|
|
|
HEMEROTECA » |
|
SARA VÁZQUEZ | A CORUÑA
Ocupación: Profesor titular de Dereito Constitucional e investigador
Postura: Xulga prioritario mellorar as relacións da institución co tecido social e económico e dar pulo á investigación. Non rexeita a participación privada na residencia sempre que os prezos sexan asequibles e aboga por aproveitar recursos como o Hospital
A Universidade da Coruña (UDC) ten novo equipo de goberno, que colle o relevo en plena crise e con asignaturas pendentes do anterior reitor. O profesor de Dereito Constitucional Santiago Roura; a responsable de campus dos Comités Abertos de Facultade (CAF), Ana Barxa; e o presidente do comité de empresa do Personal Laboral e de Servizos (PAS), Xosé Portela, debaten cáles deben ser os obxectivos da institución nesta lexislatura.
S. Roura: En primeiro lugar hai que deseñar unha estratexia para mellorar os indicadores que non son mellores na análise da situación actual da Universidade. Hai traballo que facer coa mellora das relacións coa sociedade. A Universidade ten que imbricarse mellor co tecido social e co tecido económico. Para eso debe potenciarse o Consello Social. O investimento na investigación, desenvolvemento e innovación nas universidades debe respectarse. Haberá que introducir aos operadores privados no mundo da investigación, sen que iso supoña dimunuir os fondos que se invisten na investigación das institucións públicas. Hai que incidir nesa liña en colaboración co resto das Universidades do Sistema Universitario de Galicia e instruir aos traballadores no traballo en rede desde o goberno das universidades, que os PAS teñan coñecemento para axudar aos investigadores a introducirse nesas redes.
A. Barxa: Estamos nuns momentos complexos, como manifestaba o reitor o outro día, nos que é acaído un lema que empregamos sempre nos Comités: "A Universidade ten que ser pública, galega, democrática e de calidade". O financiamento público ten que ser suficiente para garantir unha docencia de calidade e que non recaía nos estudantes a través das taxas da matrícula ou calquera outro tipo de taxas. E que se potencie a investigación como motor de desenvolvemento de Galicia. E se o financiamento ten que vir dalgún xeito do ámbito privado, que isto non recaia nos órganos de goberno. Cremos que a institución debe ser totalmente pública e gobernada polos estudantes, os profesores e o PAS.
X. Portela: As directrices neoliberais van polo camiño de recortar orzamentos. As medidas que se intentan implantar dende a Xunta na Universidade van por ese camiño: reducción de orzamentos por un lado, e por outro, privatización. Vese claramente na limitación orzamentaria que se está producindo e na intención de privatizar tanto a construcción como a xestión do que tería que ser a residencia universitaria. Xa Boloña determinaba a introducción da cuña da privatización. O equipo reitoral ten que capitanear a resposta neste tipo de circunstancias e plantar cara. Tamén ten que mellorar a imaxe institucional; a Universidade non pode pasar por asuntos como o das licencias. Hai que mellorar ratios como a investigación que serán importantes para a mellora orzamentaria. Quédalle moito por andar a esta Unviersidade incluso para igualarse ás outras dúas de Galicia. E a docencia e investigación teñen que ter un soporte, que lles dá o Personal de Administración e Servizos (PAS), e non conta cunha Relación de Postos Laborais (RTP) dende 2005.
S. Roura: A clave estará en que o novo equipo reitoral non se encerre no grupo que a apoia. A UDC demostrou na últimas eleccións a reitor que hai moitas personas dispostas a comprometerse no fututuro da Universidade. O financiamento público ten que garantir a continuidade da institución, aínda que eu son partidario de que se introduza na Universidade e en todas as institucións públicas un sistema de financiamento por obxectivos. En canto ás formas de financiamento, aínda hai espacio para que, froito da relación co tecido produtivo, a Universidade achegue recursos adicionais. Tamén hai que facer unha racionalización da oferta de titulacións pero non pode ser a conclusión dunha análise inmediata nin só guiada polo aforro. En oferta de estudos e infraestructuras, a Unversidade insírese no Sistema Universitario de Galicia, hai que colaborar. Existe espazo, non para duplicar titulacións, senón para aproveitar cousas que xa existen na contorna inmediata da Universidade da Coruña, como o Hospital. Hai que facer alianzas estratéxicas con todo o mundo, en primeiro lugar, co Concello, para que a posición da institución non sexa preterida no reparto de fondos da Xunta, que tradicionalmente maltratou á UDC.
A. Barxa: Dentro do mapa das universidades galegas debe haber un fío de colaboración entre todas, non só de competencia cando se vai repartir o financiamento, no que sempre saímos mal parados. Debe haber unha colaboración e mirar de que ao mellor non fai falla que haxa determinadas titulacións en todos os campus e, en cambio, precísase implantar algunha que non hai. Nalgúns casos obviamente ten que haber duplicidades, pero fai falla máis colaboración dentro do Sistema Universitario Galego. En canto ao límite de prazas que se está implantando nas titulacións a raíz de Boloña, estamos totalmente en contra porque cremos que é un impedimento para que os estudantes podan facer a carreira que lles gusta.
