O grupo municipal do BNG da Coruña celebrou hoxe que o Ministerio de Fomento atendera a petición de rebaixar os prezos dos billetes do Avant entre A Coruña e Santiago de CompostelaAvant A CoruñaSantiago , pois sinala o Bloque que "o tempo empregado polo ferrocarril de alta velocidade é semellante ao do tren convencional de media distancia" neste traxecto.

"Coa modificación da tarifa, o prezo do billete pasará dos 11,9 euros actuais a 6,75 euros a partir do 17 de xuño. Para o BNG, o prezo supuña un importante obstáculo e unha clara desvantaxe fronte aos usuarios e ás usuarias doutras liñas do Estado, que se agrava comparativamente tendo en conta que alcanzan velocidades superiores ás deste servizo prestado en Galiza", explica o BNG nun comunicado onde reclama que a rebaixa se aplique tamén ás tarifas de media distancia "logo da suba desmesurada decretada polo Goberno central nos servizos que unen as cidades e vilas galegas"

O grupo nacionalista coruñés destaca que o deputado e candidato á Xunta de Galicia Francisco Jorquera rexistrou

unha iniciativa parlamentar contra o incremento das tarifas, que prexudican -di o BNG- a traballadores e estudantes. "Non ten sentido esta suba nun momento económico en que as maiorías sociais están sufrir unha gran perda do seu poder adquisitivo", alegan desde o BNG e engaden: "O prezo do billete en traxectos como o da Coruña-Vigo aumentou en 1,70 euros na tarifa 4, pasando de 14,90 euros a 16,60, un incremento de case o 13 por cento. O aumento do prezo afectoulles a todas as tarifas, como a 2, e tamén aos abonos, que experimentaron unha suba dun 5,74 por cento".

Contra a privatización de servizos ferroviarios

O Grupo Municipal do BNG denuncia tamén a falta de compromiso do PP co tren como medio de transporte logo das "ridículas" partidas destinadas nos orzamentos xerais do Estado, tanto no que ten a ver cos servizos de proximidade como no que atinxe á conexión ferroviaria do Porto exterior. Precisamente, os nacionalistas, a través de Jorquera, presentaran emendas para corrixir estas deficiencias orzamentarias, mais foron rexeitadas polo PP no Congreso dos Deputados.

O BNG relaciona esta falta de investimento co risco de privatización de determinado tipo de servizos, o que según o BNG implicaría a supresión de itinerarios e corredores como A Coruña-Ferrol ou A Coruña-Monforte. O Bloque acusa ó PP de pretender "acabar coas liñas que economicamente non lle resultan rendíbeis". Os nacionalistas advirten de que, malia a duración do enlace A Coruña-Ferrol, hora e cuarto, as frecuencias, só 5 os días laborábeis, e o prezo, 5,65 euros, os usuarios e usuarias non deixan de aumentar.

"Malia que traxecto A Coruña-Ferrol tarda case tanto o AVE Madrid-Valencia, unha hora e media, o número de viaxeiros subiu un 25 por cento", apuntan e engaden tamén que "segundo datos do sindicato CGT, máis de 80.000 viaxeiros e viaxeiras empregaron esta conexión no 2011, o que representa un 25 por cento máis que no 2008. Estas cifras, que expedimentarán un aumento por mor da crise, evidencian que é necesario investir nun servizo de proximidade que nos una coa comarca de Ferrol e coa nosa comarca en clave de axilidade, comodidade, sustentabilidade e con prezos asequíbeis".

"Negreira non pode ficar de brazos cruzados -continúan desde o BNG- ante a discriminación respecto doutras partes do Estado, xa que Galiza é a única autonomía do litoral do Estado español que carece de servizo de cercanías"

--