REDACCIÓN A CORUÑA
O grupo catalán de fusión Ojos de Brujo será a cabeza de cartel do Festival Mulleres Arte+Parte, un evento cultural multidisciplinar organizado pola Concellaría de Igualdade, que reivindica o papel protagonista das mulleres nas artes. O festival consistirá nunha mestura de artes plásticas, artes escénicas e música.
Mulleres Arte+Parte celebrarase no mes de marzo, e será unha das últimas oportunidades de ver a Ojos de Brujo en directo, porque o conxunto, integrado por Ramón Giménez, Juanlu, Marina La Canillas, Xavi Turull, Panko, Sergio Ramos e Maxwell Wright, está embarcado na súa xira de despedida dos escenarios, logo dunha andaina artística que comezou en Barcelona no 1996, aínda que o seu primeiro disco, Vengue, editouse en 1999.
Ojos de Brujo destacou no eido da música de mestizaxe barcelonesa, da que forman parte exitosos grupos como Muchachito Bombo Infierno e Macaco, a través da súa fusión de reggae, rap, rock, música electrónica e rumba. O seu disco de despedida, Corriente Vital-10 años saíu á venda no 2010, e segundo os propios integrantes da banda, é unha celebración da andaina musical e vital de Ojos de Brujo.