S. Roura: A Unviersidade ten un potencial de cambio social enorme. O que ten que garantir o sistema universitario é que ninguén quede fóra por motivos económicos. A barreira ten que ser de mérito. O incremento de taxas a partir da reiteración de matrículas é un mecanismo desincentivador da non consecución de resultados e para aqueles que nunca van á Universidade. Cando se fala de duplicidades, hai que ter en conta que o factor proximidade ten servido tamén como mecanismo de eliminación de barreiras económicas, porque o custo maior, moitas veces, é a residencia.
X. Portela: Na Universidade existe o copago. O que se está falando da sanidade existe de forma continuada no ensino superior. Parte do custo dos estudios sufrágano os usuarios con taxas bastante altas e parte, a Xunta. As bolsas sirven como elemento corrector. O mapa de titulacións é un mapa negociado e acordado no momento de segregación das tres universidades. Así, Santiago pode querer Informática e A Coruña, Medicina. Haberá que articular o xeito de preservar eses acordos ou negociar un novo mapa. O que non poder ser é que continuamente esteamos xogando a que un quere e outro non cede.
S. Roura: Hai potencialidades na área de Ciencias da Saúde aquí que non se están utilizando e non estamos nun contexto para desbotar as potencialidades. A Coruña é unha cidade de servizos, pero ten un tecido industrial de primeira magnitude. Non é un comportamento moi responsable deixar sen explotar os potenciais de desenvolvemento que temos.
A. Barxa: Estou dacordo en que se debe revisar o plano das titulacións que hai nestes momentos pero, en todo caso, que iso non supoña quitar titulacións pola cuestión da proximidade. Outra prioridade neste momento debe ser primordial rematar de adaptar os espazos que hai para a docencia no plan Boloña. Hai edificios que aínda non están totalmente adaptados para dar as aulas, con grupos máis reducidos.
S. Roura: Hai pendente o tema da mobilidade. A situación dos campus, que están donde teñen que estar, implica resolver problemas de mobilidade. Porque a pegada ecolóxica é moi importante. Hai un deficiente mecanismo alternativo de mobilidade. Iso pódese facer en diálogo fluido e constante con Concello. A partir de aí, tendo en conta en A Coruña é unha urbe de natureza metropolitana, e falar cos concellos colindantes. A Universidade ten que esforzarse en facer máis comunidade universitaria, implicando máis aos estudantes e ofrecéndolles lugares e servizos propios donde construir comunidade unversitaria e socializar, e fidelizar aos egresados. A residencia está por resolver dende hai moitísimo tempo. A min o que me preocupa é que o seu acceso estea garantido e non supoña barreira económica. Cál deba ser o mecanismo do financiamento non me parece esencial.
X. Portela: A Universidade ten que adaptar as instalacións a Boloña é esencial. Se variou a filosofía, teñen que variar os espacios e os medios vanse utilizar de diferente xeito. Hai que dotar a esa filosofía de medios persoais e espazos. Despois, fálase da imbricación da Universidade na sociedade. Eso conleva que non pode ser que a Universidade para as súas instalacións teña necesidade de expropiacións e que se descuiden os aspectos sociais que eso conleva: Elviña está rodeado de pancartas.
S. Roura: Eso chámase responsabilidade social corporativa, a responsabilidade da Universidade con todo o entramado social que a rodea. O Consello Social está apostando polos estudos nese campo, hai unha cátedra recentemente creada.
X. Portela: Está ben que haxa unha cátedra, pero os veciños están aí abandonados. Eu entendo que aquí se está establecendo unha dinámica de loita entre o público e o privado. Eu estou comprometido co público e entendo que a residencia ten que ser totalmente pública. Ten unha razón lóxica: onde se mete a empresa privada é porque hai rendemento económico, é dicir, ou ben o estudante pagaría máis, ou a sociedade pagaríalle a esa entidade os cartos que evitan que o estudante pague máis, co cal, a sociedade vaise ver implicada no custo maior dese servizo.
A. Barxa: Eu estou dacordo con Portela. Penso que a residencia ten que ser de carácter totalmente público. En canto á mobilidade, é un problema moi grave na Coruña e un dos problemas que vemos é que so haxa unha liña de autobuses para subir á Universidade. A Coruña é unha cidade de barrios e deberían crearse unhas liñas de autobuses especiais polos barrios que suban tamén á Universidade. Habería que fomentar o transporte público. Tamén vimos como recentemente subiron o prezo dos autobuses. Isto é un gasto que lle supón o estudantado. Es estudantes notan un retraso pola desaparición do carril bus.
