As notas do himno do Antigo Reino de Galicia abriron paso onte aos membros do comité de barrio de Monte Alto polos corredores do cemiterio de San Amaro ata a tomba na que descansan os restos do crego e político Ramón Valcarce Vega. "O compromiso de Moncho é referente da nosa actuación", apuntou o candidato do BNG á Alcaldía e veciño do barrio do faro romano, Xosé Manuel Carril.

O cabeza de lista, que ensalzou o labor do cura das Encrobas describíndoo coma un home "exemplar na súa dedicación patriótica, política e humana", tamén tivo verbas para Castelao no 125 aniversario do seu nacemento: "outro fillo senlleiro dunha patria privada de liberdade, Galicia, que soubo descubrir que non ficaba máis alternativa que loitar pola súa liberación para non acabar convertido nun renegado e nun colonizado", lembrou Carril.

A intervención do candidato ás municipais de maio foi presentada polo responsable do grupo de barrio de Monte Alto e membro das listas da formación asamblearia, Andrés Laxe. "Estamos seguros de que Xosé Manuel terá en conta os versos do poeta e a acción de Moncho Valcarce para cantarlle á Coruña e a Galicia o dereito á libre nova vida", apostillou.

Convencido de que o crego "soubo loitar polos pobres e por Galicia considerando ambas cuestións inseparables da súa condición presbiteral", Carril referiuse á actualidade e falou de globalización, recentralización e involución social e económica, e denunciou "as agresións ós dereitos do pobo". Neste senso, o membro da UPG sinalou que a posición do PSOE e do PP "serve para que o capital financeiro transnacionalizado afonde na globalización", e denunciou que esto "supón menos democracia, menos dereitos sociais e maiores desigualdades económicas e políticas".

Antes de comezar de novo co himno o cabeza de lista do Bloque insistiu na forma de ser de Moncho Valcarce, que morreu fará 18 anos o vindeiro martes, e lembrou que, como xa dicía o das Escrobas, "o compromiso liberador consiste en identificarse radical e combativamente cos que sofren o peso da opresión, para colaborar na conquista dunha nova Galicia e dun novo mundo".