No ano 1991, a Xunta de Galicia, (consellerías de Educación e Ordenación do Territorio incluídas) e o Concello da Coruña aprobaron o Plan Parcial do Campus Universitario da Universidade da Coruña. Fai 20 anos que nese Plan Parcial se prevén 55.000 metros cadrados de terreos e 35.000 metros cadrados de superficie edificable residencial para construír aloxamento de estudiantes, profesores e persoal de administración e servizos (PAS).

A día de hoxe, pasados vinte anos, non se ten construído nin un só metro cadrado de aloxamento no interior do campus coruñés.

No 2004, hai 7 anos, a Universidade da Coruña (UDC) publica na páxina web dous textos nos que plantexa o reto de desenvolver unha política de aloxamento universitaria propia: Política de Vivenda e Universidade e Política de Solo e Universidade.

A integración no Espazo Europeo de Educación Superior nunhas deficientes condicións infraestructurais afecta seriamente á institucion, minguando a súa potencialidade debido a ausencia de prazas de aloxamento para o intercambio de alumnos, profesores invitados e PAS.

Grandes e pequenas universidades europeas dispoñen de miles de prazas para estudantes, que actúan de incentivo, de elemento de atractividade para a súa selección como universidade de preferencia.

Os estudantes e profesores coruñeses e galegos incorporados aos programas de intercambio Erasmus e Sócrates gozan en Europa duns servizos de aloxamento especificamente universitario dos que a UDC carece.

Desde 1990 a falta de iniciativas públicas, expulsou cada ano a preto de 8.000 alumnos da UDC ao aluguer no mercado libre de vivenda na cidade máis cara de Galicia.

A forte demanda por parte de miles de universitariarios presiona á alza sobre os prezos de determinados barrios próximos á Universidade (Elviña, Castro, Juan Flórez...) que se elevan de forma desorbitada, prexudicando gravemente ao conxunto da cidadanía.

Os alumnos con domicilio familiar afastado da área urbana coruñesa que elixen a UDC para cursar os seus estudos universitarios son penalizados dentro do Sistema Universitario Galego e Español: unha parte significativa dos recursos económicos destinados á súa formación deberán dedicalos ao pago do aluguer de vivendas... ou de infravivendas.

As investigacións urbanísticas desenvolvidas pola Vicerreitoría de Infraestruturas e Xestión Ambiental (VIXA) e profesores da Escola Superior de Arquitectura localizaron no contorno do campus unha vergoñosa realidade: máis de 200 cubículos de apenas 12 metros cadrados estaban a ser destinados ao aloxamento de miles de alumnos desde a creación da Universidade. Chabolismo light sen as mínimas condicións de habitabilidade esixibles a espazos universitarios destinados a aloxamento estable e permanente durante todo o curso académico de mozos en formación dun autoproclamado "ensino superior".

Prezos abusivos de máis de 150 euros ao mes por cubículo (12 euros por metro cadrado, por tanto, dos máis caros de Galicia) son o resultado da inhibición entre 1990 e 2004 dos gobernos autonómicos conservadores (consellerías de Educación e Ordenacion do Territorio e de Vivenda) e doutras institucións públicas (Concello e a propia UDC).

Creouse así un escenario de vulnerabilidade social no que operadores inmobiliarios privados sen escrúpulos atoparon no alumnado universitario coruñés unha fácil presa para explotar a inevitable necesidade de aloxamento nas proximidades do campus. Un campus no que en 1990 se prevían no Plan Parcial 35.000 metros cadrados de edificabilidade residencial, entorno a 1.000 prazas, para aloxamento universitario.

En 2004, a VIXA propón desenvolver unha Área Residencial Universitaria no Campus Central. No 2005, cun novo goberno autonómico, a UDC ten o apoio incondicional da nova conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, Teresa Táboas, que formaliza un convenio sen precedentes en España: Instituto Galego de Vivenda e Solo e UDC convocan un concurso de proxectos para vivendas en aluguer para estudantes, con prezos de vivendas de protección autonómica e con especial fincapé nas novas formas do hábitat residencial universitario. As expectativas do concurso superaron amplamente o interese local e galego. Máis de corenta equipos de diversos países europeos participaron no concurso, que se resolveu a favor do proxecto Fenda, do grupo catalán AQ4-Arquitectura.

Un proxecto político. De polis: de creación de cidade e xenerador de espazos da cidadanía. Fragmento que ten a súa centralidade nos espazos públicos de integración e cohesión social, nos espazos cidadáns. Reivindica o protagonismo da UDC como institución e a dimensión pública no proceso de deseño, de produción, de control e xestión como eixo vertebrador da formación universitaria.

Un proxecto social. Que asume a complexidade funcional como principio organizador dos espazos co obxectivo de propiciar unha interrelación positiva coa sociedade na que se insire, incorporando infraestruturas, dotacións e servizos colectivos dos que o contorno e o vecindario é manifestamente deficitario.

Un proxecto universitario de investigación. Quen senón ten a obriga de investigar? Onde senón se debe investigar? A Universidade e o campus universitario son a institución e o "lugar por excelencia" da investigacion, tamén nas súas prácticas proxectuales, na arquitectura e no urbanismo, no social e no cultural.

Un proxecto urbanístico: que rompe coa idea de Residencia-Bloque, autista, pechado, autónomo, a partir dunha proposta innovadora a escala do "proxecto urbano" que tomando os núcleos tradicionais como referente adopta, actualizándoos, os elementos (rúas, prazas, escala, tipo base...), as relacións internas dos asentamentos, as relacións co medio natural (orientación, adaptación á topografía en ladeira e ao río do Castro) e co medio cultural (Ben de Interese Cultural Castro de Elviña, núcleos de San Vicente e Castro) como leiv motiv para a súa implantación e ordenación.

Un proxecto arquitectónico: a reflexión sobre a cuestión do "hábitat universitario" se ve enriquecida pola incorporación de novos tipos arquitectónicos baseados sempre na convivencia e a responsabilidade baseada na relación individuo-grupo (2, 3, 4 prazas), coa predominancia dos aspectos colectivos, "do común", convertido no espazo protagonista do interior da "unidade habitacional" en torno ao que xira e se constrúe a educacion universitaria.

Un proxecto de innovación tecnolóxica e construtiva: que a partir da madeira, o material no que se ten formalizado unha parte fundamental da identidade arquitectónica e urbanística coruñesa, aposta pola investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías, desenvolvendo un sistema construtivo cos recursos forestais de Galicia, que cumpren por primeira vez todos os requerimentos estruturais de comportamento ao lume e de condicións de habitabilidade dun edificio de aloxamento colectivo.

Un proxecto sustentable: que dende o deseño global aposta polo uso de sistemas pasivos de control climático. Unha aposta sería e rigorosa pola sustentabilidade.

Un proxecto flexible para tempos de crise: no que a concepción do conxunto permite alternativas na xestión pública do proceso de construción tanto para ser abarcado na súa totalidade como desenvolvido por fases, de modo que poida enfrentarse a situacións economicamente desfavorables como a actual.

En definitiva, proxecto cultural, no que se dan cita lugar, construción, arquitectura, urbanismo social, o formal, a escala, as relacións co medio social, co medio natural, co medio construído, o espazo universitario como espazo cultural, didáctico e integrador.

O Proxecto de Área Residencial Universitaria de Elviña é un proxecto de excelencia de excelencia para un campus, para unha universidade e para unha cidade que aspiran á excelencia.

Moito máis que un bloque-residencia.