X. Portela: Hai que organizarse e ten que partir da Universidade a loita polo ensino superior de carácter público.
S. Roura: En investigación, aos que superaron as barreiras e acadaron a excelencia, hai que apoialos porque son os fachos que tiran de todos os demais. A partir de aí, hai unha comunidade de investigadores que hai que movilizar e para esto os PAS son esenciais. Hai que axudar aos investigadores que están isolados e implicarse máis cos que xa están en grupos de excelencia. A UDC debe aproveitar tamén un feito diferencial qué é a comunidade castelán-falante que nos une a un gran colectivo e o galego, coa comunidade lusófona. Estas estratexias non se poden facer en soidade. Hai que falar con institucións, en primeiro lugar, cos concellos da Coruña e Ferrol.
X. Portela.- A UDC contrata por un lado traballadores e por outro Persoal Docente e Investigador (PDI), que ten que cumprir esas dúas condicións, docencia e investigación. Debería crear un colectivo específico de investigadores. Aí a Universidade acada moito orzamento, e iría mellor asegurándose que eses investigadores non tiveran que adicarse tamén á docencia. Iso daría estabilidade á investigación na Unviersidade porque doutro xeito, o personal investigador da UDC depende dun proxecto no que meterse e, cando acaba, remata a súa vinculación coa institución.
S. Roura: En resumo, a Universidade ten que aproveitar as moitas oportunidades que xa ten. Ten que ser asumida como unha institución responsable, que xa é rendible pero que pode ser moito máis. Ten que lograr implicar a súa contorna económica e social nos obxectivos que persegue, e para iso é esencial potenciar as relación co tecido productivo desde o Consello Social e ser quen de acadar obxectivos ben parametrizados. Debe afortalar, ademais, a investigación, mellorando a formación do PAS que traballa en investigación.Tamén completar a oferta infraestructural e establecer un plan de mobilidade.
A. Barxa: Debe haber un financiamento público suficiente para garantir unha docencia de calidades en que recaia no estudantado a través de taxas e potenciar a investigación como motor do desenvolvemento de Galicia. Pedimos unha Universidade democrática, de acceso unviersal e que forme persoas críticas e útiles á sociedade. Residencia pública en Ferrol e na Coruña. Que sexa sustentable, que aposte polo transporte público e potencie formas de mobilidade alternativas ao coche. Tamén impulsar o galego. A residencia e o plan de mobilidade son o máis importante.
X. Portela: Hai que sanear a imaxe da institución, reclamar que a residencia sexa pública na construcción e xestión, manter unhas relación co seu contorno axeitadas e acordes cos seus propios principios, e dar a imaxe dunha universidade moderna: tirar do seu potencial e centralo nesta dinámica competitiva para competir nas mellores condicións, sen olvidar que é pública.
Ocupación: Estudante e responsable de campus dos CAF
Postura: Reivindica o carácter público da Universidade, en especial en canto á construcción da residencia, que estima a cuestión máis urxente xunto cun plano que mellore a mobilidade e fomente o uso do transporte público. Defende apoiar a investigación
Ocupación: Presidente do comité de empresa do PAS
Postura: Reclama ao novo equipo que plante cara aos intentos de privatización e pide afianzar o vínculo dos investigadores na entidade académica como vía para mellorar orzamentos por resultados. Estima urxente que a institución lave a súa imaxe
|
|
|
|
Vete al cine gratis a ver los últimos estrenos en 3D y 2D con laopinioncoruna.es
| LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES | ||
LO ÚLTIMO |
LO MÁS LEÍDO |
LO MÁS VOTADO |
Piso, con 87 m2, A reformar, 3 dorm, 1 baños, 0 plaza(s) de garaje,ver más
Piso, con 91 m2, A reformar, 3 dorm, 1 baños, 0 plaza(s) de garaje,ver más
Piso, con 98 m2, A reformar, 3 dorm, 2 baños, 1 plaza(s) de garaje,ver más
Piso, con 110 m2, A reformar, 2 dorm, 1 baños, 0 plaza(s) de garajever más
Casa, Independiente con 60 m2, A reformar, 3 dorm, cocina Equipada, ver más
Piso, con 50 m2, 1 baños, .ESTUDIO DE 50 M2 CON AMPILIA ESTANCIA DIver más
Piso, con 80 m2, 3 dorm, 2 baños, amueblado, .PISO DE 80 M2 DISTver más
Piso, con 135 m2, Buen estado, 3 dorm, 2 baños, Ninguna plaza(s) dever más
Piso, con 60 m2, 2 dorm, 1 baños, 1 plaza(s) de garaje, amuebladover más
Casa, Adosado con 370 m2, A estrenar, 5 dorm, 1 aseo(s), 2 baños, 2 ver más
| CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por |
|
|||||||
|
|||||||||