GEMMA MALVIDO | A CORUÑA
"Agradezo esta homenaxe, aínda que sexa equivocada, porque eu non son un republicano de honra, son o último que queda vivo", dixo onte Isaac Díaz Pardo, no acto no que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica o distinguiu como republicano de honra.
Dixo del o escritor Manuel Rivas que Díaz Pardo foi quen de facer falar as pedras, o material máis landeiro de Galicia, de obrigalas a dicir "si quero" e non para se entregar nun casamento, senón para acadar o Estatuto de Autonomía, ese que tan pouco durou, que se estinguiu coma o soño libertario cando estourou a Guerra Civil.
Díaz Pardo, aos seus 90 anos, rebusca nos petos, agradece e xuntando as dúas mans e abaneándoas no aire, coma quen dá as grazas polo aire que respira e, se a auga non lle vai polo rego, pois di que non lle funciona o aparello que ten no oído, que lle pita e que só oe as cousas boas. Non quere os méritos, aínda que se emociona cos aplausos e fixa a ollada e busca entre os seus papeis e fala despaciño e acariña coa man a cara da súa muller, que se emociona cando ve o público en pé recoñecendo o labor do que é o seu home, pero de quen revolucionou a maneira de entender a arte en Galicia. "É que levamos máis de sesenta anos casados", di Díaz Pardo, ao que o estudoso do teatro Francisco Pillado define coma o "conservador libertario", porque xa na súa mocidade, reclamaba o dereito de conservar, "a lingua", "os bosques", a "memoria", todo aquilo que o facía ser galego, mais iso si, sempre co libertario por diante, coa loita de que os soños pódense facer realidade.
Porque Díaz Pardo, cando era novo, xa lle chamaba a Castelao, a a Ánxel Casal e a todos os amigos do seu pai, Camilo Díaz Baliño, "retrógrados" por seren galeguistas, aínda cando iso lle custase malas caras e que o pai lle rifase.
Di que naceu nunha casa na que se ensinaba a comerciar ás mulleres co sexo, que deixou de pintar, cando era un dos máis valorados cando lle pareceu que non era xusto que Seoane e Picasso fosen ignorados na súa terra e rise coas historias que contan os outros sobre aqueles tempos nos que os grises viñan petar nas portas porque, na maioría delas, estivo presente, acórdase coma se fose onte. "Non quixera aumentar nada", descúlpase por se a imaxinación lle xoga unha mala pasada e deixa atrás os capítulos nos que se viu desposuído do patrimonio que axudara con Seoane a forxar, o Laboratorio de Formas, Sargadelos, O Castro... E mira para abaixo cando un seu traballador, Ramón Fandiño, lle recorda que o seu legado, o que decidiu donar a Galicia, está amoreado en caixas agardando a ir para a Cidade da Cultura.