A Fundación Barrié acolleu onte o encontro Diálogos 02, que se desenvolveu sobre o tema Metropolitanizar, como falar entre cidades?, polo que abordou a organización territorial das áreas metropolitanas galegas. O profesor Antonio García, un dos expertos en urbanismo participantes na iniciativa, advirte de que o éxito destes procesos depende que os concellos se integren de modo voluntario.

-É imprescindible a creación de áreas metropolitanas nas principais cidades de Galicia?

-O fenómeno das áreas metropolitanas non é novo, xa que se levan facendo en Estados Unidos desde os anos sesenta e logo viñeron as europeas, polo que nós estamos vivindo ese proceso trinta anos despois. Estes sistemas xorden da necesidade de conseguir a prosperidade dos habitantes dunhas zonas máis amplas que as cidades centrais. Nós estamos agora nesa posición porque o sistema urbano das nosas cidades é policéntrico e hai que ordenalo. As áreas metropolitanas ou funcionais créanse para recoller as potencialidades existentes e ser máis dinámicas e competitivas a nivel global, polo que o feito de non crealas aquí está facendo que perdamos competitividade.

-Por que é tan díficil poñelas en marcha no caso galego?

-Estes procesos son novos en España, aínda que xa hai áreas metropolitanas en Cataluña, onde naceron como consorcios para xestionar dotacións ou o medio ambiente. O problema céntrase sempre no seu control e no financiamento, porque se non establecen claramente as competencias e non hai un financiamento claro, nun momento en que os concellos non teñen cartos nin para eles mesmos resulta imposible pensar en que teñan que ceder algunha competencia ou dar cartos para poder xestionala. Esta é unha característica do urbanismo español, no que todo se fai desde arriba cara a abaixo, sen pensar en que este proceso debe ser voluntario. O caso da área metropolitana de Vigo, que non se crea malia que a súa xestación comezou no 1995, explícase por esta cuestión, xa que están discutindo se a goberna a Deputación, que é dun signo político diferente ao do Concello de Vigo. Nun contexto como o que temos, non é cuestión de crear novas entidades supramunicipais, polo que ou desaparecen as deputacións ou elas mesmas, con funcionarios máis especializados, deben facer un consorciamento de concellos con representación de todos.

-Que sería mellor na súa opinión, crear unha área metropolitana como no caso de Vigo ou consorciar servizos como se propón na Coruña?

-Sexa o que sexa, ten que ser voluntario. O máis importante son os habitantes e a mellora da súa calidade de vida, polo que é no que hai que pensar. Que é mellor? Aquel sistema que chegue a un acordo á medida de todos. Os primeiros problemas van ser de financiamento e de que asuman competencias que son moi necesarias, porque non se pode facer un planeamento para un só concello. O sistema español é un desastre porque os gobernos rexionais non fan máis planeamento que unhas directrices xerais e todo recae sobre as grandes infraestruturas e os concellos. Hai que ter en conta que máis do 80% da poboación española vive nestas áreas e a maior parte da actividade económica está radicada nelas.

-Noutros países foi fundamental a voluntariedade para a creación das súas áreas?

-Hai lugares como Boston, nos Estados Unidos, no que son 101 municipios os integrados nunha entidade pública independente e de carácter rexional á que ceden competencias e na que a integración é voluntaria. En Eindhoven, en Holanda, a integración na súa área urbana non é obrigatoria pero o Estado permite que os concellos se unan para crealas e compartir dotacións, controlar o medio ambiente ou facer o planeamento e o Goberno lles cede competencias. Hai países nos que mesmo son ONG as que xestionan estas áreas.

-Pero en Galicia as maiores discrepancias veñen dos concellos centrais, A Coruña e Vigo, cando serían impensables áreas metropolitanas nas que non estiveran estas cidades.

-Sería absurdo. A cidade central dunha área metropolitana é un elemento fundamental porque aglutina moitos servizos que os outros concellos non poden ter e que por suposto debe compartir. En calquera outro sitio sería impensable que existira unha rede de ferrocarril como a da comarca coruñesa e que non houbera un tren de cercanías. É unha cousa absurda que cada persoa teña que vir no seu propio coche para chegar á Coruña ou a un polígono industrial.

-Cre que as reticencias poden vir do temor dos alcaldes a perder poder nos consorcios ou áreas?

-Efectivamente, pero aí entramos noutro problema que non é galego, senón español, como é o localismo. España funcionalmente en principio é federal, pero as rexións non porque non se estableceron de forma clara as competencias, aínda que hai unha lei que fixa que é unha área metropolitana e cales son as súas competencias. A rexión transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal está considerada en Europa como unha das máis dinámicas e porén coas áreas metropolitanas estamos perdendo o tren de sumarnos a estes procesos.

-Podería facer algo a Xunta para rachar con este localismo? Intentouno en Vigo e semella que non obtivo moito éxito.

-Iso é porque nos gobernos tamén se pensa en clave local, e non cuestión do goberno dunha cor ou doutra, senón que hai unha estrutura do territorio que case é do Antigo Réxime e trescentos anos despois seguimos con ela, cando está anticuada, polo que ten que haber vontade de renovala.