A noticia foi inesperada para os alumnos, profesores e o persoal non docente do instituto Monte das Moas, xa que ninguén sabía que o seu director, Manuel Mosquera Maceiras, puidera ter problemas de saúde. Por iso, cando o pasado día 19 faleceu, o acontecemento causou unha auténtica conmoción no centro. A morte de Cholo, como era coñecido polos seus compañeiros, foi ademais unha despedida anticipada, xa que o docente ía xubilarse ao remate deste curso, no que cumprira os 61 anos.

A dor causada pola desaparición do director fixo xurdir entre os alumnos e os profesores a necesidade de organizar un acto na súa homenaxe que tamén servira como despedida de quen foron os seus discípulos e compañeiros. O acontecemento celebrouse o pasado venres no propio instituto e consistiu na lectura de textos en lembranza de Cholo escritos polos rapaces e os profesores, así como pola interpretación de pequenas pezas musicais.

Escritos sentidos

Cunha imaxe do director proxectada sobre o fondo do escenario, os intervintes na homenaxe foron lendo os seus escritos, algúns deles especialmente sentidos: "Toda esta casa ten vida do latexar tan querido, dun corazón como un mundo, dun director que está vivo. Por ti choran as paredes, ulen a ti os pasillos, están orfos os horarios, andamos todos perdidos". Con estas palabras falaba do seu amigo e compañeiro un profesor hoxe noutras tarefas, o subdelegado do Goberno, Xosé Manuel Pose Mesura, que é catedrático de Latín neste centro.

Outra das docentes, Ramona, falou da inminente xubilación que agardaba Cholo con impaciencia para disfrutar da pesca, polo que rematou a súa lectura lembrando que unha barca espera en Sada polo director e que o recordo da súa persoa permanece no instituto.

"Ensinándonos ata o derradeiro suspiro, a última lección que nos destes quedará sempre presente: canto pode cambiar a vida da noite á mañá e como a alma pode acoller tanta tristura". Así quixeron expresar algúns dos alumnos o seu pesar pola marcha dun profesor do que dixeron que sempre permanecerá entre os seus "recordos máis prezados do instituto".