A cuarta edición do Festival A Coruña Visible, que pretende reivindicar a visibilidade e a defensa da igualdade real do colectivo homosexual coa arte, comezou onte, coa representación da obra Testosterona no teatro Rosalía de Castro, a cargo da Compañía Chévere. Esta montaxe escénica, que viviu onte a súa última función, foi escrita e creada polas súas intérpretes, Natalia Outeiro e Patricia de Lorenzo, que decidiron tratar dunha maneira orixinal un tema tan complexo como os roles impostos pola sociedade aos xéneros e a propia validez da división entre homes e mulleres.

"Testosterona trata o xénero como unha construcción social —explica De Lorenzo—. Plantexamos un xogo co espectador con exercicios prácticos. Cuestionamos se todo é como nos contaron, e se as cousas que din que son así por natureza o son porque a natureza non é como a contan. Non hai masculino e feminino. É máis complexo".

A actriz e dramaturga define Testosterona como unha obra didáctica, porque o seu fin e mover ao público á reflexión, suprimindo as barreiras entre espectador e actores: "Plantexamos esta obra como un diálogo co público. Gústanos romper a superioridade do teatro co espectador". De Lorenzo ten claro que o Festival A Coruña Visible era o marco ideal para presentar na cidade unha proposta tan novedosa e arriscada, no artístico e no temático, como Testosterona: "Coñecíamos moi ben o Visible, e cando rematamos a peza puxémonos en contacto cos organizadores. A xente sae da sala falando da obra, potencia o diálogo e o cuestionamento, e iso fixo que houbera unha conexión fantástica coa xente". O festival continuará esta tarde ás 19.30 no centro cívico de Labañou coa proxección do filme 80 egunean.