Dúas persoas que decidiron poñer as súas verbas ao servizo de Galicia, Manuel Rivas e John Rutherford, foron investidos onte doutores honoris causa pola Universidade da Coruña (UDC) nunha cerimonia na que tamén se lle impuxo ao exreitor José María Barja a medalla de ouro da institución, que aproveitou o momento para facer unha apaixonada defensa da universidade pública.

Coruñés de Monte Alto o primeiro doutor. E galego por decisión propia, aínda que o destino lle fixese nacer en Londres o segundo. Agradeceron a distinción como mellor saben, con palabras. Ao acto acudiron tanto autoridades políticas como representantes de institucións sociais e culturais.

O encargado de apadriñar a Rivas foi o profesor Carlos Paulo Martínez, que destacou o compromiso social do escritor e definiu ao autor de O lapis do carpinteiro coma un "home de letras singular, o que só se consegue sendo moi plural": "Manuel sempre está do lado da xentiña e a xentalla de noso, da grey, do lumpen e dos sans culottes".

Rivas, que subiu ao estrado cun ramo de toxo que lle agasallou un grupo de veciños de Elviña, comezou dando as grazas ás culpables do seu nomeamento: "Foron as palabras as que me trouxeron aquí, e ás palabras gústalle moito a grafía da vida". O escritor, xornalista e poeta coruñés fixo protagonista do seu discurso ao galego, á que definiu como unha lingua afeita a superar adversidades. "A lingua galega non nos pertence a nós -advertiu Rivas -, perténcelle ao mundo, e acompañados por un sabio como John Rutherford podemos asegurar esa visión da cultura galega como unha célula de universalidade".

Logo dunha referencia ao sorriso de Rutherford, que o galego comparou co do profeta Daniel do Pórtico da Gloria e a lectura de dous dos seus poemas, Rivas cedeulle o estrado ao padriño do londiniense, o profesor Antonio de Toro, que louvou a figura do intelectual inglés e a súa paixón pola música. Precisamente foi unha das súas pezas, Vila Meiga, a que lle deu a benvida aos convidados antes da cerimonia.

Coa súa particular ou natural mestura entre a flema británica e retranca galega, o tradutor e investigador repasou os motivos que levaron a un rapaz de Londres a descubrir a cultura galega e destacou a importancia das periferias fronte aos supostos núcleos: "Nos cincuenta, Galicia era a periferia desa outra periferia que era a triste España deses anos. Pero en Ribadeo descubrín un forte sentido da identidade que non atopei en Londres".

Rutherford proclamou ademais o tamén periférico traballo de tradutor. "O bo tradutor non copia, recrea -explicou-, trata as palabras con amor e pode centrar as súas enerxías na linguaxe". O terceiro vértice do discurso do galeguista foi a peregrinaxe xacobea, á que definiu como un mundo alternativo no que, durante un mes, pódese viaxar á parte do mundo, en contacto coas verdades absolutas e sen preocuparse polas vulgaridades da vida cotiá: "Hoxe en día domina como nunca a ética materialista pero na periferia aínda queda algo de sentidiño. Temos que volver ser persoas e non meros consumidores, a periferia sinala o camiño a un futuro alternativo, o único posible".

Despois de cumpriren coas tradicións académicas e as entregas de togas e diplomas, o reitor da UDC, Xosé Luis Armesto, pechou o acto cun discurso no que citou a William Butler Yeats e destacou a férrea custodia de Galicia e a súa cultura dos tres homenaxeados: "No perfil da Universidade da Coruña a defensa da identidade cultural de Galicia non se inclúe como complemento retórico, é un rasgo fundamental".