro transportistas non semella imposible.

Que impide implantar o único obxetivo realmente metropolitano? A indiferencia da Xunta ante as necesidades urbanas de mobilidade. A súa prioridade, é un clásico menor, a renovación das marquesiñas, ou en todo caso, pequenas subvencións no billete. Mediocres iniciativas que definen o goberno gris de Galicia.